----

O ciclo Pensarmos aborda os límites do territorio da man da arquitecta Teresa Táboas

A arquitecta Teresa Táboas (Ciudad de México, 1961) reflexionará este xoves 27 de marzo (18:00 horas) no Consello da Cultura Galega (CCG) sobre os límites do territorio. A súa intervención forma parte do ciclo Pensarmos co que a Sección de Pensamento do CCG propón reflexionar sobre cuestións de actualidade. A cita, coordinada por Celia Pereira Porto, emítese en directo desde o web e a canle de Youtube da institución.

A protagonista da sesión de pensarmos do mes de marzo é Teresa Táboas, doutora en Arquitectura pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSA da UDC), cunha tese titulada A cor en arquitectura, dirixida polo arquitecto César Portela. Ten o seu propio estudo desde o que desenvolve proxectos de edificación e urbanismo. Ocupou cargos de gran relevancia, como os de presidenta da Delegación de Pontevedra e foi a primeira mulleres en ser decana-presidenta do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Tamén foi vicepresidenta do Instituto Tecnolóxico de Galicia e conselleira titular do CSCAE, ademais de representar a España no Consello de Arquitectos de Europa. Entre 2005 e 2009, foi conselleira de Vivenda e Solo no Goberno galego e deputada no Parlamento de Galicia. Desde 2023, é vicepresidenta da Unión Internacional de Arquitectos (UIA).

O ciclo Pensarmos, que ten formato dialogado, contará neste caso con outro recoñecido arquitecto para abordar este tema: Juan Creus. É profesor na ETSA da UDC. Fundou xunto con Covadonga Carrasco o estudo CREUSeCARRASCO arquitectos desde o que abordaron obras recibiron diferentes galardóns e premios. Ademais codirixe a revista O Monografías e autor de publicacións A terra das mil belezas e Terra (con Pablo Gallego) ou Viaxe á Fin da Terra (con Covadonga Carrasco).

O ciclo Pensarmos
A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo Pensarmos en xaneiro de 2019 co obxectivo de abordar os problemas da actualidade. Por este foro pasaron xa máis dunha vintena de conferenciantes como, por exemplo, Margot Rot, Eva Veiga, Victoria Quintero ou Mar García Puig por citar só algúns dos máis recentes. Todas as intervencións están gravadas e, salvo desexo expreso dos autores, pódense consultar tanto desde o sitio web institucional como dende a nosa canle de YouTube.

Sección de Pensamento
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, coordinada por Celia Pereira Porto e que ten como membros a Mariló Candedo Gunturiz, Francisco Castro Veloso, Ricardo Fandiño Pascual, Francisco Xose Fernandez Naval, Antonio Fernández Seoane, Ana Isabel García Arias, Nieves Herrero, Xoán Antonio Pérez Lema e Ana Gloria Rodríguez Alonso. Ademais do ciclo Pensarmos, a Sección organiza periodicamente outras actividades, entre as que destacan a revisión de figuras relevantes no mundo do pensamento e a análise da conexión que tiveron con Galicia persoeiros como Martin Heidegger, Simone Weil, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx.