Con motivo da celebración no ano 2021 do centenario da morte de dona Emilia Pardo Bazán, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega acordaron a publicación en rede da correspondencia da escritora que está depositada no arquivo da Real Academia Galega.
O fondo epistolar que se presenta consta de 156 cartas enviadas e recibidas entre os anos 1879 e 1917. Entre elas destaca o conxunto de 87 cartas dirixidas á súa amiga e comadre Carmen Miranda Armada. Outros grupos menores, pero non menos importantes, son as cartas enviadas a Eduardo Pondal, a Marcelino Dafonte, director de La Voz de Galicia e a José Alguero Penedo, notario de Betanzos e artista que colabora no deseño e decoración figurativa na construción das Torres de Meirás.
A riqueza deste conxunto epistolar recolle tamén cartas con destacados intelectuais franceses contemporáneos á escritora, como o escritor Jean Lorrain ou a viúva de Émile Bertaux, relevante historiador da arte hispana. Este fondo inclúe tamén borradores de cartas como a que a autora lle escribe ó Rei Alfonso XIII. Nesta carta recoméndalle mellorar o papel da muller en España, expoñendo que para iso é necesario aproximar o país ás correntes máis modernas do resto de Europa nese ámbito.
Créditos: Emilia García López (edición); Marilar Aleixandre (asesoramento); Arquivo da Real Academia Galega (dixitalización); Leticia Castro Calviño (transcrición)








Moitos son os adxectivos aplicables a esta muller anticipada ao seu tempo que tiña a capacidade de non pasar inadvertida: escritora e xornalista prolífica, viaxeira infatigable, cosmopolita, políglota, feminista... Criticada por uns e admirada por outros, dona Emilia é pioneira en case todo. No Álbum de Galicia pódese consultar a súa biografía.