A maternidade converteuse nun dos grandes temas de debate nas distintas correntes do feminismo. Ademais, erixiuse como o eixe temático que máis relevancia obtivo nos últimos tempos nos discursos artísticos galegos, especialmente no cine e nas letras. Co fin de analizar como as obras literarias e audiovisuais contribúen a abrir camiños pioneiros na reflexión sobre o vínculo entre maternidade e feminismo, na xornada reúnense diferentes profesionais destes dous sectores. Abrirán a cita Álvaro Gago e Jaione Camborda, que falarán da maternidade no cinema nun coloquio moderado pola coordinadora do CDIF, Carme Adán. A continuación, as escritoras María do Cebreiro e Yolanda Castaño participarán na mesa redonda “A maternidade nas letras: unha materia virtuosa”, que estará moderada pola tamén escritora e integrante do CDIF Inma López Silva.
O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos
A actividade está organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, coordinado por Carme Adán Villamarín e que ten como membros a Luz Darriba, Montse Fajardo Pérez, Inma López Silva, Cristina López Villar, Mariám Mariño Costales, Luzia Oca González, María Dolores Pereira Oliveira, Ana Belén Puñal Rama e Rexina Rodríguez Vega. Entre as actividades que desenvolve, o CDIF é o responsable do Álbum de Mulleres, destinado a dar visibilidade e facilitar o acceso á información, imaxes, escritos, traballos e traxectorias de mulleres galegas ou relacionadas con Galicia.


