NOTICIA

----

Xosé Ramón Veiga reflexiona sobre a aceptación da derrota democrática no ciclo Pensarmos

O ciclo Pensarmos, organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) que coordina Celia Pereira Porto, regresa este xoves (18:00 horas) cunha nova cita sobre a calidade da democracia. Nesta ocasión, Xosé Ramón Veiga reflexiona sobre o tema a partir da análise dun período concreto da historia. A xornada leva por título “O máis difícil é aceptar a derrota: Pluralismo político, participación e democracia no século XIX”. A sesión é presencial e pode seguirse en directo desde o sitio web e as redes sociais da institución.

O ciclo Pensarmos continúa a reflexionar arredor do concepto da democracia cunha nova xornada dedicada a traer á memoria un período recente da nosa historia, concretamente o século XIX. Como é habitual neste ciclo, o relator convidado dialoga cunha especialista na materia que irá conducindo a conversa. Nesta ocasión Xosé Ramón Veiga estará acompañado na mesa por Ana Isabel García Arias.

Os participantes

Xosé Ramón Veiga Alonso é doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e premio extraordinario (1998) coa tese O conde de Pallares e o seu tempo, 1828-1908. Política, ferrocarrís e agrarismo en Galiza, dirixida por Xosé Ramón Barreiro Fernández. Na actualidade é profesor titular do Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC e imparte docencia na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo.

As súas liñas de investigación son a historia política e a historia agraria, centradas na historia de España e de Galicia do século XIX. Na liña de historia política interesouse pola aproximación ao proceso de nacionalización española en Galicia. Así, analizou a politización liberal, a socialización da política e o desenvolvemento dunha cultura política liberal entre finais do século XVIII e 1874, con aproximacións específicas, como á milicia nacional nas súas diferentes presentacións, aos procesos electorais, á definición dunha cultura política conservadora ou ao papel desempeñado por Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina, icona de muller política progresista.
Ana Isabel García Arias é doutora en Ciencias Económicas, é titular na Área de Economía, Socioloxía e Política Agraria da Universidade de Santiago de Compostela. Na súa disciplina traballou na avaliación de políticas agroambientais e de desenvolvemento rural, así como na identificación de servizos ecosistémicos

Pensarmos

En xaneiro de 2019 a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo Pensarmos, unha proposta de charlas, debates e intercambio de ideas coa que se busca abordar os problemas da actualidade. A posverdade, os fascismos dixitais, as tecnopersoas, a precarización da vida, a perda de liberdades, a deterioración medioambiental ou o poshumanismo foron algunhas das temáticas que se trataron no marco deste foro, polo que pasaron xa máis dunha vintena de conferenciantes como, por exemplo, María Xosé Porteiro, Joaquín Urías, Maggy Barrère ou Javier Vilanova, por citar algúns dos máis recentes. Todas as intervencións están gravadas e, salvo desexo expreso dos autores, pódense consultar a través do sitio web institucional ou na nosa canle de YouTube.

Sección de Pensamento
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, coordinada por Celia Pereira Porto e que ten como membros a Mariló Candedo Gunturiz, Francisco Castro Veloso, Francisco Xosé Fernández Naval, Ana Isabel García Arias, Nieves Herrero, Luisa Martínez Lorenzo, Xoán Antón Pérez Lema e Juan Tallón. Ademais do ciclo Pensarmos, a Sección organiza periodicamente outras actividades, entre as que destacan a revisión de figuras relevantes no mundo do pensamento e a análise da conexión que tiveron con Galicia persoeiros como Martin Heidegger, Simone Weil, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx.