Arquivos: conservar a memoria para mellor difundila

Os arquivos son entidades cun importante papel na misión de preservar e facer accesibles os documentos que repercuten na vida diaria da cidadanía. Mais, cando falamos deles, tendemos a pensar noutro tipo de arquivos, non os administrativos, senón os históricos. Os vídeos didácticos deste especial dannos a coñecer algunhas das institucións de referencia en Galicia e tamén centros de ámbito local que contribúen, igualmente, a achegar ao ámbito da educación a historia e o patrimonio documental e artístico galegos.

Desde documentos datados no século X ata a actualidade: códices medievais, documentación persoal das migracións do s. XX, os primeiros textos saídos dunha imprenta galega ou a Carta Xeométrica de Galicia, de Domingo Fontán, a primeira realizada en España con medicións matemáticas e que serviría de modelo para moitas máis.

A necesidade e o valor deste traballo foron xa destacados polo Seminario de Estudos Galegos. Este especial súmase ás iniciativas do Día Internacional dos Arquivos preparando un roteiro cargado de tesouros e un futuro alentador da man das novas tecnoloxías. Tamén nos prace parabenizar aos centros e profesionais que manteñen viva a nosa memoria, comezando, como non, polos que o fan desde as institucións que impulsan Proxector.


Imaxe: Foro do bo burgo de Castro Caldelas.
Atopado no Arquivo da Casa de Alba e editado polo Consello da Cultura Galega. É o documento máis antigo escrito en galego en Galicia (ca.1232).

Unha das sete capitais do Reino de Galicia: o edificio Arquivo como legado

Neste vídeo divulgativo (2´ 22´´) a historiadora Andrea Riveira fálanos dunha construción arquitectónica de especial interese histórico e cultural: o edificio Arquivo da cidade de Betanzos, coñecido popularmente como Liceo, que foi construído na segunda metade do século XVIII. Trátase dun edificio peculiar construído para custodiar o Arquivo do Reino de Galicia, unha función que nunca chegou a cumprir.

A peza forma parte da serie audiovisual Betanzos Capital, elaborada pola cooperativa Marma ao abeiro do II Certame de Fondos do Reino de Galicia organizado pola Deputación de Coruña.

O Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra. Un pasado para un futuro

O Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra creouse en 1931 e na actualidade é unha institución de titularidade estatal xestionada pola Xunta de Galicia. Neste vídeo divulgativo (11´ 54´´) fálannos das súas funcións, dos servizos que presta (tanto á propia administración como á cidadanía xeral) e do inmenso valor e diversidade dos documentos que custodia.

Descubrindo o Arquivo de Galicia

O Arquivo de Galicia (situado na Cidade da Cultura) é a cabeceira do Sistema de Arquivos de Galicia e foi creado en 2010 para conservar e difundir o noso patrimonio documental. Neste vídeo divulgativo (2´ 3´´) descubrirás a diversidade e o valor dos documentos que custodia, así como os servizos que presta tanto á propia Administración como ao conxunto da cidadanía.

Arquivos e historia local

Ángel Arcay Barral, director da Biblioteca e Arquivo Municipal de Betanzos e do Museo das Mariñas, fálanos nesta entrevista (17´ 19´´) das funcións dos arquivos municipais e da súa contribución á educación, á cultura e á investigación da historia local. Tamén nos achega a unha figura xurídica que aparece nos protocolos notariais: a das mulleres espontaneadas (procedemento polo que unha muller solteira declaraba o seu embarazo).

A peza, elaborada por Mazarelos Coop, forma parte do ciclo de entrevistas divulgativas Baixa á praza, onde diferentes expertas reflexionan, desde distintas prazas de Santiago de Compostela, sobre elementos da historia e a memoria de Galicia.

Documentos históricos de Ourense. Unha viaxe milenaria

Neste vídeo divulgativo (8´ 40´´) o Arquivo Histórico Provincial de Ourense convídanos a facer un percorrido por dez séculos da historia da provincia, a través de 22 documentos dos 78 que integran a súa exposición permanente “Documentos históricos de Ourense”. Tamén se ofrece unha breve panorámica das funcións, a organización documental e os servizos que ofrece á cidadanía este arquivo.

Mostra de códices no Arquivo do Reino de Galicia

Vídeo divulgativo (1´ 12´´) no que se ofrece unha breve panorámica da mostra sobre códices e documentos medievais organizada no Arquivo do Reino de Galicia con motivo da Feira das Marabillas da Coruña 2023. O obxectivo desta mostra era achegar ao público xeral unha selección de documentos orixinais de época medieval procedentes da Colección de fragmentos de códices e impresos que custodia este Arquivo, datados aproximadamente entre os séculos X e XVIII.

As listaxes de embarque de pasaxeiros cara a América

As listaxes de embarque de pasaxeiros cara a América, elaboradas pola Comisaría de Policía do Porto de Vigo e custodiadas actualmente no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, son unha documentación de gran valor para o estudo da emigración transoceánica dos séculos XIX e XX. Neste vídeo divulgativo (2´ 25´´) explícannos toda a información que conteñen estas listaxes.

A peza forma parte da serie audiovisual Sobranceiros do arquivo, na que se presentan documentos destacados e singulares do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra.

O foro: un contrato agrario esencial na historia de Galicia

O 3 de xullo de 1476 o abade do mosteiro de Santa María de Montederramo reuníase co matrimonio formado por Meen Fernándes de Cristosende e María Fonso para formalizar un contrato de foro polo cal o mosteiro lle cedía ao matrimonio o dereito a gozar dun conxunto de terras situadas en San Salvador de Cristosende. Como contrapartida, o matrimonio pasaba a ser vasalo do mosteiro e a pagar unha renda anual con parte do centeo recollido nesas terras.
O Arquivo Histórico Provincial de Ourense, partindo deste documento concreto que custodia nos seus fondos, explícanos neste vídeo divulgativo (2´ 53´´) a importancia que tivo na historia de Galicia o contrato agrario do foro.

Proceso de restauración da Carta geométrica de Galicia

Vídeo divulgativo (4´ 06´´) no que se amosan as diferentes fases do proceso de restauración da Carta geométrica de Galicia de Domingo Fontán (1845), desenvolvido no obradoiro de restauración do Arquivo do Reino de Galicia.

Reciclaxe de documentos: un título de barbeiro sangrador

Vídeo divulgativo (2´ 22´´) no que o Arquivo Histórico Provincial de Ourense nos fala da práctica frecuente da reutilización de documentos en pergamiño, grazas á cal conservamos actualmente documentos que, doutro xeito, case con toda probabilidade se terían perdido. Un exemplo desta práctica de reciclaxe documental é o título de barbeiro sangrador concedido a Juan de Castro a finais do século XVI, documento que nos permite achegarnos á técnica (supostamente terapéutica) da flebotomía e que conservamos actualmente porque, tras perder o seu valor xurídico, foi posteriormente reciclado e empregado en 1672 para encadernar unhas escrituras notariais.

A fotografía no Seminario

En 1926 créase no seo do Seminario de Estudos Galegos (SEG) un novo “Arquivo gráfico” ou Sección de Catalogación Iconográfica, que empeza a funcionar baixo a dirección de Constantino Candeira, co propósito de elaborar a “Catalogación iconográfica de Galicia”. Neste vídeo divulgativo (2´ 10´´) explícannos a grande importancia que os elementos gráficos (ilustracións e fotografías) tiñan nas campañas de investigación do SEG.

A peza forma parte da serie de vídeos conmemorativos coa que o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento está a difundir a historia, e o patrimonio documental e artístico do SEG.

Galiciana. O Arquivo Dixital de Galicia

Galiciana é un arquivo dixital creado pola Xunta de Galicia que integra obras dixitalizadas procedentes dos fondos propios do Arquivo de Galicia, dos arquivos históricos xestionados pola Xunta de Galicia, dos da Administración local e educativa, así como dos de institucións culturais galegas de especial interese (Museo do Pobo Galego, Fundación Penzol de Vigo, Real Academia Galega…). Neste vídeo (9´ 47´´) atoparás un titorial de uso para facer buscas asistidas ou simples nesta plataforma.