O comezo da Guerra da Restauración, tras a proclamación de João IV como rei, desencadeou a independencia de Portugal con respecto á coroa de Castela, así como un proceso de modernización das defensas medievais na fronteira entre Portugal e España. Expertos en arquitectura, historia e arqueoloxía reúnense durante un día para poñer en común as investigacións sobre este patrimonio. O evento destaca a importancia da colaboración interadministrativa na xestión do patrimonio cultural transfronteirizo e subliña o valor das paisaxes defensivas como testemuños vivos da historia e da cultura de ambos os países.
O programa
A sesión está organizada en dous paneis. No primeiro abordarase a xestión patrimonial destes espazos. Nel, Rebeca Blanco-Rotea coordina o panel titulado “A xestión patrimonial da arquitectura fortificada fronteiriza”, mentres que, pola súa banda, o arquitecto da Xunta de Galicia Manuel Vecoña profundará no Plan Director das Fortalezas Transfronteirizas do Baixo Miño. Sobre a xestión patrimonial dos monumentos raianos de Vila Nova de Cerveira falarán Jorge Martins e Manuela Ferreira, da Câmara Municipal dese municipio. Pechará o panel a arquitecta da Cámara Municipal de Valença Belisa Vilar, que explicará a xestión da fortaleza desa localidade.
O segundo dos paneis está coordinado polo historiador tudense Suso Vila e abordará o estudo da arquitectura e a paisaxe fortificada da Raia. Nela,o investigador independente Xoán R. Carnero Fernández ofrecerá un relatorio titulado “Goián (1663-1668): evolución da fortificación portuguesa”. O investigador do Lab2PT da Universidade do Minho Tiago Rodrigues abordará a construción e o proxecto do sistema defensivo amurallado do val do río Miño no período histórico que vai de 1621 ata 1763. Pechará a sesión Rebeca Blanco-Rotea cunha intervención que titulou “Arqueoloxía dunha paisaxe: fortificar a fronteira galego-portuguesa na Idade Moderna”.
Ademais das conversas, os participantes terán a oportunidade de visitar o castelo de Vila Nova de Cerveira.
Conversas na Raia
En 2014, cando se facían 150 anos do Tratado de Lindes de Lisboa, que fixou as actuais fronteiras entre España e Portugal, o Consello da Cultura Galega e a Universidade do Minho puxeron en marcha o programa Conversas na Raia. A primeira sesión tivo lugar ese ano cunha xornada titulada As fronteiras políticas (150 anos do Tratado Espanha-Portugal), que profundou en cuestións históricas e xeográficas e que contou con participantes como Ramón Villares, Rubén Lois, Álvaro Domingues, José Viriato, Pegerto Saavedra, Daniel Lanero ou Dulce Freire. Tres anos despois, en 2017, tivo lugar a segunda edición cun encontro en Melgaço, en homenaxe ao profesor José Marques. No marco desa edición, na que participaron Manuel Baptista Calçada Pombal, Fernando López Alsina, José Viriato Capela, Rosario Álvarez e Ramon Villares, presentouse o libro Alto-Minho e Galiza. Estudos Históricos e o proxecto Gallaecia Monumenta Historica.