----

Comeza en Boiro o ciclo “Acceso á cultura en Galicia 2025”

O Consello da Cultura Galega (CCG), da man da Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais, inicia en Boiro este mércores 26 de marzo (10:00 horas) o ciclo “Acceso á cultura en Galicia 2025”. Cinco xornadas (catro de recollida e unha de debate final) que se desenvolven entre marzo e xuño e atenden a catro perspectivas do dereito de acceso á cultura. A primeira das citas titúlase “Acceso á cultura e participación” e aborda o dereito a participar da cidadanía. A coordinadora da comisión do CCG, Paula Cabaleiro; o alcalde de Boiro, José Ramón Romero; o coordinador da xornada, Alberto García; máis a deputada provincial de cultura, Natividad González, inauguran esta sesión de traballo na que se exporán seis exemplos de boas prácticas que se están a desenvolver en diferentes lugares. A xornada non se emite en directo pero será gravada e subirase á hemeroteca á maior brevidade posible.

A primeira xornada de recollida de información deste novo ciclo desenvolverase no Pazo de Goiáns (Boiro), e nela analizarase a participación cidadá en cultura onde as persoas exercen o seu dereito a facer cultura e non só a consumila.. A xornada de traballo está coordinada por Alberto García, ten como mediadoras a Branca Albán, Natalia Balseiro e Encarna Lago. Asistirán, ademais do público asistente, responsables de seis proxectos participativos como son Castelo Conta, o Feirón Mariñeiro de Rianxo, Contos do Mar, O Festival internacional de outono de Carballo, Escora Danza, e Pasabodeghas. Ao fío destes proxectos reflexionarase sobre se o dereito a participar se cumpre en Galicia e recollerase información de primeira man do público participante. Esta xornada fornece contido para un informe técnico que tamén terá carácter participativo. A xornada pecha cun debate conxunto entre os participantes e as conclusións.

Cinco citas para abordar a situación das políticas públicas
O dereito a participar, a perspectiva territorial (nun país con tanta dispersión coma o noso), o acceso e a comunicación e a interseccionalidade. Son catro dereitos aos que deben atender as políticas públicas e que se analizarán nas catro xornadas que conforman o ciclo “Acceso á cultura en Galicia 2025”. A seguinte cita terá lugar en Allariz, o vindeiro 22 de abril cunha sesión coordinada por Roberto Pascual. Nesa ocasión afondarase na relación entre acceso á cultura e territorio e obteranse datos a partir de experiencias realizadas nas comarcas do interior de Galicia, especialmente afectadas polo despoboamento, o abandono, a problemática medioambiental e o empobrecemento do territorio.

Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade que realiza a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais que coordina Paula Cabaleiro e que está conformada por Xavier Campos, Uxía Caride, Marián Fernández, Alberto García, Encarna Lago, Sergio Lago, Agar Ledo, Marcos Lorenzo e Roberto Pascual.