NOTICIA

----

Presentado Federico Mediante, el Salgari español que contribúe ao mellor coñecemento do fenómeno migratorio

Federico Mediante era asturiano pero sentíase fondamente galego. “ A súa historia sitúase dentro do noso interese por documentar e coñecer os nomes que conforman a emigración galega” explicou a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, quen, xunto co secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; o vicepresidente do CCG e director do Arquivo da Emigración Galega, Xosé M. Núñez Seixas; e o ribadense Francisco Díaz-Fierros, acompañaron á autora, Ana Rosa Martínez Loredo, na presentación da obra Federico Mediante, el Salgari español. O libro fai un percorrido pola biografía e historia deste home e que tamén se pode consultar no Álbum de Galicia.

“Federico Mediante foi un emigrante que se forma a partir da experiencia, que pasou por diferentes oficios e que ten ese carácter emprendedor que o fan unha figura imporante para entender a emigración galega” apuntou Xosé M. Núñez Seixas no marco da presentación. “Contributos coma este son de grande interese historiográfico, porque nos da moitas pistas e nos ilustra sobre as idas e as voltas, que nos amosa o rico e multiforme que é o mundo de emigración e que pode ter unha lectura positiva e non vista sempre como desgracia” engadiu o vicepresidente do CCG.

“Cando souben que en España había persoas interesadas en ter máis información sobre o meu avó escritor, púxenme mans á obra e preparei unha exhibición co abundante material que miña avoa e miña nai gardaron del tan celosamente” indicou Ana Rosa Martínez Loredo, museóloga e organizadora de xornadas e exposicións. Explicou que divulgar a súa obra e figura é o obxectivo que latexa de fondo nesta sorte de “biografía documentada”. “Xa é hora de sacar á luz e compartir o enorme potencial de información que atesourou a miña familia sobre un dos máis importantes escritores de novelas populares da España do século XX, ademais da súa pintoresca e inqueda vida, enriquecida por grandes ideais”, subliñou. Trala presentación a autora fixo entrega ao Arquivo da Emigración Galega dun orixinal das novela escritas por Mediante.

A figura de Federico Mediante
Federico Mediante foi unha persoa adiantada ao seu tempo cuxo perfil biográfico xa se pode consultar desde 2021 no Álbum de Galicia, a colección biobibliográfica do Consello da Cultura Galega. Neste libro documéntanse con maior detalle aspectos dunha viaxe vital que arrincou en 1902, cando apenas sumaba os catorce anos de idade, en que Mediante viaxou dende a súa Asturias natal ata América cargado dunha foto de seus pais e unha edición de O quixote. Desde alí regresou para participar na guerra que España libraba en Melilla. Tras o remate da campaña, permaneceu durante un breve período de tempo no seu lugar de orixe antes de marchar cara á Arxentina. Alí, traballou como actor de circo e deu os primeiros pasos na escritura de obras de teatro. Tamén fundou varios xornais e revistas nas provincias arxentinas de Corrientes, Santa Fe e Mercedes, e exerceu como actor na compañía Greco-Beroldo. Grazas a Arturo Greco, director desta empresa teatral, Federico Mediante coñeceu o actor e dramaturgo Alberto Vaccarezza, quen o tentou para participar nunha película. Ambos compartiron a ideoloxía, a loita sindical e a reivindicación de que os traballadores da arte debían organizarse para reclamar os seus dereitos.

A neta e autora da biografía de Federico Mediante defíneo no libro como “o explicador de películas, o cazador de tigres, o vendedor de entradas de cine, o viaxeiro, o escritor”. Arredor desta última faceta afonda no primeiro capítulo, no que destaca a contribución do seu avó no xénero das novelas populares. Este tipo de obras “trouxeron consigo un cambio cultural en España, que serviu para encher o baleiro que había no polisistema literario español”, afirma Ana Rosa Martínez Loredo. Tamén subliña que Federico Mediante completou unha colección de contos infantís e traduciu un tratado de psicoloxía chamado Optimismo, aínda que foi coa escrita das súas novelas de aventuras e policiais coa que gañou o alcume de Salgari español.