Mulleres que abriron as fendas que nós cruzamos

Só unha de cada tres persoas que se dedican á investigación científica é muller. As mulleres representan soamente o 22% dos profesionais que traballan no sector da intelixencia artificial e o 28% das persoas que se gradúan en enxeñaría. Só 19 mulleres foron galardoadas con premios Nobel de Ciencias desde 1901.

Segundo o Informe da UNESCO sobre a Ciencia de 2021, ás mulleres concédenselles menos fondos para a investigación que aos homes e teñen menos posibilidades de promoción. Igualmente, no sector privado, as mulleres teñen menor presenza na dirección das empresas e nos postos técnicos das industrias tecnolóxicas. A era dixital, baixando un chanzo, afonda no crecemento da brecha de xénero e nas desigualdades económicas e sociais de forma xeral.

Invisibilización, falta de recoñecemento, exclusión dos círculos profesionais... As barreiras seguen a ser hoxe explícitas e implícitas, coma nos tempos en que lles tocou vivir ás mulleres das que falamos neste especial. Son doce vídeos sobre referentes no avance da ciencia e do coñecemento, pioneiras que nos abriron fendas, non sen dificultades, para que nós as ensanchemos.

Póker de sabias

Vídeo didáctico (4´ 28´´) pertencente á serie web de ficción Sophias, elaborada polo Consello da Cultura Galega co obxectivo de crear recursos audiovisuais que axuden a divulgar no ámbito do ensino as ideas das mulleres filósofas ao longo da historia.

Neste primeiro capítulo poderás coñecer mellor algunhas das figuras da filosofía da época antiga e medieval, como Aspasia de Mileto, Safo de Lesbos, Hipatia ou Hildegarda de Bingen.

Jimena Fernández de la Vega

Co gallo da celebración do Dia da Ciencia en Galicia 2021, a Real Academia Galega de Ciencias nomeou a Jimena Fernández de la Vega (Vegadeo, 1895-Santiago de Compostela, 1984) "Científica Galega do Ano". Neste vídeo conmemorativo (9´ 17´´) poderás achegarte aos datos máis salientables da vida e da obra desta científica e divulgadora excepcional, pioneira da investigación xenética en España.

Isabel Zendal. A muller galega que participou na 1ª campaña de vacinación

Vídeo divulgativo (13´ 45´´) no que Carmela Cela nos fai un retrato biográfico de Isabel Zendal, unha muller galega, orixinaria de Ordes, que está considerada como a primeira enfermeira da historia en participar nunha misión humanitaria internacional. A enfermeira Isabel Zendal participou na Real Expedición Filantrópica da Vacina (1803-1812) , dirixida polo doutor Francisco Xavier Balmis co obxectivo de levar a vacina da varíola a América.

Elvira López Mourín: primeira enfermeira da aviación sanitaria española

Vídeo divulgativo (10´ 18´´) no que se fai un retrato biográfico de Elvira López Mourín, unha enfermeira orixinal de Láncara (Lugo) que formou parte do primeiro voo de carácter sanitario da historia de España, realizado o 1 de novembro de 1922 co obxectivo de socorrer os feridos da batalla de Tizzi Azza en Marrocos.
Grazas á súa entrega e valentía foi merecente no seu momento do recoñecemento dos reis Alfonso XIII e Victoria Eugenia. Case un século despois, Elvira López Mourín protagonizou o selo de Correos co que se conmemorou en 2020 o Ano Internacional das Enfermeiras e Matronas.

Emilia Pardo Bazán. Unha muller avanzada ao seu tempo

Vídeo divulgativo (12´ 11´´) no que se realiza un percorrido pola vida, a obra e o pensamento de Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851- Madrid, 1921), unha intelectual polifacética adiantada ao seu tempo, pioneira en ocupar espazos tipicamente masculinos na súa época e considerada actualmente a mellor novelista española do século XIX.

A peza foi realizada por Diseño Comunicación Cazamanzana, ao abeiro do Fondo Xacobeo 2021-2022.

Ángeles Alvariño, a vontade de facer ciencia de calidade en condicións difíciles

Vídeo didáctico (47´, 27´´), dirixido a alumnado de secundaria, no que Xosé Fraga (doutor en Bioloxía e diplomado en Historia das Ciencias ) fala da relevancia científica da oceanógrafa Ángeles Alvariño (1916-2005), expoñendo tamén algúns aspectos pouco coñecidos da súa vida, como foron as dificultades que tivo que afrontar ao longo da súa carreira profesional polo feito de ser muller.

A charla tivo lugar o 1 de decembro de 2022 con motivo do XIII Día da Ciencia en Galego, conmemoración promovida por Igaciencia.

Teoría da expansión do fondo oceánico. Marie Tharp

Vídeo (7´ 23´´) que explica como se sentaron as bases da teoría da tectónica de placas e como se chegou á conclusión de que o solo oceánico está en continua expansión. Poderás introducirte no coñecemento do fondo oceánico a partir dos datos que achegaron dous xeólogos pioneiros: Marie Tharp, que elaborou o primeiro mapa do fondo oceánico e constatou a existencia das dorsais, e Harry Hess, precursor da teoría da expansión do fondo oceánico. Material elaborado por Adela Otero e Xacobo de Toro, profesores de secundaria de bioloxía e xeoloxía, no marco do proxecto XeoClip.

Chiquicuriosidades

Vídeo didáctico (2´ 30´´) no que se ofrece un breve resumo da vida e obra de dúas relevantes mulleres científicas: Hipatia de Alexandría (370-415) e a matemática galega María Josefa Wonenburger (1927-2014).
Esta peza foi realizada por Sara Marco Andrade, Carmen Caeiro Arca e Sofía Caramés Lage, alumnas de 4º de ESO do IES Frei Martín Sarmiento ( Pontevedra), e recibiu o premio do público no concurso "Explícoche matemáticas 2.0", na edición de 2019.

A primeira programadora

Co ánimo de compensar a ausencia de referentes femininos nos libros de texto, Sara Ramos López e Uxía Varela Castro (alumnas do IES Afonso X O Sabio de Cambre) ofrecen neste vídeo didáctico (1´ 52´´) unha breve presentación da matemática e escritora inglesa Ada Lovelace (1815-1852), que se converteu na primeira programadora da historia.
Esta peza foi galardoada co primeiro premio do concurso "Explícoche matemáticas 2.0", na edición de 2021.

Conversa con Jocelyn Bell

Vídeo divulgativo (32´ 23´´), dirixido ao alumnado galego, que contén unha conversa coa astrofísica Jocelyn Bell (Irlanda do Norte, 1943), a quen lle debemos o descubrimento dos púlsares: estrelas de neutróns en rápida rotación que emiten radiacións moi intensas a intervalos regulares. A conversa, conducida pola tamén astrofísica galega Ana Ulla, foi organizada pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en 2020, no marco do XXIV Congreso Estatal de Astronomía.

O radio e Marie Curie

Vídeo divulgativo (1´ 29´´) no que se expón, dun xeito moi orixinal, a relación de Marie Curie cun elemento químico, o radio (Ra), descuberto en 1998 por ela mesma e mais o seu marido, Pierre Curie.
A peza, elaborada por Nayra Vázquez Mata, Nicolás Castro Parada e Manuel Rodríguez Cortés, alumnado do CPR Santiago Apóstolo de Narón, recibiu en 2019 o primeiro premio do concurso "O meu elemento", organizado pola Facultade de Ciencias, o grupo de innovación CienciaNOSA e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

O invento dunha científica adolescente que axuda a curar feridas

Vídeo de TED (6´ 58´´) no que Anushka Naiknaware nos fala das feridas crónicas, aquelas que non cicatrizan axeitadamente debido a unha enfermidade previa do paciente (normalmente diabetes), e que supoñen un gran custo económico para os sistemas sanitarios de todo o mundo. Con tan só 14 anos, esta científica adolescente investigou sobre o tema, construíu un laboratorio no seu propio garaxe e inventou un sensor que axuda a monitorizar o proceso de curación deste tipo de feridas.

Tradución ao galego de Sara Fandiño.