Entender a adversidade nos mapas do tempo

O factor humano é a principal causa dun cambio climático que cada vez amosa as súas consecuencias con maior crueza: mudanzas nos padróns de chuvia, aumento do nivel do mar, desxeo dos glaciares, quecemento dos océanos e fenómenos meteorolóxicos extremos.

Fenómenos adversos coma as diferentes DINA que acaba de sufrir a costa mediterránea serán cada vez máis frecuentes na Península Ibérica e se ben é certo que non podemos evitalos, tamén o é que a educación e o coñecemento poden minimizar os seus danos. Sobre esta premisa aséntase tamén o concepto de alfabetización climática, co que a ONU pon de manifesto a necesidade de políticas educativas e canles de divulgación científica que conciencien a cidadanía da urxencia de frearmos a crise climática antes de que chegue a un punto de non retorno que comprometa directamente o futuro do planeta.

Co ánimo de contribuír modestamente nesta necesaria alfabetización, desde Proxector escolmamos unha ducia de recursos que nos falan dos factores que determinan o clima, nos advirten das consecuencias do cambio climático e nos ensinan a interpretar os fenómenos meteorolóxicos adversos dos que alertan os mapas do tempo.

Interpretando o mapa do tempo. Situacións típicas de Galicia

Gustaríache aprender a interpretar os mapas do tempo? Neste vídeo didáctico (2´ 51´´) o profesor Xacobo de Toro, apoiándose en materiais fornecidos pola meteoróloga Ana Lage, explícanos como identificar e interpretar nun mapa meteorolóxico as frontes activas (anticiclóns, borrascas…), os ventos e as temperaturas do aire en altura.

Este recurso está dirixido a alumnado de ESO e bacharelato.

O cambio climático: un fenómeno natural?

O cambio das temperaturas e dos padróns climáticos é unha realidade con consecuencias evidentes na nosa vida cotiá, pero son as causas destes cambios exclusivamente naturais, como algunha xente defende?

Neste vídeo divulgativo (4´ 03´´), pertencente á serie #Desmontandomitos de Gciencia, Gonzalo Míguez Macho, profesor de Física Atmosférica da USC, explícanos cales son as evidencias científicas que constatan que o actual quecemento global está provocado polo radical aumento de CO₂ na atmosfera.

Non digas DANA

As terribles inundacións acontecidas en Valencia a finais de outubro deste 2024 volveron poñer de actualidade nos medios de comunicación o termo DANA, que fai alusión a un fenómeno meteorolóxico adverso de chuvias moi intensas e ventos fortes. Pero sabías que en galego a forma correcta é DINA? Esther Estévez explícache moi brevemente (32´´) o motivo.

O vídeo forma parte do espazo televisivo DígochoEu, que emite a Televisión de Galicia para achegar o galego á poboación de forma dinámica e entretida.

Que é un rebentón húmido?

Cando se produce un descenso brusco de masas de aire con precipitacións falamos dun rebentón húmido, un fenómeno meteorolóxico que pode causar grandes danos debido á intensidade da chuvia e ás fortes rachas de vento. Este vídeo didáctico axudarache a entendelo en menos dun minuto (55´´).

Por que teñen nome as borrascas?

Vídeo de divulgación científica (5´ 08´´), difundido na canle Naturiza, no que Diego Ferraz Castiñeiras che explica que é unha borrasca e cales son os diferentes nomes xenéricos que recibe dependendo de onde se forme. Tamén descubrirás o motivo polo que estes fenómenos atmosféricos de grande impacto teñen nome propio.

Furacáns

Vídeo didáctico (2´ 11´´), dirixido a alumnado da ESO e bacharelato, no que os profesores Xacobo de Toro e Jorge Gutiérrez nos falan dun dos tipos de vento máis devastadores que existen: o furacán (tamén chamado tifón ou ciclón tropical). Nesta vídeo-lección descubrirás cales son as súas principais características e que zonas do planeta os sofren con máis frecuencia.

A formación dos tornados

Episodio do programa “Aquelando con chispa” da TVG (15´ 27´´) no que Manuel Vicente e David Ballesteros, coa participación do alumnado do IES Antón Fraguas (Santiago de Compostela), nos explican de forma divertida como se forman os tornados.

Pode caer un raio dúas veces no mesmo sitio?

A diferenza de potencial eléctrico que pode existir entre a parte alta das nubes e o chan acaba provocando descargas de alta intensidade moi perigosas, que percibimos a través dun lóstrego e mais dun trono. Saberías onde refuxiarte nesta situación? Neste vídeo divulgativo (4´ 38´´) Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo na Universidade de Santiago de Compostela, fálanos deste fenómeno, explícanos como funciona un pararraios e resolve a dúbida sobre se un raio pode caer dúas veces no mesmo sitio.

Esta peza, elaborada por María Piñeiro e Miguel Sardo, forma parte da serie #DesmontadoMitos de GCiencia.

De onde vén a riqueza meteorolóxica de Galicia?

Juan Taboada Hidalgo fálanos nesta charla didáctica (38´ 48´´) da riqueza meteorolóxica de Galicia, explicando as principais características dos diferentes microclimas galegos e os factores que motivan esta diversidade.

Esta charla tivo lugar no marco de A luz da ciencia. Dolmen de Dombate. Aulas científicas 2021, unha iniciativa dirixida por Jorge Mira e organizada pola Deputación da Coruña e mais o Concello de Cabana de Bergantiños.

A corrente en chorro

Vídeo de divulgación científica (4´ 48´´) , integrado na canle de Youtube “O Son das Ideas”, que che axudará a entender en que consiste a corrente en chorro, un fenómeno meteorolóxico que determina o clima nas nosas latitudes. Descubrirás como lle está a afectar o cambio climático a estas correntes de aire e tamén aprenderás que aplicación comercial teñen no ámbito da aeronáutica.

Para que serve estudar os ciclos hidrolóxicos?

Vídeo divulgativo (49´´), elaborado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, no que a investigadora Raquel Nieto nos explica por que é importante estudar os ciclos hidrolóxicos para poder detectar aquelas rexións que son máis vulnerables antes os fenómenos meteorolóxicos extremos.

O cambio climático

Espectáculo didáctico (43´) sobre o cambio climático, dirixido a alumnado de educación secundaria, que se emitiu en directo o 10 de maio de 2018 no marco da décimo terceira edición de Galiciencia. Na súa charla David Ballesteros axúdanos a entender, entre outras cousas, cal é a diferenza entre tempo e clima, que debemos entender por “cambio climático” ou cales son os factores (tanto os naturais coma os externos) que máis inflúen nos cambios do clima.