----

Unha mesa redonda aborda o teatro galego na diáspora arxentina

O teatro, tanto en galego como en castelán, ocupou unha parte importante do lecer da colectividade galega emigrada en Arxentina a principios do século XX. A mesa redonda “O teatro galego na diáspora: o caso da Arxentina (1900-2025)” que organiza o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) o vindeiro luns, 2 de xuño (18:00 horas), reflexiona desde diferentes ámbitos sobre un dos fenómenos máis rechamantes da cultura galega na diáspora. A xornada presencial, pode seguirse en directo a través do web do CCG e as redes sociais.

Entre os anos 2022 e 2023 o espectáculo Galego converteuse nun éxito de público en Bos Aires. Consistía nun monólogo teatral que achegaba a experiencia dun emigrante galego na Arxentina a partir da memoria, da identidade e dos lazos materiais. Declarado de interese cultural pola cidade de Bos Aires, o espectáculo traía ao presente a realidade do pais de inicios do século XX, cando a capital arxentina recibía vagas de migrantes galegos. A colectividade galega agrupábase en sociedades que, ademais de defender os seus intereses e necesidades, organizaba celebracións e festas nas que o teatro tiña un lugar destacado. Sobre esta conexión afonda a mesa redonda que analiza desde diferentes perspectivas o teatro producido en Arxentina no primeiro cuarto do século XX. A sesión arranca co marco histórico a cargo de Xosé M. Núñez Seixas, vicepresidente do CCG e director do Arquivo da Emigración galega, cun relatorio titulado "As orixes populares do teatro galego en Bos Aires, 1900-1930". Séguelle o docente da Universidade da Coruña, Carlos Caetano Biscainho que explicará o proxecto da base de datos do teatro galego en Bos Aires (entre 1936 e 1973). Inma López Silva, escritora e docente na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, explorará a figura de Isaac Díaz Pardo e o teatro galego, mentres que os actores Gabriel Fernández e Julio Molina abordarán a súa experiencia a raíz do seu espectáculo Galego.

Arquivo da Emigración Galega
Esta actividade enmárcase nas liñas de acción do Arquivo da Emigración Galega (AEG), centro dependente do CCG que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio dende os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinario. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre este fenómeno migratorio a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Ademais, mantén proxectos activos como a difusión dos seus fondos a través dos especiais web Memoria documental das sociedades da emigración galega ou Repertorio de prensa da emigración. O AEG está dirixido por Xosé M. Núñez Seixas e conta entre os seus membros con María Alonso, Luís Domínguez, Marcelino Fernández, Gregorio Ferreiro, Xesús Fraga, Keina Raquel Espiñeira, Antía Pérez Caramés e Teresa Táboas.