Nas ás do canto. Música e identidade no Rexurdimento
Centenario de Manuel Murguía
“Un dos obxectivos do Rexurdimento era converter o estigma en estima: lingua, costumes, música, paisaxe, tradicións, monumentos, persoeiros históricos, pasado político… Rehabilitar o país ante e para os seus habitantes; en consecuencia, tornalos conscientes de seren pobo galego” explica o ensaísta, poeta e narrador Xurxo Martínez, quen quixo destacar a importancia de entender o Rexurdimento en sentido amplo. “Non foi só no ámbito literario, senón que o primeiro foi musical, xa que naquel momento a xente non sabía ler e foi a través da música e cantando como se foron transmitindo ideas, literatura, sentimentos...foi o vehículo de popularización da literatura galega” apuntou Martínez.
Nesa idea incide a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, quen destacou que foi un período crucial para a “historia da lingua, e non só polo prestixio da escrita e da publicación de obras debidas ao xenio de personalidades relevantes na sociedade culta da época, senón pola aparición das primeiras gramáticas e dicionarios”.
Pola súa parte, a musicóloga Margarita Viso fixo unha análise do nacemento e desenvolvemento da canción lírica galega, da relación entre o texto e a música folclórica galega e a tradición medieval.
O proxecto complétase cunha selección de catorce cancións para mostrar a diversidade, calidade e o vigor compositivo desta etapa cunha interpretación está ao cargo da soprano rusa Anna Mélikhova (San Petersburgo, 1985) e do pianista Martín Manuel Chaves Fraga (Santiago de Compostela, 1999). No repertorio que se pode escoitar na rede están "Ondas do mar de Vigo", con letra e música de Martin Codax (con arranxo de Tafall); "Os teus ollos", con letra de Curros e Música de Chané; "Maio longo" con letra de Rosalía e música de Baldomir, "Soedades", popular e música de Marcial del Adalid; "Meus amores", letra de Salvador Golpe e música de Baldomir; "Os pinos", letra de Eduardo Pondal e música de Pascual Veiga, entre outras cancións.
A versión web inclúe tamén ligazóns ás biografías de compositores e de poetas no Álbum de Galicia. Nas vindeiras semanas editarase en papel, en formato libro.
O concerto
Na presentación do especial web tivo lugar un concerto a cargo da soprano Anna Mélikhova e do pianista Alejo Amoedo, que ofreceron unha escolma de cinco cancións das que se recollen no especial. Son “Soedades”, con letra popular e música de Marcial del Adalid; “Cántiga con letra”, de Curros Enríquez e música de José Castro "Chané"; “Meus amores”, con letra de Salvador Golpe e música de Xosé Baldomir; “Maio longo”, coa letra de Rosalía de Castro e música de Xosé Baldomir; e, para pechar, o texto do homenaxeado este ano, Manuel Murguía, “Nena das soledades” con música de José Fernández Vide.



