“O patrimonio ten xénero: o desafío das memorias en igualdade” é o título da conferencia que pronunciará Victoria Quintero no marco do ciclo de reflexión Pensarmos. A súa intervención, ao igual que as restantes do ciclo, desenvolverase en formato dialogado cunha persoa especialista no tema. Desta volta, será a profesora de Antropoloxía Social Nieves Herrero quen conduza a conversa.
As participantes
Victoria Quintero Morón é antropóloga e profesora do Departamento de Antropoloxía Social, Psicoloxía Básica e Saúde Pública da Universidad Pablo de Olavide de Sevilla. Traballa de xeito habitual co Grupo de Investigación Social y Acción Participativa (GISAP) e coa Red de Antropología Ambiental (ANTRAMB). Ademais, ten colaborado co Instituto Andaluz de Patrimonio Histórico (IAPH) e co Instituto de Ciencias del Patrimonio (Incipit) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). A súa traxectoria investigadora céntrase no estudo do patrimonio natural e cultural e, concretamente, nos seus efectos sociais e políticos. Na actualidade ten abertas dúas liñas investigación: unha sobre olladas feministas para a análise social das devesas e outra sobre a patrimonialización das memorias LGBTIQ+. Autora de varios artigos científicos, capítulos e libros, entre as súas últimas contribucións destaca o capítulo “Cuidadoras de patios y capitalismo de pétalos: miradas feministas a un patrimonio de la humanidad en pandemia”, publicado no libro Pandemia, patrimonio cultural inmaterial y museos: de la parálisis a la activación e innovación (2023).
Nieves Herrero é profesora de Antropoloxía Social na Universidade de Santiago de Compostela. As liñas centrais do seu traballo como docente e investigadora céntranse en cuestións vinculadas co patrimonio cultural e o xénero. Entre os seus traballos, ten varias publicacións sobre a recuperación actual da peregrinación xacobea.
Pensarmos
En xaneiro de 2019 a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo Pensarmos, unha proposta de charlas, debates e intercambio de ideas coa que se busca abordar os problemas da actualidade. A posverdade, os fascismos dixitais, as tecnopersoas, a precarización da vida, a perda de liberdades, a deterioración medioambiental ou o poshumanismo foron algunhas das temáticas que se trataron no marco deste foro, polo que pasaron xa máis dunha vintena de conferenciantes como, por exemplo, Mar García Puig, Sarah Babiker, Xosé Ramón Veiga Alonso, María Xosé Porteiro, Joaquín Urías ou Maggy Barrère, por citar algúns dos máis recentes. Todas as intervencións están gravadas e, salvo desexo expreso dos autores, pódense consultar a través do sitio web institucional ou na súa canle de YouTube.
Sección de Pensamento
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, coordinada por Celia Pereira Porto e que ten como membros a Mariló Candedo Gunturiz, Francisco Castro Veloso, Francisco Xosé Fernández Naval, Ana Isabel García Arias, Nieves Herrero, Xoán Antonio Pérez Lema e Juan Tallón.
Ademais do ciclo Pensarmos, a Sección organiza periodicamente outras actividades, entre as que destacan a revisión de figuras relevantes no mundo do pensamento e a análise da conexión que tiveron con Galicia persoeiros como Martin Heidegger, Simone Weil, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx.



