A xornada comeza coa presentación da reedición que o CCG fixo das súas obras “Recuperemos as mans” e “Evidencias”. Na primeira das obras, Queizán critica o marxismo desde unha perspectiva feminista, empregando argumentos propios do marxismo para denunciar a explotación e opresión das mulleres na sociedade contemporánea. O ensaio aborda as controversias entre o feminismo galego de segunda onda e o marxismo, sinalando as limitacións deste último ao tratar a represión das mulleres. Ademais, destaca a importancia de recoñecer e valorar o papel das mulleres na transmisión da lingua, cultura, crenzas e tradicións galegas, especialmente no ámbito rural e mariñeiro, onde considera que se conserva a verdadeira identidade galega. A autora establece un paralelismo entre a dependencia nacional de Galicia e a subordinación feminina, sinalando que ambas sofren explotación e discriminación. En “Evidencias”, ensaio que Queizán publicou en 1989 no que recompila traballos anteriores e nos que establece un paralelismo entre a escravitude da muller e a situación do idioma galego, presentándoas como dúas realidades semellantes por estaren igualmente oprimidas. Ambas as dúas obras estarán dispoñibles para descarga desde o web da institución desde este mércores, aínda que a versións en papel se presentarán no vindeiro mes de marzo.
Na xornada, Carme Adán ofrecerá un relatorio titulado “O pensamento feminista emerxe do corpo”. Após a súa intervención, Marga do Val intervirán co título “Comunicar, transmitir, transgredir”. Pecha o relatorio Helena González Fernandez, con “Digo independencia e non autonomía: teoría, praxe, feminismo, nación”. Ao remate haberá un coloquio coas tres relatoras moderado por Inma López Silva. A xornada remata co recital “Acende o verso a túa luz” a cargo de Cintaadhesiva que conforman Silvia Penas e Jesús Andrés.
“Esta homenaxe trae á actualidade o escrito pola autora, establece un diálogo entre o tempo da primeira publicación e a actual, non tanto para comprobar aínda a vixencia ou superación de moitas das argumentacións, senón para admitir a relevancia da súa escrita naquela etapa histórica dos inicios democráticos na que comezaban a mudar comportamentos, máis que leis, que admitían algo máis a independencia económica da muller, a súa saída do privado, do doméstico, para deixar de tratala como unha menor dependente do pai ou do esposo” asegura o texto de presentación desta xornada.
O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos
A cita está organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, coordinado por Carme Adán Villamarín e que ten como membros a Luz Darriba, Montse Fajardo Pérez, Inma López Silva, Cristina López Villar, Mariám Mariño Costales, Luzia Oca González, María Dolores Pereira Oliveira, Ana Belén Puñal Rama e Rexina Rodríguez Vega. Esta actividade sitúase nunha iña de traballo que presta atención a cuestións de actualidade sobre as que antes se falou de ecofeminismo, gordofobia ou maternidade, entre outros.