| 1978-02-28 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Ledo. 1978 en 28/02/1978
Buenos Aires, 28 de Febreiro de 1978
Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo
Querido Ricardo:
Estou en débeda con todolos amigos, especialmente contigo a quen teño que agradecer algunhas das xornadas mais fermosas de Galicia, por todalas tuas atencións personaes e polos traballos que me adicaches, entre eles esa xoia de monografía manuscrita que constitúie unha das obras de arte mais orixinales da Galicia de hoxe. Gostaríame moito que pintases, mais este traballo teu, o mesmo que a carpeta que se publicóu en Ediciós do Castro, son ben representativas do teu talento e arte. Non embargantes, tes que pintar. Debes facelo porque Galicia necesita das xentes que poidan dar unha nota de galeguidade no seu arte deducindo a sua diferenciación do propio esprito de cada artista seu.
Eu comezo novamente a traballar, síntome absolutamente soio, lémbrome de vós, de Del Riego, de ti, de Dieste, de Domingo, de Piñeiro e de Dónega... Penso que os meus soños nacidos aquí en Buenos Aires, de crear pequenas obras que axudasen a trocar Galicia nun centro cultural serio na penínsua, malográronse. As que se fixeron convertíronse en afiches, en carteles, ou están camiño de se trocar en eso. Mais non quero falar desto. Agora, de Galicia, non teño mais noticias, non sei si está actuando algunha Xunta de Galicia ou non. Si se puxeron de acordo na sua composición. Si o pobo está contento coa sua pre-autonomía. Eiquí non se sabe nada. Soio se sabe dos actos de violencia, e, aparte de Madrid, de Catalunia (sic) e Euzkadi. Faría falla estudar a constitución dunha axencia de información que servise ás colectividades de emigrantes e aos grandes xornaes donde residen éstes. As xentes sorpréndense moito de saber que o goberno concedeu a preautonomía a Galicia. Eu xa non teño mais azos pra proieitar nada, non embargantes penso que sería relativamente fácil creala.
Supoño que aínda en inverno gozaredes do mar aberto, das vagas e das tormentas, na vosa espléndida casa da costa. Nos temos frente as nosas fiestras o espectáculo do Río da Plata, cambeante de coores, unhas vegadas coor terra e outras violeta ou azur, e dun ceo outo e moi estrelecido. Mais, tanto Maruja como eu, sentimos nostalxia de aquel anaco de océano que vemos dende as nosas fiestras de A Coruña.
Unha gran aperta para Mimí, pra ti e os vosos fillos de Maruja e miña.
|
| 1978-04-00 |
|
Ver [Carta mecanografada con firmas autógrafas]
Transcripción da Carta de Ledo a Seoane. 1978 en 00/04/1978
Abril, 1978
Querido Luis:
Coido que xa terás novas da marcha das cosas na Terra. Saberás do nombramento de Marino Dónega. Non sei como chegou a cousa, maxino que con gran intervención de Domingo e, si non entendin mal, interpretei o que din os periodicos ca abstencion, cando menos, de Paz Andrade. Pra min dentro de tantas notas negativas supon unha raiola de claridade, maxino que, cando pouco, a sua presencia servirá pra que ises outros xunteiros que gostan falar da sua galeguidade, poida tomarselles a palabra e conseguir que o amosen nalguns feitos. Poida que logo, mais adiante, chegue a ter consecuencias politicas ainda meirandes, maxino que obrando como catalizador, ou como conciencia vixiante, pra que as frustaciós previstas, as por vir, callen nunha posicion mais nidiamente galega dos dirixentes politicos que arrodean a Xunta. Fio en que a sua actitude e mais o seu obrar será un exempro e un guieiro, e abrirá un camiño. Penso maormente en que os seus compañeiros de Xunta son parlamentarios e, pra remate a custion resolverase nas Cortes, e logo de discutir as autonomias de Cataluña e Euskadi. No meu entender, istas discusiós, chegada a hora, van estar tinxidas pola cooracion politica daquel xusto intre –economia, orde pubrico, paro, forza sindical, etc., mais a repercusion directa no goberno da situación– enton poida que a situación galega correspondente leve aos diputados –pesia as posiciós que está procurandose o goberno, e mais ainda a dereita, pra discutir dende elas as autonomias–: primeiro, non permitir que Galicia sea afastada ou alonxada de leis favorecedoras doutras terras, logo que, non sometendose manseliñamente aos dictados centrás dos partidos, poidan chegar a ser causa ou favorecedores dun ampro movimento galego.
Non teño falado con Dónega, e do seu nombramento non sei mais que o que escrito na prensa, emporiso toma conta de todo isto como lucubraciós miñas baseadas no home.
O tempo en Galicia sigue sendo de invernía os mais dos dias. Chuvia e frio, pouco é o que pode aproveitarse do sol e a calor. Pesia todo, imos os sabados e domingos á nosa casiña. Sen que a meteoroloxía nos impida o goce da animada visión do mar, coores, lus, forza, acougo, as impresións mudanse dun dia pra outro, dunha a outra hora. Coido que pra tí, como o é pra min, iste tempo negado ao forte sol, pola riqueza dos grises, ou a densidade dos verdes e azues mariños, xunto da manifestacion do poder das ondas é o millor espectáculo natural. Confio e espero os dias en que poidamos gozalo xuntos.
De todos nos e pra Maruxa e pra tí, unha forte aperta e todo o noso afecto.
Ricardo
Mimi
|
| 1978-04-05 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Ledo. 1978 en 05/04/1978
Buenos Aires, 5 de Abril de 1978
Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo
Querido Ricardo:
Supoñemos estaredes xa gozando da primavera, da vosa casa e do mar. Que tí estarás traballando en pequenas cousas da obra que che resta por facer na casa, e pintando o mar, tan dificil de pintar, tanto como o lume e o ar, tendo un sempre que recurrir a liñas convencionales, ou a min eso paréceme. Eiquí entramos no outono, unha estación tamén belísima, con antecedente, neste ano, dun vran moi desigual, de grandes choivas, ventos impresionantes, desbordes dos rios e grandes inundacións, chegando nas ruas de algunhas cidades a un metro e medio de auga que matóu xente, gando e arruinou fogares. América é esto, un continente enorme con grandes accidentes xeográficos tamén grandiosos: terremotos, desbordamentos de ríos, ventos, choivas que non rematan de parar, e un mar tamén de tormentas. Todo esto influie no home americán, nas suas desigoldades de carácter, no seu aventureirismo.
Pola miña parte non me repoño da desesperanza de que falaba na miña carta anterior e a desgana para todo, e que en parte ten orixen na frustración política de Galicia. Cada vez estou mais convencido do erro que foi dar por rematada a laboura do Partido Galeguista. Para construir un estado e erguer unha nación ten un que se ocupar desta soia finalidade, os programas económicos e sociaes veñen logo de conquerida esa primeira finalidade. Nos deixamos de formar parte da categoría que tiñamos de sempre xuntamente con Catalunya e Euzkadi, para estar á par das rexións administrativas do resto de España. Non somos mais, en canto á consideración dos políticos de Madrid, que os murciáns ou valencianos. Eu estou de acordo coa visión que transmites da actualidade política española en relación co problema da nacionalidade. E tamén coa autosuficiencia dos galegos, os mais mozos sobre todo con respecto ás esperencias do pasado que non consideran sirvan como aporte importante para hoxe. Tamén con respecto á obra de Castelao, vixente na sua actualidade, como moi poucas obras, porque ven tratando problemas non limitados polo tempo e nin siquera na noticia exclusivamente do dia. Esquécense os seus discursos parlamentarios, como tamén os de Picallo, os de Otero e outros que trataron os problemas vivos de Galicia, os que aínda continúan hoxe. O noso Estatuto fora feito por xentes de partidos, sobre todo pola xente do Partido Galeguista, por especialistas e técnicos e moi pouco cambiou o mundo occidental dende entón no aspecto político, sobre todo no aspecto administrativo, e, non embargantes, os parlamentarios galegos, semianalfabetos en parte nestas custións, síntense con azos para redactar un novo sin poñer en discusión o do plebiscito do 36. Tamén como ti farei o que poida, mentras poida, por Galicia. Adiqueille toda a miña vida pasada e continuaréi, aínda quedándome soio. Estou desespranzado e síntome frustrado na miña acción en ouxetivos que proietei perante moitos anos pra o futuro, mais quedará de tí, de min, de todos nos, os que quedamos do vello galeguismo, esta entrega a Galicia i esta laboura feita, matino, en peores condicións que os da xeneración anterior a nós. Eles non viron a posibilidade tan inmediata de resolver os problemas de Galicia e tampouco a división minifundista da política galega. Tampouco poido Galicia nunca ter un representante capaz de enchela de vergoña como Victoria Fernández España, según as noticias que chegan a Buenos Aires.
Ti tes que pintar, grabar e dibuxar. Tes xa feito algúns dos cadros, grabados e dibuxos mais belidos do arte galego. Pero penso, perdóname, que eres o que menos traballaches, polo que sexa. Aproveita ahora o tempo. Este tipo de traballos é o que quedará de nós. Escribe encol do arte galego. Escribe.
Non podo decir mais. Unha aperta moi grande para tí, Mimí e os fillos, de Maruxa e miña. Temos ganas de voltar unha tarde, non sabemos cando, á vosa casa fronte ó Atlántico, entre Baiona e A Guardia, con todos vos:
|
| 1978-12-01 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa]
Transcripción da Carta de Ledo a Seoane. 1978 en 01/12/1978
1-XII-78
Querido Luis:
Crarexaria primeiro que era eu quen agardaba carta tua, non é que ma deberas, pois sabia por Domingo e Dónega que estabas moi atafegado, e a tua carta é pra min unha gozosa confirmación de que mantés as tuas forzas. Emporiso, nen me sinto agraviado, nen cheguei a sentirme esquecido.
Pareceme moi boa a tua insistencia no tema dos retratos; non deixo de considerala unha das tuas teimas mais xenerosas. Tes un interes real e direito polas xentes que sempre me emocioa e enleva. Decátome vendo o teu de que o meu é ben pequeno. Non sei, fixen poucos retratos e sempre ocasionalmente, somentes lembro con certo cariño unha silueta de Pondal escribindo de pé, e mais ainda un de Lamas Carvajal que non tendo ó meu ver valor estético, por outra banda, pareceme que responde a isa realidade que dis tí perciben os ollos e pola que xusgamos aos homes; e tratándose dun morto que non coñecin, teño que ademitir que axustase á irrealidade que pra min é Lamas Carvajal: unha ánima. Dos outros non fiquei moi contento e, abofé, mesmo teño esquecido habelos feito. Poderíamos falar de represion freudián dun soterrado sentemento de habelos traicioado.
O Freud e mais a beata consideracion do empedrado dos camiños do inferno poden chegar a ser consoladores, pero non absolutorios. Agora mesmo ven de aparecer no Grial, despois de moito tempo, un pequeno escrito meu adicado a Colmeiro. Forase demorando pola miña culpa, pois que posto a escribir ensarillei algo ambicioso de mais: unha disertacion encol da paisaxe pictórica rematada con unha consideracion da pintura paisaxistica galega. Ben, feita a primeira parte, a paisaxe pictórica, e prantexada a segunda, a paisaxe galega, decateime que pra lle dar ao seu cabo natural compria recurrir a unha abondosa ilustración –xa sei que posibel botando man á dotacion dos museus galegos– pro que convirtía un artigo nun libro. Cortei e peguei, pretendendo artellar, e publicouse un artigo que me tirou o desacougo e pensar polas demoras e desleixamento no comprimento da miña primeira intención pro que non chegou a ser un escrito equilibrado e lucidío.
Deiqui a pouco, como saberás, votarase a Constitucion; que non contenta a ninguen, o cal faime temer por ela. Pragmaticamente debera ser a miña opinion que mais val malo coñecido que o peor por coñecer; pro non deixo de sentireme amolado. A outra novedade é a reaparición do Partido Galeguista, que tampouco miro con optimismo. Hoxe é dia de laios. Véxoo moi virado á dereita pro meu gosto, por parte da intervención –avisada, insinuada ou verdadeira– de xentes recen chegadas ao galeguismo dan pra min un resultado desilusionador, ou cando menos desconfiado. Figurome que cando abro os ollos a lus de mencer percebo como compañeiros da viaxe no tren xente que deberon subir nas sombras da noite. Non e que en caso algun goste eu de facer coutos –pretender que vou ao meu tren– nen pretenda pedir cerimonias purificadoras –un spray por se chegan contaminados– ou pedir certificados de pureza de sangue; eu deixarei que me conten a súa vida, pero o que non quero é que veñan, de primeiras, a explicarme a miña. Vendo como os partidos, dende o comunista ao de Alianza Popular, defenden autonomias e usan a lingua galega –o que considero como un triunfo postreiro do vello partido– coido que era necesario un Partido Galeguista mais desacordado con eles, afirmando rudamente a sua raigaña galega e, levando á estremosidade o seu popularismo galego –labregos, mariñeiros e mais o obreiro baixo– e o afastamento de todo camiño capitalista.
Ledome de saber que pensas na volta definitiva á Terra. E xustamente porque penso na tua utilidade pra Galicia, unha utilidade que tí non podes medir, e unha utilidade que, dígoo, non vai ser toda a que é posibel aproveitar. Serás ti quen te vacíes como un limon, é o teu costume sen remedio.
Unha forte aperta e agarimos pra tí e Maruxa de Mimi, dos meus fillos e meus.
Ricardo.
|