| 1973-06-22 |
|
Ver [Carta mecanografada co logotipo do Laboratorio de Formas]
Transcripción da Carta de Seoane a Pérez Prado. 1973 en 22/06/1973
A Cruña, 22 de xunio de 1973
Dr. Antonio Pérez Prado
Buenos Aires
Meu querido amigo:
Recibín o seu libro adicado que vostede me mandou e logo un paquete que remitiu a Editorial, e a mañífica resposta ó periodista de Faro de España e Núñez Búa, o da radio, non o bo. O libro, espléndido. Teño pensado facer unha nota pra La Voz de Galicia onde veño colaborando semanalmente. Penso que a editorial debía distribuílo en España, remitilo especialmente a Galicia pra se vender nas librerías, pois cavilo que tería moito éisito. Supoño que o terá tamén ahí onde sería moi espallado. O libro feito con amor, ironía e sin evitar as verdades por desagradables que sexan vén sendo un verdadeiro canto a Galicia, como di vostede ó final da súa carta ós malditos. Quixera telo escrito eu, e xa o digo todo.
Atopei a Palmás en Madride, onde dende o mes pasado fixen una exposición de óleos con moito éisito. Estaba estudando custiós referidas ó seu traballo. Aínda non veu a Galicia. Polo que a min se refire, publicaron en Galaxia un tomo de crónicas miñas feitas para pasar pola radio, unhas setenta, que estase vendendo moi ben e tivo crónicas moi boas. Tidúase Comunicacións mesturadas e remitireille un exemprar tan pronto teña algús.
Estos exemprares dos seus que me acaban de chegar distribuireinos entre algunhas xentes deiquí, entre elas ó direitor de La Voz de Galicia. Sei que a Piñeiro gustoulle moito.
Unha grande aperta de Maruja e miña agradecéndolle moito a súa adicatoria:
[Seoane]
|
| 1973-11-11 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa]
Transcripción da Carta de Neira Vilas a Luís e Maruxa Seoane. 1973 en 11/11/1973
Habana, 11-11-73
A Maruxa e Luis Seoane
Coruña
Queridos amigos:
Onte recibimos carta de Isaac, e por ela soupemos do malfadado acidente. Non poden maxinar canto o lamentamos. Anisia e mais eu estivemos a cavilar arreo en vostedes, a falar de vostedes. Dinos Isaac que Maruxa vai ben, pero que Luis crebou unha perna e unha man –as dereitas– amais doutras lesiós. Esto ten que ser pra vostede, Luis, algo tremendo, non somente polo que representa en molestias unha recuperación desta índole, senón tamén por a súa dinámica, polo seu quefacer constante, por ese traballar sin descanso tendo que agora aturar unha inmovilidade seguramente prolongada. Esto debe ser torturante. En fin, busquemos a parte boa do lerio: un aicidente desta magnitude poidera ter sido fatal (penso en Aníbal Ponce, en Camus, en Martín Santos...) e por fortuna non o foi. Viven! Témolos! Uns trastazos, duros de curar, pero que sabemos que curan, que é cuestión de unhas semáns de paciencia. A vida soe gardarnos esas solpresas, eses contratempos, pero o caso é que siga sendo vida. Ánimo, amigos.
Fai uns quince días chegoume de Galaxia Comunicaciós mesturadas. Estupenda coleición. Eu lémbrome de cando vin na casa de vostedes unha carpeta de anillas, de cuberta negra onde tiñan estes editoriales (ou como se chame) da audición Galicia emigrante (craro que esto foi alá polo 60 e dende entón escribeu moitos máis) e falamos da posible edición, pois eu que os escoitaba domingo tras domingo estaba entusiasmado co seu valor documental. Ratifico o mesmo entusiasmo agora que os vexo (a seleición que escolleu) en libro. Felicítoo por esa decisión. De seguro que o libro sobre Montenegro, o aventureiro aquel de fins do século XIX. Eu tiña lido o artigo de Vilanova e tiña engadido algús datos que se non consignan como é o de que en 1892 dirixeu na Habana un semanario tiduado La Voz de Galicia e que El brujo estaba dibuxado enteiramente por el (tiven fai poucos días exemplares de ambos nas miñas mans). Estes son detalles para engadir, pois o que di vostede e o que di Vilanova é amplísimo. Outro detalle: o cadro de Brocos La defensa de Lugo, coido que si, que houbo unha iniciativa de donación por parte do Centro Galego, pero non chegou a donarse, e inda fica no palacio do dito Centro, hoxe estinguido, sede da Sociedad de Amistad Cubano Española, onde hai outras obras. Algún día ampliarei un chisco este formidable traballo seu (eu case non sabía quen era Brocos) engadindo, por exemplo, canto pagou polo cadro o Centro Galego cando o mercou, etc. O cadro ocupa un lugar de preferencia no vestíbulo central, baixo o escudo de Galicia. Consérvase ben anque un destes días vou ir por alí con un profesor de artes plásticas e escultor amigo pra ver de analizar o seu estado detidamente, e tamén de outras obras (un retrato de Rosalía, outro de Concepción Arenal, Pastor Díaz, W. A. Insua).
De Galicia, mandáronme (Alonso Montero) a Figuración feita por vostede da miña persoa, pubricada en La Voz de Galicia. Gárdoa con agarimo, por ser de vostede a quen –fai falla repetilo?– aprecio e respeto fondamente. Hónrame moito as súas palabras alí verquidas. Palabras que sei son sinceiras; palabras de amigo.
Lémbrase da esposición de 1960 sobre o periodismo galego na Arxentina? Pois acabo de montar (agosto pasado) unha sobor do de Cuba, moito máis ampla aínda (mentras en Bos Aires abundan as revistas de sociedades, aquí destacan as revistas e semanarios independentes). Tomei, pra a crónica que escribín, unhas palabras súas porque resultan moi axeitadas. Vai recorte coa presente.
Namais. Que se poña ben axiña. Apertas fraternas ós dous, de Anisia e
Xosé Neira
|
| 1974-03-25 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa e o membrete:]
Transcripción da Carta de Fernández del Riego a Seoane. 1974 en 25/03/1974
EDITORIAL GALAXIA, S.A./ Reconquista, 1/Teléfono, 18204/ VIGO
25-marzo-1974
Sr. D. Luís Seoane
Buenos Aires
Meu querido amigo:
Recibín oportunamente a túa carta do día 31 de xaneiro. Estiven varias veces pra cha respostar, pero unha chea de obrigas e problemas foron demorando a contestación.
Non conozo ese traballo do crítico catalán aparecido na revista de Bellas Artes de Madrid, a que te refires. Gostaríame moito leelo, e aproveitar a leitura pra facer unha reseña bibliográfica en Grial. ¿Cómo podería facerme con el? Tamén faremos no prósimo número da nosa revista un comento sobre dos derradeiros álbumes que editache.
Todos os que tiveron ocasión de conocer o artigo que publicóu hai tempo no Faro o poeta exiliado en Madrid, considerárono torpe e parvamente inxusto. De todos xeitos, ninguén lle deu maior importancia e agora está totalmente esquecido.
A edición de Comunicacións mesturadas síguese vendendo de a pouco. Como se trata dun volume que nunca perde actualidade, a súa saída non se interrumpe.
Alédame que te decidas a escribir ese libro sobre Maside. Coido que se trata de algo necesario e que a figura do grande artista merece. Ninguén coma ti, que viviche moi perto do home e da obra, podería facer con máis autoridade ese libro.
Por aquí todo anda máis ou menos como decote. A reedición do Félix Muriel tivo grande éxito de crítica, do que xa estarás enterado. Axúntoche un comento de Alfaro publicado no ABC. ¿Qué che parece do asunto? Tamén acompaño outros dous recortes de El Progreso nos que fala de ti.
Garimosos saúdos a Maruxa. De Evely pra os dous, e pra tí a cordial aperta de sempre, de
Paco
|
| 1974-04-17 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa]
Transcripción da Carta de Seoane a Fernández del Riego. 1974 en 17/04/1974
Buenos Aires, 17 de abril de 1974
Sr. D. Francisco Fernández Del Riego
Vigo
Meu querido amigo:
Recibín fai xa uns vinte días a tua carta. Agradézoche a reseña que ides facer dos meus álbumes derradeiros; e, no que se refire ó artigo de Corredor Matheos, o crítico de arte de Barcelona, apareceu no nº 27, Novembro do 73 en Bellas Artes 73 e teno Isaac en Sargadelos. Penso que é importante non soio pola autoridade que ten pola sua laboura de historiador de arte e crítico en Barcelona e Madride, senón tamén polo xeito de “situarme” en relación co arte galego e peninsuar. Podes pedirlle a Isaac que te remita unha fotocopia. Él remitíuma a mín. En canto ó “noso novo Curros” como o calificaron, refírome a C. E. F., non me preocupa moito o que escribíu. Proba o seu resentimento. Primeiro penséi en escribir un pequeno artigo referíndome ós seus romances de guerra, o que podería probar a sua precedencia, senón fose que ó mesmo tempo pubriquéi, en publicaciós galegas deiquí, algúns poemas referidos a Bóveda, a unha cubana da Cruña, etc., que non citei nunca e que quedan esquecidos. Gostaríame, eso sí, que pubricásedes o estudo que fixo Luz Pozo Garza, que a mín, aparte do agasallo que supón, paréceme un bon intento de facer unha cousa seria. Aledoume moito que se venda, aínda que sexa de a pouco, Comunicacións mesturadas. Preparo o segundo tomo que levaréi conmigo cando volte a esa. En canto ó libro sobre Maside teño moitas notas tomadas e refírense a Maside e tamén á nosa época compostelán. Vai ser encol do dibuxo social e grabados de Maside e ten de ser un traballo preliminar do gran libro que se faga mais tarde. Non teño mais que poñerme a escribilo defiñitivamente, prácticamente está feito.
Aledounos a todos moito o éxito da reedición do libro de narraciós en castelán de Dieste, é un grande libro. Leín as críticas do A.B.C., Informaciones, La Vanguardia, e as duas páxinas que lle adicáchedes en La Voz. Góstame moito que en xeral tivesen os críticos fixado a sua atención no aporte que Galicia fai á literatura española, o galeguismo que aportan obligados como están a escribir en castelán pra poder vivir do seu oficio de escritores.
O que me pon nunha situación difícil é Carballo Calero o ter aceptado vir no mes de Xulio. Trataréi de velo, mais non acudiréi a nengún dos actos que faga no Centro Galego, pois fai anos que non vou a ningún e nada me fará cambear. Por ahí debe de andar Castro Couso que non ten interés algún como dibuxante e pintor e que é un “servidor” de Valentín Fernández. A miña proposta de becas feita fai anos rematóu nesta que lla diron a un que non pode aproveitala.
A quen se ve moi mal é a Emilio Pita. Pergúntome polo seu libro e díxenlle que pensábades publicalo. ¿Por qué non o facedes?. É un libro pequeno e de un home como Pita a quen Galicia débelle moito polo seu traballo arreo encol déla. Ten unha arterioesclerosis moi avanzada.
Apertas pra os dous, Evelina e tí de Maruja e miñas:
Seoane
[Escrito a man na marxe superior dereita:] Montevideo, 1985-13º-Dpto. 68
|
| 1974-06-05 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa]
Transcripción da Carta de Seoane a Fernández del Riego. 1974 en 05/06/1974
Buenos Aires, 5 de Xuño de 1974
Sr. D. Francisco Fernández Del Riego
Vigo
Meu querido amigo:
Recibín a tua carta do 30/V que agradezo moito. Dinlle unha alegría a Pita, moi envellecido, con unha arterioesclerosis bastante avanzada, coa noticia da publicación do seu libro. Pídoche agora que non esquenzas de que o libro de Pita leva no poder de Galaxia dende 1971, é decir, fai mais de dous anos, e que esos mozos de que falas teñen unha vida pra esperar e viven en Galicia onde poden atopar xeitos de publicar os seus libros aparte de Galaxia, debendo ter en conta o que fixeron por Galicia xentes como Pita, vivindo lonxe, desamparados de calquer axuda e estímulo perante coarenta anos. Agora mándoche un traballo pra Grial sobre a pintura mural en xeral e os meus murales. Creo que pode sere moi útil e reveladora, en canto ós pintores que cito, do traballo déles en Buenos Aires. Con ela remítoche unhas fotografías, as únicas que teño neste intre, que se refiren a algún deles. Penso que incluie noticias interesantes. Gostaríame moito que me escribiras decíndome que te parece.
Xa foi Castro Couso a Galicia, un miña-xoia, e agora vai Valentín a recibir un novo “espaldarazo” dos intelectuales que atope pra servilo.
Pola miña parte traballo arreo. Teño unha exposición en Agosto, outra de dibuxos en Montevideo nos derradeiros días de Xulio e estou a facer uns grabados en madeira ilustrando unha obra do século pasado da literatura arxentina pra unha edición de bibliófilos.
Onte recibín unha nota moi eloxiosa publicada en Informaciones encol de Comunicacións mesturadas, que firma G.F.B. [Gustavo Fabra Barreiro] e non sei quen pode ser. Remitíuma Isaac e é do 23/V.
Esto é todo hoxe. Contéstame, dime o teu parecer encol do traballo que te remito.
Unha grande aperta pra Evelina e pra tí de Maruja e miña:
Seoane
|
| 1974-07-09 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa e o membrete:]
Transcripción da Carta de Fernández del Riego a Seoane. 1974 en 09/07/1974
FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO/ABOGADO/VELÁZQUEZ MORENO, 36 1º/ Teléfonos{17463-13770/VIGO
9-xulio-1974
Sr. D. Luís Seoane
Buenos Aires
Meu querido amigo:
Recibín a tua carta do día 15 de xunio derradeiro e máis o traballo pra Grial, que se publicará no prósimo número. Coido que se trata dun tema moi interesante, pois deica agora que eu seipa, ninguén se ocupóu del. A xente nova poderá ter así unha idea crara sobre da pintura mural realizada por artistas galegos. Traballos como éste son, ao meu ver, dunha grande utilidade porque revelan unha faceta da nosa cultura case desconocida polas xentes de agora.
Non sei quen pode ser o autor da nota encol de Comunicacións mesturadas que se publicóu en Informaciones. Pero millor é que non se seipa, porque evidencia que o libro causóu impacto mesmo en persoas que non están vencelladas ao noso labor, pero que saben valoralo.
Xa vexo que, como decote, sigues a traballar con entusasmo e coa proiección universal que ven caracterizando á tua obra. O feito alédame moito, como podes supoñer.
Nós estamos pasando o vran en Praia América, como todos os anos. Craro que o meu veraneo é moi limitado, pois redúcese aos sábados e aos domingos. Pero de calquer xeito supón unha fuxida do ambente agobiante do inverno. Por certo que tamén está pasando aquí o mes de agosto coa súa familia, é Alonso Montero.
Non sei si, ao cabo, fixo a Galicia o viaxe de que me falas o prohome Valentín. Eu nada soupen deica agora de que arribara a estas terras. Craro é que non ha ser a min a quen visite, como é natural.
Nada novo teño que che comunicar. As cousas siguen máis ou menos o mesmo que cando ti estiveche por aquí.
Garimosos saúdos a Maruxa, de Evely pra os dous e pra ti a cordial aperta de sempre de
Paco
|