A entrada do Colectivo María Castaña incorpórase ao Álbum de Galicia

O Colectivo María Castaña estivo integrado por seis profesoras de ensino medio. Mantivo a súa actividade entre os anos 1991 e 2001, durante os cales a agrupación desenvolveu un importante labor a prol da visibilización das mulleres na historia. Foi “un traballo común, que supuxo unha importante contribución e un avance para o ensino”, mais tamén para a procura “dun mundo máis xusto, igualitario e crítico”, no que se eliminase “a visión androcéntrica e patriarcal da historia da humanidade e de todas as súas manifestacións”. Así o indica Guillermina Domínguez Touriño, integrante do colectivo e autora da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Colectivo María Castaña no Álbum de Galicia

O xermolo do Colectivo María Castaña sitúase no IES Santiago de Compostela no inicio do curso académico 1991-1992. Nese momento, as docentes María do Carme Alvariño Alejandro, Mercedes González González e Guillermina Domínguez Touriño, que se acababa de incorporar ao cadro de profesorado do centro, puxeron en marcha un proxecto para revisar co alumnado do último curso da ESO e de primeiro de bacharelato a prostitución das mulleres a través de textos históricos e historiográficos. Buscaban, deste xeito, “traer para a memoria e a historia o lugar ocupado polas mulleres”, explica Guillermina Domínguez. “Tratábase de visibilizalas, de dar a coñecer o sometemento e as discriminacións das que sempre foron obxecto simplemente polo feito de seren mulleres, de discutir o patriarcado, o androcentrismo e o sexismo e a súa persistencia a través da historia e na historiografía”, continúa. Co fin de ampliar ese proxecto inicial, investigaron e propuxeron talleres con compañeiras doutros ámbitos, o que resultou na incorporación de Isabel Rodicio Rodicio (IES Lamas de Abade), María José Domato Búa (IES de Teis) e Margarita Lobato García (IES de Porto do Son).

Xa co colectivo formado, optaron polo nome de María Castaña “por ser parte dunha ‘lenda’ galega, que non era tal e así estaba documentado, e por pertencer a unha transmisión oral a través das mulleres”, indica Guillermina Domínguez. Con respecto á estrutura, decidiron facer unha división do traballo con base en catro etapas históricas (Idade Antiga, Media, Moderna e Contemporánea) e asignarlle a cada unha das integrantes a área de coñecemento na que era especialista. Nas reunións que desenvolvían semanalmente, “facían posta en común, compartían avances, acordaban criterios de selección dos textos, das cuestións para o alumnado e das tarefas encomendadas”, tal e como se subliña na entrada do Álbum de Galicia.

Entre as actividades do colectivo, cómpre mencionar a elaboración de Materiais para unha visión non androcéntrica da historia e Muller e traballo, dúas publicacións de 1995 destinadas ao ámbito académico e que recibiron nese mesmo ano e ex aequo un dos premios nacionais Educación y Sociedad do Ministerio de Educación y Ciencia. Posteriormente, en 1997, saíu do prelo o libro As mulleres na historia, elaborado con base nos materiais que compilaran as integrantes do colectivo para a docencia de Historia e co que pretendían “encher os ocos que deixaban os libros de texto, os currículos ou as programacións”, afirma Guillermina Domínguez. A isto súmase a impartición de seminarios, talleres e conferencias tanto dentro como fóra de Galicia, así como a elaboración das separatas “As mulleres creadoras” e “Vida familiar no século XIX. Tratamento iconográfico” para a cabeceira Pontevedra. Revista de Estudios Provinciais. Estas poden consultarse entre os materiais que se inclúen na súa entrada do Álbum de Galicia.

En 1999, o colectivo participou no volume coordinado por María Xosé Rodríguez Galdo e editado polo Consello da Cultura Galega Textos para a historia das mulleres en Galicia. Tras esa colaboración, “as reunións fóronse espallando no tempo”, apunta Guillermina Domínguez, o que, unido ao aumento dos “proxectos nos que cada unha [das integrantes] se implicaba de xeito individual”, levou a que o Colectivo María Castaña cesase a súa actividade no ano 2001.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 710 entradas, das cales as máis recentes son as de Emilio Pita, Xosé Conde Corbal, Fely Manzano e José Gil Gil.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se publicaron álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.