----

Dúas actividades profundan na música medieval a partir da figura de Martín Codax

Unha xornada científica e un concerto son as dúas actividades coas que o Consello da Cultura Galega (CCG) e o concello de Redondela celebran este xoves, 5 de outubro, unha nova edición do ciclo “Seíam'eu... en San Simón”. O programa busca profundar na figura de Martín Codax, figura homenaxeada este ano co Día das Artes Galegas. A xornada terá lugar de mañá (a partir das 10:30 horas) na illa de San Simón, e contará con destacados especialistas para falar das voces e da arpa na música medieval. Titúlase “Ecos medievais: A voz e a arpa, testemuñas e transmisores da alma musical do pasado”, non se retransmite en directo, pero será gravada para logo subirase á rede no web do CCG. Pola tarde (19:30 horas), no auditorio a Xunqueira de Redondela, haberá un concerto no que terá lugar a estrea absoluta da reinterpretación das cantigas de Martín Codax feita por catro compositores galegos actuais.

A illa de San Simón acolle unha xornada coordinada por Alejo Amoedo que aborda a voz e a arpa como testemuñas e transmisoras da alma musical do pasado, particularmente na época medieval. Conta coa participación de Gorka Rubiales, da Universidad de Salamanca; Paulina Ceremuzynska, cantante e musicóloga especializada na interpretación da música antiga, e Manuel Vilas, arpista especializado en música antiga, que afondarán na iconografía musical medieval, na voz das cantigas e nos diferentes aspectos relacionados con un dos instrumentos máis caros e prezados do universo musical dos séculos X-XIV: a arpa, sen esquecer a súa importante carga simbólica, que a relaciona coa figura do rei David. A xornalista do Faro de Vigo, Mar Mato, será a encarga de presentar os distintos relatorios.

O concerto
Pola tarde, ás 19:30 horas, o Auditorio do Multiúsos da Xunqueira de Redondela acolle un concerto no que se interpretarán, por primeira vez, as composicións que María Mendoza, Mario Diz, Gloria Rodríguez Gil e Arsenio Keilin elaboraron das cantigas de Martín Codax. Nuria Lorenzo e Arsenio Keilin serán as voces acompañadas ao piano por Alejo Amoedo, María Keilin e María Mendoza. Este concerto é o resultado da publicación Partituras para voz e piano de Catro visións contemporáneas sobre as cantigas de Martín Codax, editada polo Consello da Cultura Galega e a Asociación Galega de Compositores o pasado mes de abril no que, con traballo de revisión de Joam Trilho, se editaron as versións encargadas a catro compositores actuais que forman parte da Asociación Galega de Compositores. Esta edición incorpora ao patrimonio galego novas interpretacións das cantigas de Martín Codax, que se suman ás xa existentes: dende as máis ortodoxas e conservadoras ata as máis revisionistas.

Seíam’eu en San Simón
En 2019, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez e o alcalde do concello de Redondela, Javier Bas, asinaron un acordo que buscaba establecer unha colaboración estable entre estas dúas entidades. Concretouse na celebración dun evento, titulado “Seíam’eu…en San Simón” que aproveita a ambivalencia dese espazo tan singular para organizar actividades que teñan vínculo tanto coa época medieval como co seu pasado vencellado ao momento en que foi un lazareto.

Arrincou ese mesmo ano 2019 cun programa titulado “A cultura medieval á luz das novas tecnoloxías”, no que recoñecidos expertos en arte, música, patrimonio e literatura medieval analizarán as posibilidades de difusión e de investigación que ofrece a tecnoloxía sobre esta época. En 2020 suspendeuse a edición por mor da pandemia e en 2021 volveuse sobre a cultura medieval aproveitando o 800 anos do nacemento do Rei Sabio. Daquela, o programa rastrexou a influencia do monarca na música galega. En 2022 falouse de Intervencións dos exilios da Guerra Civil nunha xornada titulada “Legados desde a dislocación”.