NOTICIA

----

Un libro homenaxea a José Rodríguez, o primeiro científico galego internacional

O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) acaban de sacar do prelo José Rodríguez González (1770-1824). Un matemático sublime, persoeiro nomeado Científico Galego do Ano en 2024. O volume foi presentado esta mañá na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o reitor da USC, Antonio López; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o alcalde de Lalín, Xosé Crespo; a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón; o editor, Juan José Nieto Roig; e varios dos autores da publicación. Xa está dispoñible para descarga no web do CCG.

“Foi un matemático excepcional, un cidadán exemplar e un político liberal sempre preocupado polo país que, ademais, forma parte da historia cultural e política do país xa que pertenceu ao círculo de intelectuais composteláns que puxeron a andar escritos en galego de propaganda política” apuntou a presidenta do CCG na presentación do volume. Unha idea na que tamén incidiu o alcalde de Lalín, que o definiu como “egrexio galeguista” e destacou a súa importancia tanto na historia deste concello como na da “aldea global que é Galicia”. Pola súa parte, o reitor da USC subliñou a capacidade de superación do lalinense e “o asombroso que debeu ser que hai douscentos anos e de orixe humilde, puidera estudar e conectar cos principais científicos europeos”. O conselleiro de Educación puxo de relevo a importancia “histórica, académica, científica do matemático Rodríguez que foi adiantado ao seu tempo e detrás do que hai moito traballo e talento”.

Todas esas visións están recollidas nos artigos que contén o volume José Rodríguez González (1770-1824). Un matemático sublime que, en palabras do presidente da Real Academia Galega de Ciencias, “pretende ser unha visión 360 grados para dar a coñecer a personalidade deslumbrante”. A decana da Facultade de Matemáticas destacou que as súas achegas “non quedaron só no seu tempo xa que, grazas á súa cesión de material instrumental ao seu discípulo Domingo Fontán, foi posible facer as medicións que deron como resultado a Carta xeométrica de Galicia”. Foi o propio Fontán quen recoñeceu a Rodríguez, o “matemático de Bermés”, como o seu inspirador e mestre.

Un matemático galego con impacto universal
No volume, Daniel González Alén achégase ao perfil humano do homenaxeado. Fillo dunha parella de labregos da parroquia de Bermés no concello de Lalín, Rodríguez González chegaría a acadar o posto de catedrático de Matemáticas Sublimes na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a ser un investigador de renome en toda a Europa das Luces, como demostra a proposición que lle fixo o Tsar de Rusia para director do Observatorio de San Petersburgo e o seu nomeamento como director, en Madrid, do Real Observatorio Astronómico, o cal intentou modernizar e adaptar ao seu presente. Unha etapa que achega Rafael Bachiler no seu texto.

O lalinense frecuentou centros de investigación polo continente en países como Alemaña ou Francia. En París coñeceu persoeiros como Laplace1, Delambre, Lagrange e Sophie Germain. En Inglaterra e, en concreto, na Royal Society de Londres, presentou as súas achegas no eido da trigonometría, con polémica posterior debido a que, nese traballo, Rodríguez corrixiu ao inglés William Mudge nos cálculos da medición do arco meridiano; Rodríguez puido así “ofrecer novas perspectivas sobre o cálculo da latitude terrestre; co emprego duns instrumentos novidosos que se conservan hoxe como pezas de museo, e que preservan e exhiben un valor científico e académico de gran nivel”, subliña Román Rodríguez no volume. O matemático tamén contribuíu, entre outras achegas, á determinación precisa do metro como unidade básica do sistema métrico decimal e foi, asemade, un dos impulsores da consolidación da Universidad Central de Madrid, na que, ademais de na USC, exerceu un tempo como docente.


Pola súa parte, Manuel de León analizou a xeometría no contexto en que se viviu mentres que Jose Ángel Docobo fixo o mesmo pero sobre astronomía. Eduardo García Río achega no seu artigo algunhas reflexión sobre o traballo do matemático que estaba influenciado por outros saberes (a astronomía, a botánica ou a mineraloxía). “As súas continuas viaxes por Europa permitíronlle establecer contactos con algúns dos astrónomos e investigadores matemáticos máis prestixioso da época... e a relación con eles levouno a estudar a xeodesia, que combina aspectos matemáticos con outros de índole experimental”. M. Carmen Villanueva, autora dunha tese de doutoramento sobre o matemático, destaca no seu texto a súas continuas estadías (París, Inglaterra e Alemaña) nas que amosou “unhas ganas inmensas de aprender e de traer ao seu país o coñecemento e os avances científicos”.

No eido político, Rodríguez foi deputado liberal en Cortes por Galicia, forzado a exiliarse en 1824 para volver e morrer, finalmente en Santiago de Compostela, onde descansan os seus restos. Un perfil liberal inquieto e modernizador do que dá conta no seu texto Margarita Barral.

O edafólogo Francisco Díaz-Fierros figura cunha dobre colaboración: unha sobre a colección de modelos cristalográficos de Haüy que o matemático cedeu á USC; e outra sobre o proceso da escrita de “O gran triángulo”, novela en que Díaz-Fierros ficciona a expedición científica que o matemático Rodríguez fixo polas illas Pitiusas xunto cos franceses Jean-Baptiste Biot e François Arago e que serviría para definir o metro como sistema universal de medida.