Na entrevista falaron da situación do presente global, do activismo, do feminismo, dos coidados, da importancia de “debullar a palla do grao” na defensa dos dereitos acadados. Trala entrevista, Víctor F. Freixanes, expresidente da Real Academia Galega, Susana López Abella, ex secretaria xeral de Igualdade e a eurodeputada Ana Miranda - cunha intervención gravada-, máis Dolores Vilavedra, vicepresidenta do CCG, achegaron o lado máis humano e próximo dunha muller que marcou a comunicación en Galicia, traballando en medios como La Voz de Vigo, Radio Popular, El Pueblo Gallego, El País ou La Voz de Galicia, e foi tamén pioneira na información en galego. Á súa traxectoria mediática sumouse unha intensa carreira política e institucional, entre a creación da primeira Concellería da Muller de Galicia, a promoción do Centro de Información á Muller e da Casa de Acollida de Mulleres Maltratadas, e a dirección do CDIF no marco do CCG contribuíndo ao avance da igualdade e deixando un exemplo de resiliencia e compromiso para novas xeracións.
O programa
A coordinadora do CDIF, Carme Adán, abriu a sesión cun relatorio en que abordou o papel das mulleres na participación política e a evolución das políticas públicas de igualdade en Galicia. Adán fixo un repaso dos últimos corenta anos, lembrando que en 1987 había só oito alcaldesas fronte ás 71 actuais —o 22% dos concellos galegos—, e que o número de deputadas no Parlamento galego pasou de tres na primeira lexislatura a 41 na novena, en 2022. Tamén lembrou que o primeiro plan de igualdade estatal data de 1988, mentres que o galego se aprobou en 1992. Salientou o papel decisivo de mulleres como María Xosé Porteiro e das traballadoras da administración pública, “que contribuíron de forma decisiva á consolidación das políticas de igualdade”. Rematou reivindicando que os retos de futuro pasan por definir que modelo administrativo queremos ser. “Non é só xestionar fondos, senón deseñar políticas de igualdade estruturais e eficaces” apuntou.
A continuación, Míriam Mariño presentou unha “cartografía vital” de María Xosé Porteiro, un percorrido pola súa traxectoria persoal e profesional que forma parte do Álbum de Mulleres e está dispoñible no sitio web do CDIF. Mariño lembrou que “somos herdeiras dun camiño andado que nos arrequenta e que segue abrindo paso ás novas xeracións”.
De seguido houbo unha mesa que interviron tres mulleres de tres ámbitos diferentes (a comunicación, o xornalismo e a política) en relación con tres ámbitos nos que destacou María Xosé Porteiro e nos que serviu de modelo. Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal, quen compartiu a súa experiencia como muller nova ao fronte dun concello de menos de dez mil habitantes, o que cualificou como “un reto e unha responsabilidade”. Subliñou a importancia de que “a política feminista sexa transversal” e de “trasladar a luz da esperanza a todas as xeracións, mesmo á xeración Z”. Indicou que a presenza das mulleres nos cargos de goberno local “permite ver cousas que quizais outros, por educación ou costume, non ven”, e exemplificou como as políticas de accesibilidade e recuperación de espazos públicos poden transformar o día a día da veciñanza. A xornalista Cláudia Morán, non puido asistir Eliana Martins, lembrou que moitas profesionais “nos dedicamos ao xornalismo grazas a mulleres como María Xosé Porteiro ou Margarita Ledo, que nos amosaron que era posible forxar un nome propio”. Morán repasou a creación do colectivo Xornalistas Galegas, centrado na defensa dun xornalismo con perspectiva de xénero, e explicou o traballo desenvolvido en decálogos de boas prácticas e na interlocución cos medios para mellorar o tratamento informativo da violencia de xénero. Concluíu subliñando que “o xornalismo ten que manter un compromiso real co servizo público, tamén na era das redes sociais”.
A sesión pechou cunha peza de creación a cargo de Marta Pérez que leva por título Mulieribus e que partiu dun texto homónimo de Dorotea Bárcena e un dos preferidos de María Xosé Porteiro.



