Paul Valéry (1871-1945) / Fondo: Valentín Paz-Andrade no seu arquivo persoal / PROXECTO EPÍSTOLAS / FONDOS DOCUMENTAIS / CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Fondo: Valentín Paz-Andrade no seu arquivo persoal

----

Paul Valéry (1871-1945)
Fondo: Valentín Paz-Andrade no seu arquivo persoal

Escritor. Principalmente poeta, pero tamén ensaísta.
Temos 3 epístola/s relacionada/s con Paul Valéry (1871-1945) en Fondo: Valentín Paz-Andrade no seu arquivo persoal
Data Título Orixe-Destino Relación [ O. ]
Data Título Orixe-Destino Relación [ O. ]
1955-06-11
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1955
Guadalajara [nac. México] - Bogotá
Mencionado/a Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1955 en 11/06/1955

Florencio Delgado Gurriarán
Camarena, 160. Dpto. 4º
Guadalajara, Jalisco


Guadalajara, 11 de xuño de 1955


Sr. Don Valentín Paz-Andrade
Bogotá, Colombia



Benquerido amigo:

Recibín a túa do quince do derradeiro, a que chegou a casa no intre en que eu andaba de viaxe.
Xa soupen da túa entrevista coa miña irmá Rocío. Por certo que xa recibín as roupas que me remesaron polo meio que ti lles indicaches e coa intervención da túa dona a quen che prego lle transmitas o meu agradecimento. Xa sabes fico ás vosas ordes.
Coas roupas chegou un libro de poemas, que atopo moi bo, de Celso Emilio Ferreiro. Penso escreberlle.
Agardo o teu poema a Castelao. Fai como dous meses me devolveu Correos a carta que che enviei a México a primeiros do Nadal do ano pasado e na que ía o Cimiterio Mariño. Enviareicho a Vigo.
Gracias polo teu ofrecimento. Se na túa viaxe de retorno ao lar pasas polos Estados Unidos encarrégoche merques un producto farmaceutico chamado Bellacrisina (novo alcaloide da beladona) que lle recetaron á miña irmán María e que non atoparon en Hespaña nin tampouco puiden acadar eiquí. Fas o favor de enviarllo á miña familia, quen alí o pagará.
Moitas lembranzas de Mares e Esturau. Cordiales saúdos da miña dona e cativos –hoxe cinco- e unha forte aperta do teu amigo


Florencio

1955-12-11
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1955
Guadalajara [nac. México] - Vigo
Mencionado/a Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1955 en 11/12/1955

Guadalaxara. Xal. 11 Nadal 1955


Sr. Don Valentín Paz-Andrade
Progreso 29-5º izq.
Vigo


Benquerido amigo:

Coido lembrar que o enderezo de Progreso 29, que é o que teño do amigo Del Riego, é o do voso bufete e por eso encamiño a el esta coa esperanza de que chegue a ti.
Recebín a túa de Bogotá, a que contestei; supoñendo chegase a tempo a miña resposta xa que non me devolveron a carta, en troques, a que che escrebera a México, na túa viaxe de fai un ano, devolvéronma. Tamén recebín o teu belo poema a Castelao, confirmándoche o xuizo que me mereceu cando ti mo liches.
Xa vin a nota que me adicas en Valdeorras –supoño será túa-; gracias por ela, inda que agora son xa cinco os paxariños e Guadalajara, e non Monterrey, é a segunda cibdade da República. Supoño que tamén será túa a nota que acompaña a interesantísima foto de Noriega e Valcarce, folgoume esa lembranza do noso poeta e a ver cando publicades unha escolma dos seus poemas.
Pra outra enviareiche a tradución de O Cimiterio Mariño de Valery.
¿Voltarás por esta algún día? Moito o quixera para poder falar longo da Terra.
Dementre non deixes de escreberme, carta longa, pois teño fame de saber de vosoutros, de Valdeorras e de Galicia.
Un garimoso saúdo á túa dona e fillo de todos nos e unha forte aperta para ti, con lembranzas de miña dona e rapaces


Florencio Delgado Gurriarán

1966-09-12
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1966
Guadalajara [nac. México] -
Mencionado/a Orixinal - Transcrición

Transcripción da Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1966 en 12/09/1966

Guadalaxara, 12 Setembro 1966



Benquerido amigo:

Folgoume moito o ler o artigo de Rosa Arcimegas que che envío con esta, xa que gaba (como é xusto) as túas dotes de conferenciante e o teu labor a prol da nosa Terra e da súa cultura. Mándocho por se ti non o coñeces.
Seguimos polas terras da Nova Galicia, aturando as saudades que me teñen comesto. Co meu traballo de sempre e viaxando polo noroeste da República Mexicana. De vez en cando sópranme as musas e fago algún cativo poema. Fixen unha tradución do «Bateau Ivre» de Rimbaud. Sigo facendo algúns «apuntes» poéticos das miñas viaxes.
No nº 9 de Grial apareceu unha tradución do «Cimiterio Mariño», feito por Lorenzana. Apuntábase que era a a primeira feita en galego. Mais eu (que fixen outra pubricada en Bos Aires o 52) escribinlles para desfacelo erro. No nº 12 acusaron recibo da miña aclaración e prometeu pubricar a miña perífrasis.
¿Que hai de novo no pequeño mundo das nosas letras? ¿Cando ves por eiquí novamente? ¡Ogallá sexa axiña!
Moitos saúdos da miña xente para todos vosoutros. Lembranzas do Ramón Esturau a quen coñeciches nista. Unha forte aperta do teu amigo


Florencio Delgado Gurriarán


Francisco Mores (o da «Casa del Arte») vive agora no Carballiño, Mosquera 34.