[Sada] 31/V/1964
Sr. D. Valentín Paz-Andrade
Vigo
Querido Valentín:
Forzáchedesme, e coma Seoane contestou mais non dixo ren de asistir ou non ó de Lugo, pra decidir e enviarlle tres cousas dil rompín miña rixidez i-enviei outras miñas. Xa che contarei a hestoria de Pepiño, o fillo de Lola, coma fixo para conquerir o reló do crego.
Noutro orde de cousas. A emigración do persoal femenino capacitado viña sendo xa un serio probrema. De súpeto, na semana pasada, veu un inglés á Cruña a recrutar cen rapazas solteiras de 18 a 25 anos, e ben formadas, e co consenso máis que tácito das autoridades se nos levou á mitade do persoal femenino, que sendo o millor representaba o 70%, e que deixou de traballar o mesmo día. Un delegado sindical facilitou iste tráfego. Berramos, mais non pasará nada. As consecuencias económicas pra a empresa son serias, mais non son ren carón á repugnancia que che causa o saberse traballando movido nista cras de mecánica, i-eu me pregunto: ¿merece a pena reconstruír ista desfeita para que logo volva outro inglés a beneficiar dilo? ¿Merece a pena pensar en Sargadelos ou en calisquer outra con semellante panorama? Os negros cos que se fixo trafego acadarán millor sorte que os galegos. ¿Qué farsa é isa do plan de desenrolo?
Todo isto dito pra informarte, mais si se che ocurre algo non deixes de dicilo. Nosas lembranzas a Pilar e Alfonso e apertas tensas a ti de teu sempre amigo
[Isaac Díaz Pardo]


