“Un fillo de Galicia nacido en Bermés (Lalín, 1770) nun contexto de subdesenvolvemento científico patrio, mais capaz de brillar con luz propia na Europa herdada do Século das Luces”, é parte do texto co que o CCG introduce a xornada “José Rodríguez, o inicio da liña do tempo en Galicia”, organizada polo CCG para este xoves 10 de outubro ás 16:30 na Igrexa da USC. Rodríguez, fillo de labregos do Lalín do século XVIII, chegou a catedrático da USC e director do Real Observatorio de Madrid, despois de ser proposto polo zar de Rusia como director do observatorio de San Petersburgo.
A vida dun lalinense insigne
A xornada comezará cunha introdución do académico Francisco Díaz-Fierros Viqueira baixo o título “Xosé Rodriguez: Un alento renovador na ciencia galega”. Despois terá lugar unha mesa de relatorios titulada “Máis realidades dunha vida de novela”, que estará moderada pola matemática Elena Vázquez Cendón e contará coa intervención da historiadora Margarita Barral xunto co académico Gonzalo Navaza no relatorio “Rodríguez no seu contexto político e histórico”. Despois será a quenda do astrónomo Ángel Docobo, o investigador Xavi P. Couto e a química e autora dunha tese de doutoramento sobre o científico, M. Carmen Villanueva, dentro do relatorio “A mirada desde as Matemáticas e a Astronomía de Rodríguez”. O evento rematará coa visita guiada pola exposición “Rodríguez, o matemático de Bermés”, no mesmo espazo.
José González Rodríguez no CCG
O legado do matemático lalinense foi tratado polo Consello no libro José Rodríguez González (1770-1824). Un matemático sublime, elaborado en colaboración coa RAGC. O exemplar presentouse na Facultade de Matemáticas da USC o pasado xoves, 3 de outubro, nun acto que contou coa presenza da presidenta do CCG, Rosario Sarmiento; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o reitor da USC, Antonio López; o presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio e Elena Vázquez Cendón, entre máis intervintes.
Ademais, o Consello tamén fixo a este ilustrado lalinense protagonista na edición deste mes de “Proxector”, un recurso na Rede mantido polo CCG no que se ofrece ao público, e ao profesorado en particular, recursos para a docencia. A edición deste mes versou sobre a trigonometría, disciplina á que Rodríguez contribuíu coa súa obra. A institución, ademais, divulgou a súa biografía no Álbum de Galicia, un espazo accesible no sitio web corporativo do CCG no que se homenaxea a galegas e galegos cuxa vida e obra aportou valor á sociedade do país. No Álbum tamén están dispoñibles varios recursos audiovisuais, ligazóns a novas na prensa e á bibliografía complementaria sobre o persoeiro destacado.



