“Alicerces materiais para unha democracia sobre terra firme” é o título do relatorio co que Sarah Babiker participa na nova sesión do ciclo Pensarmos, que continúa a reflexionar neste 2023 arredor do concepto de democracia. A súa intervención seguirá o mesmo esquema que as restantes do ciclo, no que a persoa convidada dialoga cunha especialista no tema. Desta volta, a conversa estará conducida pola profesora e pedagoga Mariló Candedo Gunturiz.
As participantes
Sarah Babiker Moreno é xornalista e socia de El Salto, diario en que coordina os contidos sobre migracións e antirracismo. É especialista en información internacional pola Universidad Complutense de Madrid e diplomada en Antropoloxía Social e Política pola Facultad Latinoamericana de Ciencias Sociales (A Arxentina). As súas liñas de interese céntranse na desigualdade en todas as súas formas. Defende un xornalismo comprometido e transformador que aposte pola xustiza social e o cambio e, nese marco, escribe artigos, reportaxes e entrevistas nos que reclama unha renda básica universal.
Mariló Candedo Gunturiz é pedagoga e profesora na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Pedagoxía Social e mais a de Dimensión Ética e Procesos Educativos. Forma parte do grupo de investigación Política Educativa, Historia e Sociedade. As súas áreas de estudo céntranse na educación en valores, a igualdade de oportunidades no sistema educativo, os modelos lingüísticos na educación e a relación entre cultura, educación e participación comunitaria. Foi presidenta de Nova Escola Galega e, actualmente, é membro activo dos movementos de renovación pedagóxica.
Pensarmos
En xaneiro de 2019 a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo Pensarmos, unha proposta de charlas, debates e intercambio de ideas coa que se busca abordar os problemas da actualidade. A posverdade, os fascismos dixitais, as tecnopersoas, a precarización da vida, a perda de liberdades, a deterioración medioambiental ou o poshumanismo foron algunhas das temáticas que se trataron no marco deste foro, polo que pasaron xa máis dunha vintena de conferenciantes como, por exemplo, Xosé Ramón Veiga Alonso, María Xosé Porteiro, Joaquín Urías ou Maggy Barrère, por citar algúns dos máis recentes. Todas as intervencións están gravadas e, salvo desexo expreso dos autores, pódense consultar a través do sitio web institucional ou na nosa canle de YouTube.
Sección de Pensamento
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, coordinada por Celia Pereira Porto e que ten como membros a Mariló Candedo Gunturiz, Francisco Castro Veloso, Francisco Xosé Fernández Naval, Ana Isabel García Arias, Nieves Herrero, Luisa Martínez Lorenzo, Xoán Antonio Pérez Lema e Juan Tallón. Ademais do ciclo Pensarmos, a Sección organiza periodicamente outras actividades, entre as que destaca a revisión de figuras relevantes no mundo do pensamento e a análise da conexión que tiveron con Galicia persoeiros como Martin Heidegger, Simone Weil, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx.



