A documentación que o Arquivo da Emigración Galega (AEG) vén de facer pública reflicte a historia dunha sociedade creada en Caracas en decembro de 1958 baixo o nome de Centro Benéfico Social Hijos de La Estrada. Un grupo de emigrantes orixinarios do partido xudicial da Estrada constituíron esta sociedade, tal e como recolle a primeira acta constitutiva, para “establecer un centro social-benéfico para proporcionar a sus miembros sanas distracciones, asistencia médica y ayuda material y moral”.
O pasado mes de xaneiro, no marco doutro dos proxectos do Arquivo da Emigración Galega, púxose en rede un número especial da publicación que editaba esta sociedade e co gallego do 22º aniversario da fundación da sociedade Centro Benéfico Social Hijos de la Estrada. Aquel número contiña 160 páxinas que realizaban unha descrición da historia do Centro desde a súa fundación e un percorrido pola xeografía, cultura e historia da Estrada e de Galicia en xeral. Incluía unha carta do presidente da sociedade, Luís Veiga Rodríguez, e outra do daquela presidente da Xunta de Galicia, Gerardo Fernández Albor, así como de Jesús Durán, Manuel Brea Porto e Jose Luis Jorge Caramés, naquel momento alcaldes dos concellos da Estrada, Forcarei e Cerdedo. Contaba tamén cunha serie de relatos, anécdotas e poesías. Inclúe tamén a partitura do pasodobre “Estrada-Caracas” que mestura ritmos de Venezuela e Galicia composta para ocasión por Eulogio López Masid, que fora director da Banda de Música Municipal de A Estrada durante 23 anos.
O proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega
O AEG puxo en marcha en 2024 o proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. A iniciativa promove a divulgación dos fondos documentais que se custodian neste Arquivo do CCG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega. A divulgación desta selección dos fondos é de periodicidade mensual, en cada entrega cólganse na Rede os documentos xerados por estas institucións, nos cales constan libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ou imaxes. A meta desta iniciativa é a de contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.
Entre os últimos número subiuse documentación da sociedade “Calo y Biduido”, “Hijos del Ayuntamiento de Boiro”, “Casa de Galicia” ou a “Hermandad gallega de Venezuela”.



