NOTICIA

----

Incorpóranse ao Repertorio da prensa da emigración galega novos números do xornal Correo de Galicia

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), suma 86 novos números da cabeceira Correo de Galicia. O xornal, editado en Bos Aires entre os anos 1908 e 1945, foi o voceiro da colectividade galega emigrada no Río da Prata. As súas páxinas contiñan información de interese para as persoas emigrantes, así como novas locais e outras sobre a actualidade de Galicia. Os exemplares que se incorporan neste mes de xaneiro corresponden a diferentes números publicados no período 1919-1920.

En 1908 José Vázquez Romaguera e José Ramón Lence fundaron a cabeceira Correo de Galicia, que se mantivo en circulación baixo ese nome ata 1945, ano en que comezou a distribuírse como Nuevo Correo para, posteriormente, pasar a denominarse Faro de España. Malia que nun primeiro momento adoptou unha liña ideolóxica galeguista e mostrou posturas favorables á República durante a ditadura de Primo de Rivera, en 1936 manifestouse a favor do bando nacional.

O xornal editábase en Bos Aires, pero tiña tamén axencias en Rosario de Santa Fe (A Arxentina) e Montevideo (O Uruguai). De periodicidade semanal, incluía novas de carácter xeral sobre a colectividade galega residente en todo o ámbito do Río da Prata. Ademais de dar conta das actividades levadas a cabo polas diferentes sociedades de emigrantes, incorporaba outras noticias de interese para os emigrados e emigradas, como informacións de tipo consular ou de proxectos de lei. A cabeceira reservaba un número importante de páxinas para a actualidade de Galicia, con noticias e comentarios sobre a súa situación social, política e económica. Así mesmo, recollía algunhas novas de ámbito local referidas, sobre todo, a eventos de tipo cultural e recreativo que tiñan lugar na capital da Arxentina (representacións teatrais, carreiras de cabalos etc.). As notas sociais e biográficas, as colaboracións literarias e os artigos sobre a realidade cultural galega completaban os contidos do xornal.

As ilustracións eran escasas e as poucas que se incluían correspondían a fotografías sociais, retratos de personalidades e imaxes de paisaxes e vilas galegas. Pola contra, a publicidade era abundante e, entre as empresas que se anunciaban, atopábanse establecementos comerciais de variada tipoloxía (negocios de confección, de venda de produtos galegos, etc.), entidades bancarias ou compañías de navegación. Tamén incorporaba propaganda de produtos de hixiene e de alimentación.

Os 86 números que se suman nesta ocasión ao Repertorio da prensa da emigración galega corresponden a parte dos publicados durante os anos 1919 e 1920, aos que hai que sumar os 41 primeiros exemplares da cabeceira (1908) e outro do ano 1911 que xa foran previamente dixitalizados.

O Repertorio da prensa da emigración galega
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.