Temática: O galeguismo en América

Temática: O galeguismo en América [11]

Data Material Ver
Data Material Ver
1894-04-08
Portada do número 1 do xornal La Tierra Gallega, A Habana, 8 de abril de 1894
Ver

Transcripción da Portada do número 1 do xornal La Tierra Gallega, A Habana, 8 de abril de 1894 en 08/04/1894

No último cuarto do século XIX, no artellamento do movemento asociativo das comunidades galegas alén mar teñen especial protagonismo varios intelectuais e xornalistas galegos emigrados a América que defenden o ideario rexionalista. Manuel Curros Enríquez chega á Habana en marzo de 1894 fuxindo da persecución política que estaba a vivir na Península polas súas ideas republicanas. Será en Cuba onde o seu pensamento irá evolucionando cara a un rexionalismo cultural, influído pola súa experiencia migratoria.
Este semanario foi fundado pouco despois da súa chegada co apoio doutros xornalistas e líderes étnicos residentes na illa, como Ramón Armada Teixeiro, Adelardo Novo, Manuel Lugrís Freire, Galo Salinas ou Nan de Allariz, entre outros. Na súa cabeceira e mais no subtítulo, “Semanario de intereses regionales”, aparecen reflectidas as intencións reivindicativas da cultura galega por parte de Curros e dos seus colaboradores, admiradores da obra rexionalista de Manuel Murguía e Alfredo Brañas. Nas súas páxinas atopamos achegas do seu pensamento político e unha extensa información da vida galega en Cuba e da Galicia peninsular. Destacan as colaboracións literarias e de carácter cultural de prestixiosos autores como Aureliano J. Pereira, Aurelio Ribalta, Federico Maciñeira… A lingua galega está representada pola poesía de Francisco Añón ou Rosalía de Castro.
Curros terá na Habana unha intensa vida pública e cultural e será un dos principais promotores da fundación da Real Academia Galega. As súas ideas contrarias á política cubana do momento provocaron o peche do xornal en 1896. Curros converteuse nun símbolo ideolóxico e cultural para a colectividade emigrada.


1903-00-00
Almanaque Gallego, Bos Aires (1898-1927)
Ver

Transcripción da Almanaque Gallego, Bos Aires (1898-1927) en 00/00/1903

Esta publicación bilingüe foi fundada e dirixida polo lugués residente en Bos Aires Manuel Castro López (1860-1927). O xornalista e escritor especialista en estudos históricos era de ideoloxía republicana e galeguista. Foi fundador da revista El Eco de Galicia e da publicación que ilustra esta imaxe, Almanaque Gallego. Deste último foron publicados trinta volumes en que se poden atopar as colaboracións literarias e artísticas de autores de mérito relevante como Manuel Murguía, Manuel Leiras Pulpeiro, Eduardo Lence-Santar, Eugenio Carré Aldao, Benito Fernández Alonso, Jesús Rodríguez López, José María Cao, Francisco Asorey, Modesto Brocos ou José Seijo Rubio.
Recollemos os obxectivos que o propio Castro López expón no primeiro número do Almanaque Gallego: «Dar á conocer, en las repúblicas del Plata, á la pequeña patria, y en la pequeña patria, el saber, el ingenio y la honrosa acción de sus hijos residentes en estos países».
No seu número do ano 1923 publícase por primeira vez o único relato de Rosalía de Castro en lingua galega, titulado “Conto Gallego”. Sen dúbida, Almanaque Gallego constitúe unha obra de referencia importante que representa, en si mesma, un instrumento de enaltecemento da cultura galega desta e da outra beira do Atlántico.
A edición facsimilar do Almanaque Gallego foi posible grazas a un convenio de colaboración entre o Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia. Aquelas persoas interesadas na súa consulta poden ler e descargar os seus números neste enlace.


1913-01-00
Suevia: Revista Gallega Regionalista
Ver

Transcripción da Suevia: Revista Gallega Regionalista en 00/01/1913

O primeiro número desta publicación saíu en Bos Aires no mes de xaneiro de 1913, e nel Joaquín Pesqueira consta como director e J. Pena Bustelo como administrador. Trátase dunha revista ilustrada de carácter rexionalista. Con certa frecuencia aparecen artigos referidos a temas políticos, abordados dende unha orientación galeguista e agrarista. Tamén comparte reflexións de varios autores sobre o fenómeno da emigración galega, ademais de ofrecer información sobre as actividades da colectividade galega en Bos Aires e o acontecido en Galicia.
O seu lema é: «Galleguismo, porque amamos a Galicia y anhelamos, antes que nada en la vida, su bien moral y material […]. Y quisieramos, aquí, donde tanto se comercia con conceptos patrioteros, hacer de nuestro galleguismo un dogma y lo haremos».
Contou coa colaboración literaria de escritores do talle de Antón Zapata García, Eduardo Vicenti, Francisco Camba, Ignacio Ares de Parga, Jesús Rey Alvite, Luis Porteiro Garea, Santiago Miguens Parrado, Federico Ribas Montenegro, Basilio Álvarez, Enrique Labarta Pose, Eugenio López Aydillo, Juan Rof Codina, Ramón Fernández Mato ou Roberto Blanco Torres.


1916-11-14
A Nosa Terra: Idearium das Hirmandade da Fala en Galicia e nas colonias gallegas d’América e Portugal, 1916
Ver

Transcripción da A Nosa Terra: Idearium das Hirmandade da Fala en Galicia e nas colonias gallegas d’América e Portugal, 1916 en 14/11/1916

As Irmandades da Fala foi unha organización de capital importancia na vida política, social e cultural de Galicia, coa que emerxeu o nacionalismo galego. Con ela asumiuse por primeira vez o monolingüismo en lingua galega. A primeira Irmandade da Fala aparece na Coruña o 18 de maio de 1916. Un dos seus fundadores foi o xornalista, escritor e político viveirés Antón Villar Ponte (1881-1936), quen desenvolveu a súa intensa actividade tanto en Cuba como en Galicia. Foi un dos creadores da conciencia social nacionalista, autor de Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional, obra publicada na Coruña no ano 1916.
O autor manifesta abertamente a súa reivindicación da lingua: «Sen a nosa lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal».
A actividade das Irmandades da Fala mantense entre 1916 e 1931, ano da creación do Partido Galeguista, formado por un grupo sólido de intelectuais moi influentes na cultura galega: Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Manuel Viqueira, Alfonso D. Rodríguez Castelao ou Florencio López Cuevillas, entre outros. O forte e potente movemento literario fomentado polas Irmandades levou consigo o desenvolvemento dun proxecto pioneiro de planificación sociolingüística sobre o galego. Recibiu o apoio dos sectores galeguistas dentro da colectividade galega residente en América, sobre todo na Arxentina.
A Nosa Terra foi o primeiro voceiro publicado integramente en lingua galega e viu a luz o 14 de novembro de 1916 na Coruña. Tivo como directores a Antón Villar Ponte e Víctor Casas. Dentro do equipo de colaboradores estaban Ramón Cabanillas, Amado Carballo, Leandro Carré, Castelao, Álvaro Cebreiro, Ánxel Casal e Xoán Vicente Viqueira. A súa periodicidade vese afectada pola ditadura de Primo de Rivera e pasa a publicarse unha vez ao mes. No primeiro editorial maniféstase a idea dun «rexionalismo gallego, en gallego, como a nosa bandeira de redención […]. Non hai outro rexionalismo que o que se faga en gallego, e si este non xurde, non xurdirá Galicia».


1920-00-00
Acción Gallega: Publicación Oficial de Casa de Galicia de Bos Aires (1920-1925)
Ver

Transcripción da Acción Gallega: Publicación Oficial de Casa de Galicia de Bos Aires (1920-1925) en 00/00/1920

Acción Gallega foi a publicación oficial da Casa de Galicia de Bos Aires e estivo dirixida por Rodolfo Prada Chamocín (Os Peares, 1892 - Bos Aires, 1980), figura histórica do galeguismo na emigración. O seu consello de redacción contou coa colaboración de Ignacio Ares de Parga, Xavier Ínsua e Eduardo Blanco-Amor, entre outros. Destaca a colaboración de importantes personaxes da emigración con numerosos artigos sobre literatura, economía, política e sociedade galegas, ademais de notas históricas e bibliográficas: Antonio R. de Fraga, Augusto Barcia, E. Correa Calderón, Francisco Lamas, Gerardo Álvarez Limeses, Joaquín Pesqueira, Joaquín R. Rodríguez, José Ramón Lence, Julio Carballo, Manuel del Río Candamo, Miguel Revestido, Tirso Lorenzo, Xaquín Bacelo, Antonio Noriega Varela, Eladio Rodríguez González, Fortunato Cruces, Manuel Castro López, Ramón Cabanillas, Ramón María del Valle-Inclán, Roberto Blanco Torres ou Xavier Bóveda.
Temos aquí o seu primeiro número e facilitamos a ligazón onde se poden consultar os corenta e cinco números dixitalizados, que forman parte do Repertorio da prensa da emigración galega , publicado polo Arquivo da Emigración Galega.


1921-00-00
Cabeceira da revista Nós, voceiro da sociedade Xuntanza Nazonalista d’Habana, 1921
Ver

Transcripción da Cabeceira da revista Nós, voceiro da sociedade Xuntanza Nazonalista d’Habana, 1921 en 00/00/1921

A Xuntanza Nazonalista d’Habana foi creada o 20 de xuño de 1920 por Fuco Gómez, Andrés Rodríguez Orjales, Sinesio Fraga, Tomás Rodríguez Sabio e César Parapar Sueiras, entre outros, todos eles recoñecidos nacionalistas. Na súa declaración de intencións manifestan o obxectivo de seren un «catalizador» no proceso de galeguización das «numerosas sociedades feitas pol-os galegos do desterro, facendo que as que sosteñen escolas, den ós escolantes unha instrucción máis ampla e galeguista», para combater toda clase de prexuízos contra os galegos emigrados «por medio da súa Seución de Cultura e Fala, contestará […] todos cantos traballos sexan pubricados en xornaes e revistas onde se denigre o santo nome de Galicia e as virtudes dos galegos». O seu lema social foi «todo por Galicia e para Galicia». Axiña pasan a defender posturas máis arredistas e a reivindicar a autonomía plena para Galicia —chegan a predicar a independencia— e a instauración da lingua e da cultura galegas nas institucións; tamén avogan por realizar labores de propaganda e de acción política e incluso defenden un ideario feminista por entender que a muller en Galicia debe ter máis dereitos que os que as leis lles conceden.
Para difundir os seus ideais en 1921 publican a revista Nós como o seu órgano xornalístico. Escrita en galego, trátase dunha publicación política que informa das actividades do movemento nacionalista en Galicia e Cuba e fomenta as ideas galeguistas na illa. Tamén ten unha finalidade cultural, coa publicación de artigos sobre a literatura e a lingua galegas.


1922-10-01
El Despertar Gallego, Bos Aires (1922-1930)
Ver

Transcripción da El Despertar Gallego, Bos Aires (1922-1930) en 01/10/1922

El Despertar Gallego forma parte da prensa étnica publicada pola colectividade galega radicada na Arxentina. Foi o “Órgano oficial da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales”, marcado por unha postura política galeguista de esquerda.
O xornal nace en Bos Aires en 1922 e entre os seus propósitos destaca «combatir el caciquismo y alentar al pueblo gallego para su emancipación». Estivo dirixido por Antón Alonso Ríos (Silleda, 1887 - Bos Aires, 1980), quen chegou a ser profesor na capital porteña e fundador da FSGAyC. En 1931 volveu a Galicia xunto a Suárez Picallo, onde participou politicamente como galeguista e seguidor do movemento agrarista. Foi colaborador activo na campaña a favor do Estatuto de Galicia e elixido deputado por Pontevedra en febreiro de 1936, na candidatura da Fronte Popular. Poucos meses despois viuse obrigado a fuxir e chegou a cambiar a súa identidade pola dun esmoleiro portugués, Afranio do Amaral, para protexerse da persecución de que foi vítima. Despois de pasar moitas penurias conseguiu partir cara a Bos Aires dende Portugal. A súa chegada no buque Lipari a terras porteñas materializouse o 29 de xuño de 1939. En 1944 participou xunto a Castelao na fundación do Consello de Galiza que tivo lugar en Montevideo. O seu falecemento aconteceu dun xeito dramático en Bos Aires, polo que non foi difundido con moito detalle por parte da colectividade galega.


1924-00-00
A revista Céltiga, voceiro dun galeguismo moderado en América, (Bos Aires 1924 - 1932)
Ver

Transcripción da A revista Céltiga, voceiro dun galeguismo moderado en América, (Bos Aires 1924 - 1932) en 00/00/1924

Esta revista cultural ilustrada reaparece publicada en 1924 baixo a dirección literaria de Eduardo Blanco-Amor, Ramón Suárez Picallo e Eliseo Pulpeiro, recoñecidos galeguistas no seo da colectividade. Dende as súas páxinas difundiuse un galeguismo moderado e respectuoso, como se pode ver na sección “Idearium Galeguista”, na que se dá cabida a colaboracións de intelectuais arxentinos e galegos que en Galicia atopaban atrancos para expresaren as súas ideas políticas debido ás restricións da ditadura de Primo de Rivera.
Pódese dicir que Céltiga foi o punto de encontro da intelectualidade galega residente na Arxentina entre os anos 1924 e 1932. Nela publicáronse artigos sobre diversidade de temas galegos: por exemplo, nas seccións “Motivos de Crónica” ou “El momento de Galicia” analízase a actualidade galega e da colectividade. A revista, nun intento por achegarlles aos lectores a realidade cultural galega, incluía notas biográficas de artistas galegos, reproducións gráficas da súa obra, comentarios bibliográficos ou colaboracións literarias, así como informacións da colectividade e das asociacións de emigrantes (“Por nuestras sociedades”).
Tras un labor de recuperación, o CCG puxo á disposición dos e das galegas todos os números desta senlleira revista no seu web.


1926-06-00
A Fouce: periódico galego (Bos Aires, 1926)
Ver

Transcripción da A Fouce: periódico galego (Bos Aires, 1926) en 00/06/1926

No Bos Aires das primeiras décadas do século XX os grupos nacionalistas, formados no seo da colectividade galega, amosaban unha actividade moi dinámica que se difundía a través da prensa étnica. Tal é o caso do xornal independentista A Fouce, creado en 1926. Este foi o segundo voceiro en importancia de ideoloxía nacionalista galega, despois de A Nosa Terra.
Na primeira época desta publicación (1926) a entidade editora foi a Irmandade Nazonalista Galega de Bos Aires e na segunda (1930-1936), a Sociedade Nazonalista Pondal. O lema do voceiro explicaba sucintamente o seu ideario:
«Política? Xa falaremos. Pirmeiro percisámol-a Libertade. Calquera que sexa o teu senso político, xunguete a Nos no sagreficio pol-a sua Independenza. A lingua é base, e é a mais genial e nacional obra de arte que cada naçao cria e desenvolve. A escola nazonal galega. Eis, a laboura mais urxente. Cantai galegos o himno xigante dos pobos libres, cantai galegos a idea santa da independencia da nosa Patria (Alfredo Brañas)».
O xornal reproduce colaboracións de destacados intelectuais galeguistas e, en moitas ocasións, resulta controvertido en temas referidos ao Partido Galeguista e outros grupos afíns. No equipo de colaboradores pódese atopar a Antón Zapata García, Bieito Fernández, Camilo Cantón, Clemente López Pasarón, Francisco Lamas Barreiro, Francisco Fernández del Riego, Fuco G. Gómez, Fungueiro, Lino Pérez, Manuel Oliveira, Moisés da Presa, Ramón Villar Ponte, Ricardo Flores, Urbano Hermida, Valentín Paz-Andrade, Vicente Barros, Vicente Risco, Víctor Casas e Victoriano Taibo.
Para saber máis sobre a evolución histórica de A Fouce e o seu papel dentro do xornalismo nacionalista é recomendable consultar o estudo introdutorio realizado polo profesor Xosé M. Núñez Seixas, “A Fouce e o nacionalismo galego en Buenos Aires (1926-1936)”, como introdución á edición facsimilar de A Fouce (Vigo, Nova Galicia Edicións, 1992, vol. I).


1929-07-00
O galeguismo cultural en Montevideo: o xornal Arazúa, boletín de la Asociación Protectora de la Cultura Gallega, 1929
Ver

Transcripción da O galeguismo cultural en Montevideo: o xornal Arazúa, boletín de la Asociación Protectora de la Cultura Gallega, 1929 en 00/07/1929

Esta asociación cultural foi creada por un grupo de galeguistas residentes no Uruguai, entre os que estaban Julio Sigüenza, Jaime L. Lorenza, Constantino Sánchez Mosquera, Miguel Barros, Casiano Estévez ou Juan José San Román. Seguidores do labor realizado polo Seminario de Estudos Galegos e pola Real Academia Galega, difunden a súa obra tanto en Galicia como en América e envían numerosas doazóns para o seu sostemento e para a súa acción cultural na terra nai. O Centro Galego, a institución máis importante no seo da colectividade en Montevideo, apoiou a súa creación en 1928. Defendía un galeguismo cultural cuxa finalidade principal era acadar fondos para investir no progreso de Galicia: só a través do coñecemento e defensa da cultura propia, os galegos poderían conseguir o seu desenvolvemento económico e político.
En 1929 comeza a editar como voceiro societario este boletín, que ten unha clara orientación galeguista, sobre todo na sección “Farrapos”, asinada por Sánchez Mosquera. Segundo o editorial deste primeiro número, a publicación debía servir para «despertar entre los gallegos residentes en el Uruguay la creencia y la fe en el renacimiento cultural de su pueblo […] prestándole su concurso moral y material». Nas súas páxinas abundan os artigos sobre Galicia e a súa literatura, historia, arte, arqueoloxía etc., e aparecen descricións das actividades realizadas a prol da nosa terra en Montevideo, Cuba ou Galicia. No marco do seu labor reivindicativo da identidade cultural, reproduce manifestos nacionalistas e diversas colaboracións de autores galegos e uruguaios.


1934-12-00
O Irmandino. Periódico Galego, órgao da Irmandade Galeguista d’o Uruguai, (Montevideo, 1934-1936)
Ver

Transcripción da O Irmandino. Periódico Galego, órgao da Irmandade Galeguista d’o Uruguai, (Montevideo, 1934-1936) en 00/12/1934

Esta asociación «xurdiu a vida aitiva da coleitividade para espertar na conciencia de todol-os galegos a noción da personalidade de Galiza, como unidade natural de raza, linguaxe, hestoria, xeografía e esprito propios». Foi creada en 1934 por Manuel Meilán, Antón Crestar, Pedro Fernández Veiga, Juan José San Román e outros galeguistas que desenvolvían unha intensa actividade a prol da autonomía de Galicia e do ideario nacionalista dende un punto de vista cultural. Esta sociedade foi considerada como unha sección uruguaia dentro do Partido Galeguista.
O mesmo ano da súa fundación publica o xornal O Irmandino como o seu órgano de expresión. A cabeceira é unha homenaxe á revolta irmandiña do século XV. Escrito en galego, nas súas páxinas podemos ler artigos dos principais líderes do Partido Galeguista e doutros persoeiros, nunha clara ortodoxia nacionalista —a economía galega de Bóveda, a reivindicación de figuras senlleiras como Pondal ou Pardo de Cela, a defensa da escola galega…—, ademais de reproducións de textos literarios. Outros artigos fan referencia ás actividades desenvolvidas pola Irmandade, como conferencias, visitantes, notas biográficas etc.
O xornal ten dúas épocas de publicación cun lapso de vinte e catro anos entre ambas: de 1934 a 1936 e de 1958 a 1961.


TERMOS CLAVE DO FONDO Persoas: Seoane, LuísSeoane, MaruxaFernández del Riego, FranciscoDíaz Pardo, IsaacVarela, LorenzoDieste, RafaelPaz-Andrade, ValentínMurguía, ManuelGarcía-Sabell, DomingoMaside, CarlosHervella, EvelinaCastelao, Otero Pedrayo, RamónCuadrado, ArturoScheimberg, SimónLaxeiro, Piñeiro, RamónPicasso, PabloSofovich, BernardoFaraldo, AntolínPrada, RodolfoCastro, Rosalía deArias “Mimina”, CarmenFole, ÁnxelColmeiro, ManuelCarballo Calero, RicardoFalcini, LuísDónega, MarinoLifschitz, RafaelCunqueiro, ÁlvaroNúñez Búa, XoséVillar Ponte, AntónGirri, AlbertoLamas Carvajal, ValentínDíaz, XoséPalmás, RicardoCabanillas, RamónMuñoz Manzano, CarmenMiró, JoanGerstein, MarikaFrontini, NorbertoOtero Espasandín, XoséAlberti, RafaelBaudizzone, LuísShand, WilliamÁlvarez Blázquez, Xosé MaríaBurd, LipaLedo, XohánDíaz Arias de Castro, RosendoFerreiro, Celso Emilio Temáticas: medios de comunicación Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane. artesliteraturaartes visuaisemigraciónpolíticaautores/asÁlbum de Galiciaasuntos particulareshistoriamigraciónsespazos artísticosHistorias de ida e voltanacionalismoacción socioculturalasociaciónsVoceiros da colectividade galega na emigracionA nova SargadelosColección: Isaac Díaz Pardo e Luís SeoaneLibro de TapasO galeguismo en América Fondo: Valentín Paz-Andrade no seu arquivo persoalLingua. LiteraturaFiguraciónsartes escénicasGalería BoninoComunicacións mesturadasExposición de Luís Seoane. Madrid. 1973Fardel d’eisiladoLonxeExposición de Luís Seoane. Madrid. 1963Historias e invenciones de Félix MurielpremiosEdiciós do CastroColección: Valentín Paz Andrade con Isaac Díaz PardoDanzas popularesPrecursores e novosCruces de piedraComisión de Cultura del Centro Gallego de Bos AiresDiccionario bio-bibliográfico de escritoresVida gallegaradioperonismoMulleresFondo: Arquivo da Fundación Pública Galega Camilo José CelaHistoria de la literatura gallega, de Del RiegoTres hojas de ruda y un ajo verdeA la pinturaCatro poemas para catro gravados

Warning: Unknown: 2 result set(s) not freed. Use mysql_free_result to free result sets which were requested using mysql_query() in Unknown on line 0