A chegada da nao Victoria ao porto gaditano de Sanlúcar de Barrameda o 6 de setembro de 1522 despois de completar a primeira circunnavegación ao noso planeta marcou un fito histórico. Naquela embarcación viña Juan Sebastián Elcano xunto con dezasete homes, os únicos que lograran sobrevivir da frota que partira de Sevilla o 10 de agosto de 1519 con Fernando de Magalhães á fronte. Para conmemorar o quinto centenario da saída daquela expedición, o Consello da Cultura Galega promoveu en 2019 a mostra Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV-XVII, que, tras percorrer diferentes cidades galegas e exporse en Cádiz, abre as súas portas en Castelló. Alí poderá visitarse desde este domingo, 14 de abril, ata o día 12 de maio.
Baixo o comisariado de Ofelia Rey, o proxecto expositivo amosa a posición que ocupaba Galicia no comercio coas Américas naquela época e as consecuencias que tivo para o país a expedición Magalhães-Elcano. O éxito daquela viaxe permitiu que o vello reino galego, que fora descartado polos Reis Católicos como núcleo da Carreira das Indias a favor da cidade de Sevilla, tivese a oportunidade de aproveitar a súa situación nas rutas atlánticas, as vantaxes dos seus portos e a tradición dos seus mariñeiros. Así, a chegada de Elcano coa nova da apertura dunha ruta marítima polo occidente e a disposición do porto da Coruña para o envío e retorno de expedicións favoreceron que se levantase na cidade herculina a Casa da Especiaría, o que posibilitou que Galicia comezase a participar no comercio mundial.
A través de trinta e catro paneis, a mostra documenta os precedentes da expedición, desde as exploracións que levaron a cabo os portugueses no século XV para abrir unha ruta por mar cara ao oriente ata a arribada de Martín Pinzón a Baiona en 1493 coa noticia da existencia de novas terras “das Indias”. As características dos barcos que fixeron aquelas viaxes e os nomes dos navegantes que se embarcaron nas travesías, tanto na de Magalhães como naquelas que partiron desde portos galegos, co fin de crear mapas de navegación e de explorar novas rutas que permitisen chegar aos produtos asiáticos forman parte tamén do relato expositivo de Inventio Mundi.
Expedicións con saída desde portos galegos
A nova vía político-marítima que se abriu tras o éxito da expedición Magalhães-Elcano concretouse nun proxecto de colonización e na proxección doutras expedicións. A exposición documenta en catro paneis algunhas desas viaxes. En primeiro lugar, recóllese a expedición de Estêvão Gomes (1524) ao mando da carabela Anunciada na busca dun paso entre o Atlántico e o Pacífico e dunha ruta alternativa cara ás Molucas indo polo norte. En segundo lugar atópase a de García Jofre de Loaysa (1525) cara a estas mesmas illas seguindo o paso tradicional cunha armada de sete naves. En terceiro lugar está a viaxe de Diego García de Moguer (1527), quen partiu de Fisterra con tres barcos co obxectivo de explorar o “Mar Océano Meridional” e que rematou, finalmente, por percorrer o río Paraná e O Paraguai. O último dos paneis deste bloque temático explica a historia da aventura frustrada de Simón de Alcazaba, navegante portugués ao servizo da coroa de Castela, que chegou en 1525 á Coruña para preparar outra expedición ás Molucas. Foi financiada durante dous anos polo Concello coruñés, mais este decidiu paralizar a operación ante a mala xestión de Alcazaba.
Xunto coa participación dos portos galegos no tránsito atlántico, Inventio Mundi presta tamén atención á figura dos navegantes do país que tiveron un papel destacado na historia da navegación. É o caso, por exemplo, de Sebastián de Ocampo, que demostrou o carácter insular de Cuba; de Gómez Pérez das Mariñas, quen desenvolveu varias iniciativas náuticas no Pacífico; do mariño, cosmógrafo e cartógrafo Sarmiento de Gamboa, explorador das terras austrais con Álvaro Mendaña de Neira, ou dos irmáns Bartolomé e Gonzalo García de Nodal, que realizaron o paso do estreito cen anos despois da expedición de Magalhães.
A Galicia navegante no imaxinario popular e literario
A mostra Inventio Mundi recupera tamén como perdurou no imaxinario popular e literario o eco das vivencias desas expedicións que se produciron nos primeiros séculos da Idade Moderna. Explícanse algúns mitos e tradicións que forman parte da memoria colectiva, como a historia do Colón pontevedrés ou a lenda que afirma que Fernando de Magalhães naceu na aldea de Magaláns. Así mesmo, expóñense algúns exemplos da literatura galega contemporánea, con obras como O triángulo inscrito na circunferencia, na que Víctor F. Freixanes se inspira nos navegantes galegos do século XVI, ou o relato do xornalista Daniel Hortas El caballero de Galicia, baseado na figura de Sarmiento de Gamboa.



