“Todos necesitamos coidados en todos os períodos da nosa vida, sexamos vulnerables ou dependentes, pero tamén por razón de idade, enfermidade, ou en situación excepcionais como foi o caso da COVID-19 que nos puxo en evidencia outro escenario” apunta Celia Pereira, coordinadora da sección de Pensamento que aborda este mes o reto de falar dos diferentes tipos de coidados. Para este asunto, participa María Dolors Comas d’Argemir, recoñecida antropóloga catalá e profesora emérita da Universitat Rovira i Virgili, que ten unha destacada carreira académica centrada na investigación sobre xénero, familia e políticas sociais. Ocupou cargos de responsabilidade como presidenta do Consell Nacional de Dones de Catalunya. A súa traxectoria combina o rigor científico coa implicación social e política, sendo autora de numerosos estudos e publicacións que teñen contribuído a repensar o papel das mulleres e das estruturas de coidado na sociedade contemporánea.
Comas d’Argemir titula a súa sesión “Coidados: un reto para a sociedade do futuro” defende unha visión crítica e transformadora dos coidados. Sinala que os coidados seguen recaendo de maneira desproporcionada nas mulleres, dentro dun sistema informal e frecuentemente invisibilizado. Propón un modelo máis xusto e corresponsable, no que os coidados sexan considerados un ben común, asumido por toda a sociedade e apoiado por políticas públicas sólidas. Para ela, afrontar o reto do avellentamento require recoñecer o valor social dos coidados e garantir a dignidade das persoas maiores, evitando tanto a institucionalización masiva como o abandono dentro dos fogares.
A súa intervención terá formato de diálogo con Ana Isabel García, profesora titular de universidade na área de Economía, Socioloxía e Política Agraria da Universidade de Santiago de Compostela que ten traballado na avaliación de políticas agroambientais e de desenvolvemento rural.
O ciclo Pensarmos
A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo Pensarmos en xaneiro de 2019 co obxectivo de abordar os problemas da actualidade. Por este foro pasaron xa máis dunha vintena de conferenciantes como, por exemplo, Margot Rot, Eva Veiga, Victoria Quintero ou Mar García Puig por citar só algúns dos máis recentes. Todas as intervencións están gravadas e, salvo desexo expreso dos autores, pódense consultar tanto desde o sitio web institucional como dende a nosa canle de YouTube.



