----

Unha xornada aborda a menopausa desde un marco feminista

“Feminismos: a menopausa a debate” é o título da nova xornada organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a directora do CDIF, Carme Adán, inauguran mañá xoves, 19 de setembro (10:00 horas) esta cita que busca reflexionar sobre esta etapa da vista desde o punto de vista da medicina e da antropoloxía ademais de ver como se aborda desde espazos de creación e difusión cultural. A bioquímica Inés Pineda i Torra, que investiga o risco cardiovascular das mulleres durante a menopausa, ou a antropóloga Guadalupe Jiménez, son algunhas das relatoras que participan neste encontro. A actividade pódese seguir en directo desde o web e as redes sociais da institución.

Esta xornada organizada polo CDIF busca achegarse á menopausa desde un marco feminista, é dicir, un enfoque que busca abordar esta etapa lonxe dos estereotipos da idade e do patriarcado.

Os relatorios arrincan coa intervención da antropóloga Guadalupe Jiménez que ofrecerá unha visión antropolóxica desta etapa. De seguido, a bioquímica Inés Pineda i Torra, investigadora do Centro Andaluz de Biología Molecular y Medicina Regenerativa, falará das consecuencia que ten o corpo durante esta etapa. A sesión continúa pola tarde, cunha mesa redonda presentada por Montse Fajardo que aborda as propostas creativas contra o tabú da idade. Xina Vega ofrecerá esta reflexión desde o punto de vista da literatura, Belén Constenla desde o teatro e Tereixa Navaza desde o xornalismo.

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos
A cita está organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, coordinado por Carme Adán Villamarín e que ten como membros a Luz Darriba, Montse Fajardo Pérez, Inma López Silva, Cristina López Villar, Mariám Mariño Costales, Luzia Oca González, María Dolores Pereira Oliveira, Ana Belén Puñal Rama e Rexina Rodríguez Vega. Entre as actividades que desenvolve, o CDIF é o responsable do Álbum de Mulleres, destinado a dar visibilidade e facilitar o acceso á información, imaxes, escritas, traballos e traxectorias de mulleres galegas ou relacionadas con Galicia.