----

Unha xornada xunta especialistas para debater o futuro do marisqueo en Galicia

A Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza o vindeiro martes (30 de setembro, 16:15 horas) unha xornada dedicada a analizar os retos e oportunidades do marisqueo de Galicia, unha actividade esencial da identidade cultural do noso país. A cita titúlase “O marisqueo en Galicia: tradición, ciencia e desenvolvemento económico” e aborda a perda preocupante de produtividade dos parques marisqueiros de Galicia por mor da contaminación, cambio climático e especies invasoras. Alicia Estévez Toranzo coordina esta sesión que xunta responsables de centros de investigación, universidades e administracións. Está aberta a inscrición desta cita presencial que tamén se pode seguir en directo desde o web corporativo e a canle de YouTube da institución.

O cultivo de moluscos é un piar económico para as comunidades pesqueiras da nosa rexión pero tamén unha practica conforma parte da identidade social e cultural galega, pero. Tanto é así que proliferan iniciativas para que o marisqueo sexa declarado patrimonio cultural inmaterial da humanidade pola UNESCO. A isto engádeselle o feito de que o turismo mariñeiro está en auxe pola súa capacidade de vincular tradición e desenvolvemento económico local. Con todo, nos últimos anos rexistrouse unha perda preocupante de produtividade nos parques marisqueiros galegos que os estudos en marchan achacan á contaminación, ao cambio climático e á chegada de especies invasoras.

Esta xornada busca, da man de recoñecidos especialistas, abordar os numerosos retos biolóxicos, ambientais e químicos que ameazan a produción marisqueira das rías galegas, así como identificar as accións necesarias por parte da comunidade científica e da Administración para mitigar estes riscos.

Programa
A sesión comeza coa intervención de Elsa Vázquez Otero, catedrática de Zooloxía, CIM-Universidade de Vigo, que falará sobre “Resposta dos bivalvos á nova normalidade: o marisqueo ante os retos do cambio global”. De seguido, Isaac Rodríguez Pereiro, catedrático de Química Analítica, e Miguel Balado Dacosta, investigador posdoutoral de Microbioloxía, iARCUS-USC, presentarán a comunicación “Impacto da contaminación química e microbiana na produción de bivalvos en Galicia”.

Covadonga Salgado Blanco, directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR) da Xunta de Galicia, ofrecerá un relatorio titulado “Vixilancia e regulación das augas nas que se cultivan os moluscos bivalvos. Liñas de actuación da Consellería do Mar”. Pola súa banda, Rafael Bañón Díaz, do GEMM e Instituto Español de Oceanografía, Centro Oceanográfico de Vigo, falará sobre “Especies exóticas mariñas e marisqueo en Galicia”.
A xornada pecha coa mesa redonda baixo o título “Oportunidades do sector marisqueiro para asegurar o seu futuro sostible”, que permitirá recoller diferentes visións e propostas.

Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade
A organización desta xornada insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, coordinada por Elena Vázquez Cendón. Entre as actividades organizadas por esta sección inclúese unha xornada sobre os alimentos “responsables”, é dicir, os que deben formar parte dunha cesta da compra sustentable; así como a elaboración de materiais e recursos didácticos e informes como “A divulgación da ciencia en Galicia”, que compila a variedade e calidade de iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico. Son membros desta sección Ánxela Bugallo, Susana Bayo, Eduardo Corbelle, Alicia Estévez Toranzo, Alejandro Gorgal, Federico Martinón, Javier Méndez Zunzunegui, Mabel Montes, Blanca Puig, Xacobo de Toro, Xosé María Varela e Manuel Vicente.