NOTICIA

----

A presidenta inicia unha viaxe institucional a Salvador da Bahia

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, continúa co seu programa de acción exterior cunha viaxe institucional a Salvador da Bahia. A súa axenda comeza este xoves, 4 de abril, coa inauguración no Museu de Arte da Bahia da exposición Afonso X e Galicia, o proxecto organizado polo CCG coa colaboración da Xunta de Galicia e as deputacións de Ourense e Lugo, que continúa a súa itinerancia no Brasil. No marco desta viaxe a presidenta impartirá diferentes conferencias e manterá reunións coa colectividade galega e con membros da Assembleia Legislativa da Bahia.

A viaxe institucional que a presidenta inicia este xoves arrinca coa inauguración da exposición Afonso X e Galicia. Comisariada por Antoni Rosell (Universitat Autònoma de Barcelona), esta mostra busca visibilizar a conexión coa Galicia de Afonso X a través das Cantigas de Santa María pero tamén doutros nexos máis profundos, ademais de amosar un intelectual que condensa outra forma de entender o saber do seu tempo. A exposición non segue un relato cronolóxico, senón que busca presentar a Afonso X na súa dimensión máis humana, para dar a coñecer a súa vida e os seus conflitos. Nela tamén se profunda no seu labor científico, histórico e cultural. A mostra estará ata o 14 de abril no Museu de Arte da Bahia, o museo máis antigo do estado da Bahia, desde onde se trasladará ao PAF III - Pavilhão de Aulas Glauber Rocha da Universidade Federal da Bahia (UFBA).

Ao fío desta itinerancia desenvolverase unha programación complementaria da mostra, que abrirá a presidenta do CCG cunha conferencia titulada “Rei, Sabio, Trobador: Afonso X e Galicia” e que será presentada por Mailson Lopes, da UFBA. A tamén profesora da UFBA Raquel Fernández realizará os días 10 e 13 de abril dúas visitas guiadas pola mostra. O día 24 de abril, no Gabinete Português de Leitura, a profesora Risonete Batista ofrecerá a conferencia “Entre a política e o ‘jugar de palabra’: um olhar sobre a sátira na corte alfonsina”. Os días 26 e 29 de abril, no Instituto de Letras da UFBA, impartiranse dúas conferencias, a primeira a cargo da profesora emérita da UFBA Célia Telles e a segunda, titulada “ ‘Que peor lle quería d’outra cousa do mundo’: agredidas e agresoras nas Cantigas de Santa Maria”, impartida por Araceli Luna, profesora da Pontifícia Universidade Católica de Campinas.

A viaxe institucional
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, acompañada pola responsable de Acción Exterior, Emilia García López, ten programada unha vista ao Instituto Cervantes de Salvador. O día 5 de abril participarán no acto privado de sinatura do protocolo entre o Real Gabinete Português de Leitura e o Instituto Cervantes. Alí, a presidenta, presentada polo profesor Dante Lucchesi, da Universidade Federal Fluminense, pronunciará a conferencia titulada “Lingua galega e lingua portuguesa. Breve relato dun camiño compartido”.

Ademais de manter diferentes contactos con representantes da colectividade galega en Salvador da Bahia, realizará unha visita á Assembleia Legislativa da Bahia (ALBA).