----

O CDIF presenta o manual contra as violencias machistas

Recoñecer, actuar e restaurar. Manual básico para afrontar as violencias machistas é o título dun documento que o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega, dirixido por Carme Adán, presenta este luns 13 de maio (18:30 horas). Faino no marco dunha xornada co mesmo título, na que se ofrecerá unha panorámica actual da situación das violencias da man de expertas como Ana Belén Puñal Rama, Concha Fernández ou Laura Seara.

“Ante a dificultade de recompilar toda a información posible sobre a violencia de xénero e a violencia sexual, así como os recursos e os programas existentes, optouse por elaborar un manual”, explica Carme Adán no texto de presentación da actividade. O manual que se presenta o luns está dividido en tres apartados fundamentais: un primeiro dirixido a recoñecer as diferentes formas de violencia, un segundo centrado nos percorridos xurídicos, co obxectivo de orientar as mulleres e mozas que dan o paso de presentar unha denuncia, e por último un terceiro apartado en que se recollen programas, recursos e axudas aos que se pode acceder hoxe en Galicia.

Este documento está dirixido a todas as mulleres e mozas que poidan atoparse nunha situación de violencia machista, mais tamén ás profesionais que todos os días traballan na prevención ou erradicación da violencia. O documento foi elaborado por unha comisión que coordinou Carme Adán e na que participaron Victoria Rey Mariño, Belén Puñal Rama e Cristina Martínez Fernández, que asistirán á presentación.


A presentación do manual é o peche dunha xornada en que se abordará a situación actual das violencias machistas. A actividade comeza ás 17:00 horas cunha mesa redonda coordinada por Belén Puñal, na que participarán Concha Fernández, psicóloga e coordinadora da Comisión Interseccional Feminista do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia; Ana G. Liste, xornalista de Praza Pública e vogal da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; Cristina Martínez Fernández, avogada e asesora xurídica do Centro de Información á Muller de Arteixo, e Laura Seara, consultora e exsecretaria de Estado de Igualdade.