Antonio Naveyra
Álbum de Galicia
Nado en Santiago de Compostela, Antonio Naveyra Goday, máis coñecido como Antonio ou Antón Naveyra, mostrou un interese polo teatro e o ámbito do espectáculo desde que era neno. Deu os seus primeiros pasos como actor en Madrid, cidade á que se trasladara para estudar Dereito. Alí fixo teatro no Club Antistora, na Farándula e no Teatro Español. De Madrid marchou á Coruña, onde “compaxinou o exercicio da avogacía cunha forte implicación no teatro amador”, indica Ana Abad de Larriva. Malia que nun primeiro momento se centrou na actuación, “labor no que empregaba habitualmente o pseudónimo Antonio Navas”, posteriormente decidiu enfocarse “na adaptación e na dirección, así como na escritura”, continúa a autora da súa biografía.
Entre os seus traballos como director sobresaen Sueño de una noche de verano (1951), na montaxe realizada polo Conservatorio de Música e Declamación da Coruña, e La sirena varada (1952), do Centro Deportivo e Cultural Santa Lucía. Ademais, dirixiu o Teatro de Cámara da Asociación Cultural Iberoamericana, co que montou numerosas pezas en castelán e en galego. Edipo abandonado (1954), La mujer más probada (1955), O incerto señor don Hamlet (1959) ou Os vellos non deben de namorarse (1961) foron algunhas delas. En 1973 dirixiu a posta en escena que o Teatro Experimental Tespis fixo da obra cunqueirana A noite vai coma un río.
Na súa faceta de actor, Antonio Naveyra formou parte do elenco de varias obras producidas polo Conservatorio de Música e Declamación da Coruña, aínda que destacou na súa interpretación de don Juan na obra Don Juan Tenorio (1949). Con motivo das funcións que tiveron lugar na cidade herculina o 8 de novembro dese ano, El Ideal Gallego publicou unha nova en que entrevistaba, entre outros actores, a Naveyra. A noticia inclúese como parte dos materiais da súa entrada do Álbum de Galicia, na que tamén se incorporan a entrevista que lle realizou Víctor de Angueira (1962) para a cabeceira La Noche ou a que se publicou en 1964 nese mesmo xornal sobre o seu traballo de dirección na montaxe A morte do gaiteiro.
Así mesmo, Antonio Naveyra destacou por desenvolver “un importante labor de conservación e difusión do folclore galego”, subliña Ana Abad de Larriva. Foi o “director artístico da Asociación Cultural Aturuxo, formada o 20 de marzo de 1955, coa que puxo en escena espectáculos como Roseira de costumes, na que tamén se encargou do libreto”, continúa. Ao longo da súa traxectoria, impartiu conferencias e coloquios arredor da arte escénica e escribiu artigos para diferentes xornais e revistas.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 715 entradas, das cales as máis recentes son as de María Cardarelly, María Xosé Rouco Lamela, Blanca Jiménez Alonso e Cruz Comesaña.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.



