----

Unha xornada en Lourenzá pecha os actos en homenaxe a Fernández del Riego

O Consello da Cultura Galega (CCG) pecha un ano de actividade arredor da figura de Francisco Fernández del Riego, cunha xornada no seu Lourenzá natal. Diferentes especialistas afondarán nas relacións do homenaxeado no Día das Letras Galegas desta edición coa emigración e o seu papel como colaborador nas publicacións da colectividade galega en América. A alcaldesa do concello de Lourenzá, Rocío López García, e o vicepresidente do CCG, Xosé M. Núñez Seixas, inauguran este venres, 1 de decembro (19:00 horas), a cita titulada “Fernández del Riego: de Lourenzá a América”.

A xornada consiste nunha mesa redonda que pretende profundar no vínculo do galeguismo coa emigración e o exilio a partir da figura de Francisco Fernández del Riego, colaborador frecuente na prensa galega e galeguista da emigración e do exilio dende a súa mocidade e, de maneira particular nos anos da posguerra, co pseudónimo Salvador de Lorenzana. Nas súas crónicas informaba aos ausentes da evolución cultural, social e económica de Galicia e, como representante do galeguismo do interior, mantivo un elo estreito cos galeguistas do exilio. Sobre isto falarán Xosé M. Núñez Seixas e Malores Villanueva cos relatorios “Fernández del Riego e o galeguismo do exilio” e “Fernández del Riego: como salvar a inmensidade atlántica” respectivamente.


A xornada serve tamén de homenaxe a unha bisbarra con alta emigración a América que deu fillas ilustres ás letras uruguaias como Juana de Ibarbourou, sobre a que falará Pilar Cagiao na súa intervención “Juana de Ibarbourou: gallega, oriental y criolla”. Tamén participa o historiador Prudencio Viveiro Mogo cun relatorio titulado “As sociedades de instrución da Mariña: “Hijos de Lorenzana”

O CCG e Fernández del Riego
A programación deseñada pola institución para esta edición do Día das Letras Galegas buscaba recoñecer tanto a faceta poliédrica de Francisco Fernández del Riego como o seu inesgotable traballo en prol da cultura do país. Arrincou en xaneiro, coincidindo co aniversario do nacemento de Del Riego, cun espazo web que concentra todos os materiais e recursos desenvolvidos ou promovidos pola institución arredor da figura de Francisco Fernández del Riego. Inclúe información biográfica, audios, audiovisuais e outros materiais, entre os que destacan os fondos epistolarios de Fernández del Riego que se conservan no Consello da Cultura e o “Cartafol de prensa”, coa publicación das súas colaboracións xornalísticas na prensa da emigración en América.

En maio, ao fío do Día das Letras, publicou a edición facsimilar con estudo crítico de “Na espera do amigo”, unha rareza na produción de Fernández del Riego; tamén celebrou o Concerto das Letras Galegas no que se estreou unha peza composta polo pianista e compositor vigués Brais González Pérez a partir de dous poemas escritos en homenaxe a don Paco e mais da súa cantiga tradicional A miña burriña, que Del Riego entoaba acotío nalgunhas celebracións. A peza constaba de tres movementos: «Cabeleira de néboas», baseado no poema do recentemente finado Salvador García-Bodaño; «A miña burriña», composta a partir da cantiga popular, e «Corazón do país», baseado nun texto de Xaime Isla Couto, con quen compartiu unha fonda amizade