“Hai que sacar a menopausa do ámbito privado” apuntou a antropóloga Guadalupe Jiménez no marco da súa intervención. Lembrou que a Organización Mundial da Saúde (OMS) que aseguran que o 80% das mulleres chegan á menopausa sen ningunha información. Esta antropóloga defendeu que fenómenos como a menstruación ou a menopausa, que están a cabalo entre biolóxico e o cultural, son os que “serviron historicamente para xustificar as desigualdades no plano social, botando man da natureza”. Na súa intervención explicou como a menopausa se vive de xeito moi diferente en función das construcións culturais asociadas a elas. Puxo exemplos de diferentes culturas (os Nuer no Sudán, na China, en Xapón, o pobo HUA en Nova Guinea...) nos que a menopausa, lonxe do que acontece na nosa sociedade “se vive dun xeito positivo, que non implica ningún tipo de sintomatoloxía nin problema físico, que curiosamente tamén corresponden a sociedades onde as mulleres chegado este momento se liberan de tabús vencellados á menstruación, adquiren certo poder e status ou se converten en homes directamente. Son cambios moi positivos”.
Nun repaso histórico Guadalupe Jiménez lembrou que o propio termo de “menopausa” se acordou no século XIX porque “non é que non existira é que non foron estudados ata hai pouco e sábese moi pouco polo nesgo androcéntrico no coñecemento científico que nos acompaña ata os nosos días”
Após a súa intervención, a bioquímica Inés Pineda i Torra, investigadora do Centro Andaluz de Biología Molecular y Medicina Regenerativa, explicou como funcionan as hormonas neste período. “As hormonas non son boas nin malas, son mensaxeiros químicos que nos axudan a funcionar no noso día” apuntou ao inicio da súa intervención. Afirmou que “existe unha relación relación entre a menopausa e o incremento de risco cardiovascular”. Non é un período de enfermidade pero contén riscos que convén coñecer. Sobre todo porque “as mulleres pasan un terzo da súa vida trala menopausa e as mulleres de máis de 50 sono 26% da poboación mundial” afirmou.
Dores de cabeza, retracción das enxivas, perda de ton muscular, cambios no rendemento cognitivo (fatiga mental, dificultade para atopar palabras, fallos de memoria a curto prazo...) son algúns dos síntomas deste período. Aínda que lembrou que cada menopausa é diferente, considera que debe haber máis información sobre o impacto social e laboral. Pineda dirixe unha investigación sobre o papel dos estróxenos nestas enfermidades cardiovasculares e nos cambios metabólicos asociados a elas. Os primeiros resultados permiten afirmar que os cambios hormonais que se producen neste período poden ter "importantes consecuencias biolóxicas que levan a sufrir síntomas angustiosos e problemas de saúde para moitas mulleres". Explicou que a redución de estróxenos é irregular, o que fai que os síntomas non son constantes e parece que "perdes o control do seu corpo". Ademais, tamén se aprecian cambios metabólicos xa que “os niveles de colesterol son máis altos na muller a partir da menopausa. E tamén o número de defuncións de mulleres por enfermidades cardiovasculares aumenta exponencialmente trala menopausa”. Tamén ofreceu datos relativos a mulleres de Galicia que “teñen unha taxa de mortalidade por enfermidades cardiovasculares que está por riba da media española”.
Pineda insistiu na importancia da prevención “hábitos saudables de alimentación e exercicio físico intenso cun mínimo de 150 minutos á semana”. Ademais, recomendou que “entre os 45 e os 50 anos cómpre revisar o corazón e en función dos resultados cómpre facer un seguimento”.
Pola tarde, a mesa redonda presentada por Montse Fajardo serviu para reflexionar desde o punto de vista creativo. A escritora Xina Vega fixo unha reflexión desde o punto de vista da literatura achegando algúns dos seus propios libros. A actriz Belén Constenla puxo sobre a mesa invisibilidade da muller a partir dunha idade, o tabú da muller madura e a adoración na profesión pola xuventude eterna en contraposición co valor da experiencia vital. A xornada rematou cunha achega de Tereixa Navaza desde o ámbito do xornalismo.
O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos
A cita está organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, coordinado por Carme Adán Villamarín e que ten como membros a Luz Darriba, Montse Fajardo Pérez, Inma López Silva, Cristina López Villar, Mariám Mariño Costales, Luzia Oca González, María Dolores Pereira Oliveira, Ana Belén Puñal Rama e Rexina Rodríguez Vega. Esta actividade sitúase nunha iña de traballo que presta atención a cuestións de actualidade sobre as que antes se falou de ecofeminismo, gordofobia ou maternidade, entre outros.





