A sesión comeza coa proxección de un “As miradas de Isaac”, unha videoinstalación da fotógrafa e xornalista cultural Cecilia Díaz Betz e do realizador Jordi Cussó que ofrece un relato en primeira persoa da vida e da obra do creador de Sargadelos a partir de material audiovisual histórico de procedencia diversa. Após o visionado, a propia Cecilia Díaz ofrecerá unha conferencia titulada “Isaac Hoxe”. De seguido haberá unha sesión de relatorios na que participan Begoña Soneira, María Díaz e María América. Begoña Soneira centrará a súa intervención no que foi o Laboratorio de Formas, as súas raíces, os seus obxectivos e todas as empresas e iniciativas que naceron del; mentres que Mariía América abordará a infancia e a mocidade de Díaz Pardo en Compostela, onde viviu ata os 16 anos con especial atención á casa da Tumbona, o taller de seu pai, Camilo Díaz Baliño, a súa participación nos carteis pro-Estatuto e o fin abrupto desta etapa coa morte de seu pai ao inicio da Guerra Civil. Ao seu remate haberá un debate aos que se suman Eduardo Valiña e Silvia García máis o público asistente.
A cita encádrase na actividade deseñada polo CCG con motivo da celebración do Día das Artes Galegas 2025 dedicado ao artista e intelectual. Nela búscase, desde unha perspectiva de proximidade e partindo das diferentes achegas aos diversos campos creativos, ofrecer catro miradas sobre a traxectoria vital e creativa de Isaac, que van do persoal ao artístico e ao técnico, tendo como escenario referencial a cidade de Compostela.



