Arqueoloxía: un bo plan para coñecer Galicia este verán

Galicia conta cun inmenso patrimonio arqueolóxico espallado por todo o seu territorio. Grazas ao traballo e ao rigor científico dos/as arqueólogos/as podemos apreciar este valioso legado e entender mellor a evolución do pobo galego e da súa cultura ao longo do tempo. Petróglifos, necrópoles, castros, casas e vilas romanas, fábricas de salgadura ou castelos medievais, así como as lendas e a memoria oral vinculada, conforman un rico mosaico que nos fala da forma de vivir, de entender o mundo, de relacionarse coa natureza e de organizarse socialmente que tiñan os nosos devanceiros.

Ás portas do remate do curso académico e da chegada do verán, desde Proxector convidámoste a coñecer Galicia dun xeito distinto. A nosa proposta de arqueoturismo inclúe un percorrido xeral desde a Prehistoria ata a Galicia medieval, facendo unha paradiña máis demorada nunha selección de espazos que exemplifican a diversidade e valor do noso patrimonio arqueolóxico: o xacemento da Lanzada (Sanxenxo), a Domus do Mitreo (Lugo), o sitio arqueolóxico da "Estación da Ferradura" (Amoeiro), o castelo da Rocha Forte (Santiago de Compostela), o castro de Castañoso (A Fonsagrada), o xacemento do Cano dos Mouros (Oia), o proxecto arqueolóxico de San Lourenzo (A Pobra do Brollón) e o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra).

Goza da viaxe e vémonos en setembro!

[Imaxe da portada: castro de Borneiro, Cabana de Bergantiños. Fonte: Turismo de Galicia.]

O amencer da humanidade. O primeiro poboamento de Galicia

Vídeo de divulgación científica (7´ 40´´) no que os investigadores Eduardo Méndez Quintas (Universidade de Vigo) e Arturo Lombera Hermida (Universidade de Santiago de Compostela) explican en que consiste o traballo arqueolóxico e falan dos xacementos nos que traballan, así coma dos lugares onde se expoñen os seus achados. Esta peza, elaborada ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021-2022, complementa unha exposición itinerante homónima deseñada para centros educativos.

Material didáctico complementario:
-Unidade didáctica para secundaria

Os restos do pasado: unha viaxe pola Lanzada

Vídeo (15') no que se relata a historia do xacemento arqueolóxico da Lanzada (Sanxenxo, Pontevedra) desde os estudos máis antigos ata as escavacións máis recentes.

Esta curtamentraxe, producida por JD Gamallo e Mateo Fontán Couto, recibiu o primeiro premio, na categoría Bifaces, do "I Festival de Curtametraxes sobre o Patrimonio Arqueolóxico da Provincia de Pontevedra Telearqueoloxía 2016", promovido polo Museo de Pontevedra.

A Domus do Mitreo. Domus e materiais

O Museo Universitario A Domus do Mitreo (xestionado pola USC) amósanos neste breve vídeo divulgativo (1´ 12´´) cal era a estrutura e a función das diferentes estancias da casa romana do período altoimperial coñecida actualmente como A Domus do Mitreo. Tamén se fai alusión á depurada técnica arquitectónica e aos materiais empregados na súa construción.

Material complementario:
-Outros vídeos da mesma serie
-Material didáctico para traballar na aula

O Sol nos Chaos

Documental (27´), dirixido por Marcos Nine, que describe o sitio arqueolóxico da "Estación da Ferradura", nos Chaos de Amoeiro (Ourense). Trátase dunha zona con restos de altísimo valor, con petróglifos podomorfos, outros con forma de serpes, cazoletas... e para os que os investigadores apuntan usos astronómicos e rituais.

O castelo da Rocha Forte

Documental de Nós Televisión (12´ 03´´) que che permitirá achegarte á historia do castelo da Rocha Forte, unha fortaleza medieval que dá testemuño do poder militar e económico nesa altura do arcebispo compostelán. Carlos Delgado, presidente da Asociación Rocha Forte; Lola Cerqueiro, arqueóloga municipal; e Mercedes Rosón, concelleira de Cidade Histórica na data de elaboración do documental (2000), explícannos cal foi o programa de actuacións encamiñadas a descubrir, estudar e restaurar o recinto intramuros da fortaleza e os sectores externos máis próximos.

A sauna do Castelón de Castañoso

En 2011 descubríronse os restos dunha sauna castrexa no castro de Castañoso (A Fonsagrada). Dado o seu bo estado de conservación e o seu valor excepcional, as administracións emprenderon traballos de escavación, consolidación e recuperación desta construción. Este vídeo divulgativo (15´ 39´´), elaborado en 2015, amosa o estado actual da sauna despois dos traballos realizados, explica a súa estrutura e apunta os usos que podía ter, amais do puramente utilitario.

Máis información sobre o estado en que foi atopada en 2011 neste apuntamento do blog Capítulo Cero.

Os castros. Doce castros galaicos

Neste vinculo externo poderas ver
Os castros. Doce castros galaicos

Sétimo capítulo (29´ 51´´) da serie documental "Os castros", emitida na Televisión de Galicia en 2020. Nesta última entrega terás a oportunidade de coñecer doce castros galaicos, como exemplo do legado que herdamos da cultura castrexa. Coñecerás as principais características do castro de Baroña, en Porto do Son; dos castros de Neixón, en Boiro; do castro de Borneiros, en Cabana de Bergatiños; do castro de Elviña, na Coruña; do castro de Viladonga, en Castro de Rei; do castro de Castromaior, en Portomarín; do castro da Torre, en Folgoso do Courel; do castro de San Cibrao de Las, en Punxín-San Amaro; do castro de Castromao, en Celanova; do castro de San Tomé, en Ourense; do castro de Santa Trega, na Guarda; e do castro de Castrolandín, en Cuntis.

O Rei Sol: Arqueoloxía sen escavar

Vídeo de divulgación científica (12´ 22´´). Desde hai uns anos, as comunidades veciñais de montes en man común de Oia xuntáronse para formular unha xestión alternativa do monte e do patrimonio arqueolóxico que se atopa na súa propiedade, creando "Costa dos Castros", un proxecto de arqueoloxía desde e para a comunidade. 

No xacemento do Cano dos Mouros os veciños optaron por outro tipo de intervención arqueolóxica que non implicara escavar: visibilizando as estruturas, recuperando as lendas e a memoria oral vinculada e creando eventos nos que reforzar os lazos de veciñanza.

Arqueoloxía do mar

Vídeo divulgativo (4´ 59´´), elaborado por Gciencia, no que se presentan diferentes investigacións que se están a desenvolver no Parque Nacional Illas Atlánticas para descubrir e catalogar o rico patrimonio arqueolóxico que aínda permanece soterrado nas diferentes illas que o compoñen.

As pedras de San Lourenzo

Vídeo documental (31' 14'') no que se presenta o traballo do proxecto arqueolóxico de San Lourenzo, na parroquia de Cereixa (A Pobra de Brollón). Trátase dun proxecto plurianual que ten como primeiros obxectivos a recuperación do castro de San Lourenzo, un castro mineiro romano de hai 2000 anos dedicado á explotación do ouro e do ferro existentes na súa contorna; a exhumación da antiga capela de san Lourenzo e a recuperación de tradicións vinculadas a estes dous lugares, como a de "mollarlle os pés ao Santo"; e tamén a escavación dunha vivenda que serviu de acobillo aos guerrilleiros antifranquistas a finais da década de 1940.

Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro

Vídeo divulgativo (4´ 47´´) no que se presenta o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, un museo ao aire libre de 4.000 anos de antigüidade que acolle unha das maiores concentracións da arte rupestre do continente. No parque tamén atoporás un espazo expositivo de carácter didáctico, onde a figura de Ramón Sobrino Buhigas e o seu Corpus Petroglyphorum Gallaeciae preside un ámbito destinado a presentar as primeiras etapas da investigación dos petróglifos de Galicia.

A arqueoloxía no panorama actual

A arqueóloga Celtia Rodríguez González reflexiona nesta entrevista (19´ 15´´) sobre algunhas cuestións de interese relacionadas cos traballos de arqueoloxía, tanto desde o punto de vista laboral como científico. Entre outros temas, fálanos da arqueoloxía de xénero e a súa aplicación na actualidade; das ferramentas e metodoloxías de traballo empregadas nos diferentes xacementos; do proxecto Sputnik Labrego ou da situación laboral dos arqueólogos/as en Galicia.

A peza, elaborada por Mazarelos Coop, forma parte do ciclo de entrevistas divulgativas Baixa á praza, onde diferentes expertas reflexionan desde distintas prazas de Santiago de Compostela sobre elementos da historia e a memoria de Galicia.