NOTICIA

----

Regresa o ciclo Pensarmos cunha xornada de análise sobre o conflito entre Israel e Palestina

A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) retoma este xoves 26 de setembro (18:00 horas) o seu ciclo Pensarmos. Esta sección, coordinada por Celia Pereira Porto, porá o foco no actual conflito entre Israel e Palestina baixo a pregunta “é posible a paz?”. Contará cun coloquio entre o xornalista Josep Gisbert e o investigador e profesor universitario Juan Manuel Trillo, ambos moderados polo analista político e avogado Xoan Antón Pérez Lema. A sesión é presencial na sede da institución, pero tamén se pode seguir en directo a través do sitio web e as redes sociais do CCG.

“O conflito Israel/Palestina: é posible a paz?” é o lema da primeira sesión despois do verán do ciclo Pensarmos, organizado por Celia Pereira Porto dentro da Sección de Pensamento da institución. Nesta ocasión, o xornalista e analista do conflito árabe-israelí, Josep Gisbert, e o profesor titular de Xeografía na USC, Juan Manuel Trillo, serán os protagonistas dunha conversa moderada polo analista político e avogado Xoan Antón Pérez Lema.

Josep Gisbert é un xornalista licenciado en Ciencias da Información pola Universitat Autònoma de Barcelona no ano 1980. Dende o 1975 traballou en medios como o Diari de Sabadell e de 1977 eaté 2022 desempeñou varias ocupacións no xornal La Vanguardia, primeiro como correspondente e despois como auxiliar de redacción, redactor e xefe de sección, traxectoria na que se puidon especializar en política catalá. Actualmente mantén un blog, Pasos Perdidos, e colabora en El Nacional.cat, El Punt Avui e o Diari de Sabadell. É autor de Els mons de Ramon Trias Fargas, editado pola Fundació Ramon Trias Fargas o ano 2000.

Juan Manuel Trillo é doutor pola Universidad Carlos III de Madrid, e na actualidade é profesor titular no Departamento de Xeografía da USC, despois de adquirir experiencia na Universitat Pompeu Fabra e realizar estadías de investigación en varios centros europeos. Ten como liñas de investigación principais os estudos fronteirizos, a cooperación transfronteiriza e territorial, as áreas protexidas en espazos de fronteira, turismo e fronteira, as paisaxes transfronteirizas e a xeografía histórica das fronteiras. Ademais de ter publicacións en diversos formatos, participou tamén en proxectos, congresos e seminarios nacionais e internacionais. A día de hoxe, entre outras ocupacións, é coeditor rexional para Europa da revista Journal of Borderlands Studies, da Association for Borderlands Studies, referente a nivel internacional nos estudos fronteirizos.

Xoan Antón Pérez Lema é Licenciado en Dereito e letrado asesor de Empresas pola Universidade Pontificia Comillas de Madrid e cursou estudos de doutoramento na USC. Traballa como avogado dende 1990 e, dende 2009, é socio e director de Perez-Lema, Avogados e Consultores, S.L Foi profesor da UVigo, da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados da Coruña e tamén da EGAP. Exerceu os cargos de secretario xeral de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Xunta de Galicia entre novembro de 2007 e abril 2009 e foi xefe do Gabinete do conselleiro da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia (1987-1990). É analista político en prensa e secretario xeral de ACOUGA.

Pensarmos
Dende xaneiro de 2019 a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega elabora o ciclo Pensarmos, unha proposta que coloca no centro o debate e o intercambio de ideas e na que se busca abordar os problemas da actualidade a través de diálogos, conferencias e demais actividades. Temáticas como a posverdade, a perda de liberdades, a deterioración medioambiental, o poshumanismo ou o pensamento de figuras senlleiras como Luísa Villalta, Letras Galegas 2024, foron algunhas das temáticas que se trataron dentro deste foro, polo que pasaron xa máis dunha vintena de conferenciantes como, por exemplo, Eva Veiga, Victoria Quintero, Xosé Ramón Veiga Alonso, María Xosé Porteiro, Sarah Babiker ou Maggy Barrère, por citar algúns dos máis recentes.