NOTICIA

----

O CDIF presenta o seu manual contra as violencias machistas

As violencias machistas maniféstanse de formas diferentes e en contextos variados. Estímase que en España máis de 1,3 millóns de nenas e mulleres maiores de dezaseis anos sufriron violencia sexual. “Aínda que levamos moitos anos traballando en contra das violencias machistas, e hai moitos documentos, era necesaria unha guía na nosa lingua que funcionase a modo de manual básico”, explicou Carme Adán, directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) na presentación de Recoñecer, actuar e restaurar. Manual básico para afrontar as violencias machistas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou que “o manual permite ter todas as claves necesarias dunha maneira comprensiva e con diferentes niveis de lectura”. O documento, elaborado por unha comisión coordinada pola propia Carme Adán, xa está dispoñible para a súa descarga desde o web do CCG e distribuirase en centros de ensino, así como en concellos e en espazos orientados á muller.
O CDIF presenta o seu manual contra as violencias machistas

“Buscabamos que fose sinxelo, visual e de carácter práctico”, explicou Carme Adán, que coordinou unha comisión que se encargou da redacción do texto. Unha das integrantes desa comisión, Cristina Martínez Fernández, destacou na presentación o laborioso proceso de preparación. “Foi un traballo en equipo para un resultado transversal, no que se abordan as tres vertentes necesarias sobre a violencia de xénero: a psicolóxica, a xurídica e a socio-asistencial”, indicou. Segundo o seu parecer, o “resultado é unha guía útil, porque informa de todos os recursos cos que conta a muller para romper con esa situación”.

O manual está dividido en tres apartados fundamentais. O primeiro deles está dedicado a recoñecer os distintos modos de violencia. Preséntase “a modo de checklist para poder identificar as diferentes formas de violencias”, explicou Carme Adán, quen subliñou tamén que aínda segue a ser moi necesario identificar os delitos que recoñece o Código Penal (agresión sexual, violación, acoso sexual, ciberacoso sexual, exhibicionismo, provocación sexual, comentarios sexistas ou vexatorios mais a prostitución e explotación sexual).

O segundo apartado está centrado en explicar como proceder no caso de que se sexa vítima de violencia de xénero ou sexual. Nel explícanse os percorridos xurídicos, como é o proceso xudicial, como vai ser a declaración e como protexerse tras a denuncia co obxectivo de orientar as mulleres e mozas que dean o paso de presentar unha denuncia. O documento axuda tamén a combater mitos e lembra que só o 0,01 % das denuncia de violencia de xénero en 2022 foron falsas.

O terceiro apartado presenta unha compilación dos espazos cos que pode contar a día de hoxe en Galicia unha persoa que sofre violencia de xénero ou sexual: desde os oitenta Centros de Información á Muller (CIM) espallados por toda Galicia ata a Rede Galega de Acollemento ou o Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero, entre moitos outros. É unha listaxe de recursos aos que acudir.

O manual está dirixido a todas as mulleres e mozas que poidan atoparse nunha situación de violencia machista, mais tamén ás profesionais que todos os días traballan na prevención ou erradicación da violencia. O documento foi elaborado por unha comisión que coordinou Carme Adán e na que participaron Victoria Rey Mariño, Belén Puñal Rama e Cristina Martínez Fernández. Ademais da publicación en formato dixital, que xa se pode descargar desde o sitio web do CCG, editáronse mil exemplares impresos que se distribuirán entre concellos, centros educativos e demais espazos orientados á muller.

A xornada
A presentación do manual foi o peche dunha xornada na que se abordou a situación actual das violencias machistas. Arrincou cunha mesa redonda coordinada por Belén Puñal. Nela Concha Fernández, psicóloga e coordinadora da Comisión Interseccional Feminista do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, puxo sobre a mesa, entre outros aspectos que “estamos nun momento de resistencia e de sobrevivir ante unha situación actual na que hai sectores que negan as violencias machistas e poñen en cuestión os avances das dúas últimas décadas”. Na súa intervención lembrou que naqueles territorios nos que goberna a extrema dereita houbo a eliminación de departamentos e recursos de atención específica contra a violencia das mulleres. “Temos moito por facer e enfronte poderes máis potentes e nós mais dificultades” afirmou. Tamén puxo sobre a mesa que as mozas son cada vez máis conscientes das desigualdades e animou a traballar de xeito organizado, a practicar o feminismo, que non é sinxelo por mor da contorna individualista que temos construída.

Pola súa parte Ana G. Liste, xornalista de Praza e vogal da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia insistiu na necesidade de formación específica nesta materia. “As violencias machistas son unha cuestión transversal e abordalas correctamente desde unha perspectiva feminista é fundamental para non facerlle máis dano ás vítimas” afirmou Liste. Ademais lembrou que “todas e todos vimos coberturas de feminicidios nas que se abusou de fontes non expertas, de enfoques revitimizadores da vítima amparados polo sensacionalismo e a inmediatez e mesmo de imaxes que non era necesario emitir”. Na súa intervención tamén indicou que “desde o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia seguimos tratando de levar esa formación en perspectiva de xénero ás redaccións de todos os medios de comunicación do país, nun proxecto que precisamente consideramos que debe comezar polo tratamento das violencias machistas, con especial énfase nas violencias sexuais debido ao incremento de casos e á reiterada aparición de novas relacionadas que incumpren mesmo o código deontolóxico da profesión xornalística”. Na mesa tamén estaba Cristina Martínez Fernández, avogada e asesora xurídica do Centro de Información á Muller de Arteixo, que ofreceu o punto de vista xurídico e completou o perfil da situación actual Laura Sera, consultora e exsecretaria de Estado de Igualdade.