O solo: un mundo por descubrir baixo os nosos pés

Como cada ano, Igaciencia conmemora no mes de novembro o Día da Ciencia en Galego e nesta edición de 2026 o homenaxeado galego é Francisco Díaz-Fierros, científico galego de referencia no eido da edafoloxía, a ciencia que estuda as características físicas, químicas e biolóxicas dos solos.

O solo subministra o 95% dos alimentos, regula a calidade e o ciclo da auga, achega o 25% da biodiversidade e acumula grandes cantidades de carbono. Un coñecemento experto das propiedades dos solos é fundamental para enfrontar desafíos como a súa erosión ou salinidade. Tamén para poder intervir con eficacia en ámbitos como a agricultura e a silvicultura (elección dos cultivos axeitados, optimización dos procesos de fertilización e rega...), a construción (planificación urbanística, minimización de riscos...) ou a ecoloxía (recuperación de terreos degradados, conservación de acuíferos...).

Este especial recupera unha selección de doce recursos aloxados en Proxector relacionados co estudo do solo. A través desta selección, convidámoste a achegarte á dimensión académica e científica de Francisco Díaz-Fierros e a descubrir o mundo que existe baixo os nosos pés.

[Fonte da imaxe da portada: Pexels]

Yolanda Castaño entrevista a Francisco Díaz-Fierros

A poeta Yolanda Castaño conversa con Francisco Díaz-Fierros, membro numerario da Real Academia Galega desde o ano 2002. A entrevista (39´ 14´´) permite achegarse á traxectoria académica e profesional deste científico e investigador de referencia no estudo dos solos galegos.

Francisco Díaz-Fierros. Científico e escritor

Programa emitido en Nós TV (24´ 35´´) na que o recoñecido edafólogo galego Francisco Díaz-Fierros fala da súa traxectoria profesional e da cultura científica en Galicia. Como experto en edafoloxía, reflexiona sobre a importancia do solo galego, a súa formación, a súa evolución histórica e o xeito en que o aproveitamento tradicional (coma a agricultura ou a gandaría) moldearon a paisaxe.

Como determinamos a textura do solo?

Vídeo didáctico (7´ 07´´), emitido no programa Polo Rego da Televisión de Galicia, no que Rosendo Luis Estévez Parada, técnico en explotacións agrícolas e experto en conservación de alimentos e depuración de augas, nos ensina a facer unha determinación da textura do solo para coñecer as distintas partículas que o compoñen. Unha vez que coñezas as partículas que ten o teu solo e a súa porcentaxe, poderás saber tamén cal é a súa tipoloxía: areoso, areoso-limoso, arxiloso ou franco, sendo este último o idóneo para cultivar tanto no xardín coma na horta.

Que produce o cheiro da terra mollada?

Preguntácheste algunha vez de onde procede ese cheiro tan característico da terra mollada? Neste vídeo divulgativo (1´ 16´´), elaborado pola Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo, Purificación Marcet (investigadora do grupo “Agrobioloxía ambiental: calidade de solos e plantas”) explícanos que a resposta está na xeosmina. Descubre en que consiste exactamente esta substancia química, que bacterias a producen e cal é o mecanismo que desencadea a súa liberación.

Redución da pegada hídrica na agricultura

A Federacíón Galega de Medio Ambiente (Fegama) ofrécenos neste vídeo divulgativo (2´ 47´´) unha serie de consellos para conseguir un consumo racional da auga na actividade agrogandeira.

Esta peza audiovisual foi realizada por Fegama, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, no marco do seu do programa de concienciación sobre a importancia da pegada hídrica.

Agrobioloxía Ambiental: calidade, solos e plantas

Neste vídeo divulgativo (5´ 05´´) Adela Sánchez Moreiras, catedrática de Fisioloxía Vexetal da Universidade de Vigo, fálanos do concepto da agroecoloxía e preséntanos dous proxectos de investigación nos que participa: "Root2Res", no que estudan como responden as plantas ao cambio climático e "AGROSUS", onde investigan como eliminar o uso de herbicidas sintéticos nos cultivos para favorecer a biodiversidade.

O proxecto CASUABIOTA

Vídeo divulgativo (1´ 59´´) no que Celestino Quintela Sabarís, investigador do grupo GEA da Universidade de Vigo, nos presenta o proxecto CASUABIOTA, que pretende estudar os organismos do solo que viven asociados a tres especies de árbores da familia das casuarináceas. O obxectivo é comprender o papel ecolóxico destas árbores, estudando como inflúen na saúde e composición biolóxica do solo que as sostén.

A pegada humana e os seus efectos na xeomorfoloxía de Galicia

Vídeo didáctico (1 h, 7´, 20¨), dirixido a alumnado de secundaria, no que Francisco Canosa Martínez (doutor en Xeoloxía e divulgador) nos fala da ciencia da xeoloxía e, máis concretamente, das consecuencias que provoca na xeomorfoloxía de Galicia a acción humana (encoros, explotacións mineiras, instalacións industriais, explotacións agrícolas, expansións urbanas etc.).

A charla foi emitida en directo o 25 de novembro de 2022 con motivo do XIII Día da Ciencia en Galego, conmemoración promovida por Igaciencia.

Drons como ferramenta topográfica: levantamento 3D da valgada do Campus Terra

Vídeo (7´ 24´´) no que Sara Peraleda Vázquez nos amosa o uso que se fai dos drons en topografía, disciplina en que se empregan como dispositivo principal para capturar datos usando diferentes sensores embarcados. Estes datos son procesados posteriormente para obter modelos tridimensionais texturizados e ortomosaicos xeorreferenciados, entre outros. E váinolo exemplificar cun caso real: o levantamento 3D mediante fotogrametría aérea da valgada do Campus Terra en Lugo, levado a cabo polo grupo de investigación CIGEO.

Esta charla forma parte das sesións do DivulgaTerra 2021.

Unha nova forma de restaurar a biodiversidade da Terra: desde o ceo

Na actualidade hai máis de dous mil millóns de hectáreas de terreo degradado no mundo. Neste vídeo de TED (2´ 26´´) a ecoloxista Susan Graham fálanos dun novo método para restaurar terras degradadas e recuperar ecosistemas complexos empregando drons e intelixencia artificial.

Tradución ao galego de Noelia Rodríguez Otero.

Rehabilitación en explotacións de áridos

Vídeo (9' 08'') en que se explica con tres casos concretos o proceso de recuperación dos espazos afectados pola explotación de canteiras de áridos, intentando minimizar os impactos ambientais producidos e mellorar e acelerar a integración deses espazos na súa contorna.

Efectos do cambio climático sobre os ecosistemas terrestres galegos

Neste vinculo externo poderas ver
Efectos do cambio climático sobre os ecosistemas terrestres galegos

O catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Francisco Díaz-Fierros fálanos neste relatorio (51´ 14´´) dos efectos do cambio climático nos ecosistemas terrestres galegos. Na súa exposición ofrece datos sobre como este fenómeno xa está a afectar os cultivos e urxe a tomar medidas para reverter o seu impacto, tanto no medio natural como na saúde pública da cidadanía.