NOTICIA

----

Unha xornada analiza desde Allariz a relación entre cultura e territorio

Existen políticas ou proxectos que garantan os dereitos culturais e se adapten ás dinámicas e realidades territoriais? Estes proxectos parten da cidadanía ou das administracións? Son iniciativas exportadas ou as iniciativas culturais nacen do propio territorio e da comunidade rural? Estas son algunhas cuestións que pretende responder a xornada “Acceso á cultura e territorio” que se desenvolve este martes 22 de abril en A Casa Vella (Amiadoso, Allariz). É a segunda cita do ciclo “Acceso á cultura en Galicia 2025”, que puxo en marcha a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais, do Consello da Cultura Galega (CCG). Roberto Pascual coordina esta sesión que obterá datos a partir de experiencias realizadas nas comarcas do interior de Galicia. A xornada ten as prazas cubertas, non se emite en directo pero será gravada e subirase ao sitio web á maior brevidade posible.

A segunda sesión do ciclo “Acceso á cultura” lévanos ata a Casa Vella, un espazo de creación e de investigación artística que se desenvolve na aldea de Amiadoso (Allariz) na que se aborda a relación entre acceso á cultura e territorio. Nela amosaranse varias experiencias realizadas nas comarcas do interior de Galicia, especialmente afectadas polo despoboamento, o abandono, a problemática medioambiental e o empobrecemento do territorio. No marco da sesión, Nuria Sotelo achegará a proposta da Casa Vella, espazo que aposta pola arte, o coidado e o rural como eixos transformadores. Braulio Vilariño falará do Festival Agrocuir, un evento que mestura cultura, diversidade e activismo LGTBI+ nun contorno rural coma o da Ulloa. Alberte Ansede falará do Convivio da Cultura Galega, iniciativa que convida ao diálogo interxeracional e á reflexión colectiva sobre a cultura do país. O Outono Fotográfico, un dos festivais de fotografía máis veteranos do Estado, con sede en Ourense e de proxección internacional, estará presentado por Xosé Lois Vázquez. Os proxectos da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia xunto co do Festival Arteficial, que combinan a tradición do teatro internacional coa vangarda musical e artística no Ribeiro, vainos expoñer Ainhoa Viñuela. Noel Quintela presenta a Palleira de Sarria, un espazo autoxestionado que promove a cultura de base e a participación comunitaria. Outro dos proxectos que se achegarán no marco desta sesión é o Festival dos Eidos homenaxe viva a Uxío Novoneyra e ás relacións entre poesía, natureza e pensamento no Courel que explicará Uxío Novo.

Esta xornada procura poñer en valor a pluralidade de formatos, linguaxes e territorios que están a alimentar o tecido cultural galego desde a base, apostando por modelos sustentables, inclusivos e transformadores. Ao tempo, será unha oportunidade para tecer redes, compartir experiencias e soñar futuros comúns.

Cinco citas para abordar a situación das políticas públicas
O pasado 26 de marzo tivo lugar no Pazo de Goiáns (Boiro) a primeira das xornadas dun ciclo que presta atención ao catro dereitos que deben atender as políticas públicas: participación, territorio, acceso e a comunicación máis a interseccionalidade. A primeira das cita abordou a participación cidadá en cultura onde as persoas exercen o seu dereito a facer cultura e non só a consumila. A xornada foi coordinada por Alberto García, e tivo como mediadoras a Branca Albán, Natalia Balseiro e Encarna Lago. Nela expuxéronse seis proxectos participativos como son Castelo Conta, o Feirón Mariñeiro de Rianxo, Contos do Mar, O Festival internacional de outono de Carballo, Escora Danza, e Pasabodeghas. Serviron de exemplo para coñecer como se canaliza a participación da cidadanía. A terceira das citas, terá lugar en Soutomaior o 21 de maio, coordinada por Marián Fernández. Nela ofreceranse oito proxectos con base na provincia de Pontevedra xunto con colectivos, empresas e profesionais da cultura, administracións públicas e cidadanía para traballar nunha sesión na que nos cuestionaremos se se comunican eficazmente os dereitos culturais e se facilita o acceso á cultura para todas as persoas. Este ciclo, formado por catro xornadas de recollida de información e unha de debate final rematará en xuño. A partir delas elaborarase un informe que estará a disposición da cidadanía en outono.

Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade que realiza a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais que coordina Paula Cabaleiro e que está conformada por Xavier Campos, Uxía Caride, Marián Fernández, Alberto García, Encarna Lago, Sergio Lago, Agar Ledo, Marcos Lorenzo e Roberto Pascual.