NOTICIA

----

Unha xornada afonda nos efectos do capitalismo na saúde e no benestar dos creadores culturais

Remedios Zafra, Iria Veiga e Marga Tojo, tres mulleres fundamentais no pensamento crítico contemporáneo, participarán este martes 13 (a partir das 16:45 horas), na xornada Ansiedade e esperanza na nova cultura. Unha cita organizada pola Comisión técnica temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) para afondar nos problemas que o sistema actual ocasiona aos profesionais do sector, atendendo principalmente á saúde mental e ao seu benestar. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, a coordinadora da comisión, Paula Cabaleiro, máis a encargara desta cita, Uxía Caride, inauguran este encontro presencial que ten esgotadas as súas prazas. Poderase seguir en directo desde o web do CCG e a súa canle de YouTube.

A xornada comeza coa conferencia titulada “O exceso da vida contemporánea”, a cargo de Remedios Zafra, escritora, profesora e ensaísta española, especializada no estudo crítico da cultura contemporánea, a antropoloxía, o ciberfeminismo e a cultura dixital. Na súa intervención analizará os efectos do ritmo acelerado e a sobrecarga de información na sociedade moderna, para destacar como este exceso repercute na vida persoal e colectiva. De seguido terá lugar unha mesa de relatorios que comezará coa intervención da escritora e poeta Marga Tojo, que, baixo o título “Desinformación e ansiedade colectiva”, abordará como a desinformación e a manipulación mediática contribúen á ansiedade social e á polarización, alterando a percepción da realidade e xerando un clima de inestabilidade emocional. Pecha a mesa a psiquiatra e divulgadora Iria Veiga, coa conferencia “A saúde mental no mundo cultural”. Nela centrará a súa reflexión nas particularidades da saúde mental no sector cultural, para analizar as presións que afectan os profesionais deste ámbito e propor posibles solucións.

Ansiedade e esperanza na nova cultura ten como obxectivo reflexionar e sensibilizar sobre os problemas que caracterizan o momento actual, especialmente no que se refire ás implicacións do capitalismo nos traballos creativos do ámbito cultural.

A Comisión técnica temporal de Xestión e Políticas Culturais
Esta sesión está promovida pola Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega que coordina Paula Cabaleiro e integrada por Xavier Campos, Uxía Caride, Marián Fernández, Alberto García, Encarna Lago, Sergio Lago, Agar Ledo, Marcos Lorenzo e Roberto Pascual. Enmárcanse na liña de traballo que atende aos dereitos culturais e políticas culturais fomentando a reflexión sobre a sociedade actual, mellorar a saúde mental e garantir o dereito de acceso á cultura, estimulando o desenvolvemento do pensamento crítico e a capacidade analítica. Esta comisión tamén está a desenvolver o foro Acceso á cultura 2025, estruturado en catro xornadas de recollida de información e unha sesión final, que atende aos dereitos culturais da cidadanía. A seguinte cita deste foro, do que xa se desenvolveron dúas sesións, prestará atención á relación entre cultura e comunicación e terá lugar o vindeiro 21 de maio en Soutomaior.