NOTICIA

----

O CDIF aborda a violencia económica como antesala ao 25N

“A violencia económica” é o título da xornada coa que o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración do Consello Galego de Relacións Laborais, se achega a unha reivindicación histórica do feminismo e da loita das mulleres como é a independencia económica. Profesionais do ámbito da maxistratura, da avogacía, da inspección de traballo e dos sindicatos laborais achegarán o seu punto de vista sobre ese asunto como anna sesión deste mércores 5 de novembro (9:45 horas). Rosario Álvarez, presidenta do CCG, e Antía Sández Callejo, presidenta do Consello Galego de Relación Laborais, inauguran esta xornada presencial que se pode seguir en directo desde o web e a Canle de YouTube da institución.

O CDIF organiza cada novembro, na véspera do Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller (que se celebra o 25 de novembro), unha xornada para analizar, estudar e documentar as diferentes manifestacións que ten a violencia de xénero. Nesta ocasión, o tema abordado é a violencia económica e busca abrir un debate sobre o que significa a incorporación das mulleres ao mundo laboral, co que implica para a conciliación, para as pensións e para acadar a igualdade plena. Na cita tamén se presente amosar “que o control patriarcal ten como aliado o mercado laboral e a concepción da remuneración feminina como unha axuda ou complemento” explica o folleto de presentación da actividade.

Programa
O maxistrado Fernando Lousada, especialista en dereito do traballo e recoñecido pola súa traxectoria en defensa da igualdade de xénero na xustiza, será o encargado de abrir a sesión, presentado pola escritora e investigadora feminista Xina Vega, membro do CDIF. Seguiralle unha mesa sobre As desigualdades no mundo laboral coa participación de Emma Rodríguez, profesora titular da Universidade de Vigo experta en políticas de igualdade, e Xosé Manuel Carril, catedrático de Dereito do Traballo na Universidade da Coruña e investigador en negociación colectiva, moderados pola artista e activista feminista Luz Darriba. A continuación, a inspectora de traballo Mónica González Otero ofrecerá a conferencia Acaso pensa en nós o mercado laboral?, presentada pola escritora e dramaturga Inma López Silva, tamén integrante do CDIF.

Na sesión da tarde tratarase A fenda salarial e a negociación colectiva nun debate entre representantes dos principais axentes sociais: Margarida Corral Sánchez, secretaria das mulleres da CIG; Rebeca Pérez Pico, responsable de igualdade en CCOO; Ana M. Pereiro Mourelo, secretaria de igualdade da UGT; e José Antonio Neira Cortés, representante da Confederación de Empresarios de Galicia. A mesa será moderada por Cristina Fabeiro Varela, secretaria do Consello Galego de Relacións Laborais. O encontro concluirá cun diálogo sobre A violencia económica nas leis de violencia de xénero, a cargo de Cristina Martínez Fernández, avogada e asesora xurídica do CIM de Arteixo, e Carme Adán, filósofa, profesora e directora do CDIF, moderadas pola xornalista e escritora Montse Fajardo, tamén membro do centro.

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos
A cita está organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG, coordinado por Carme Adán e conformado por Luz Darriba, artista e activista feminista; Montse Fajardo Pérez, xornalista e escritora; Inmaculada López Silva, dramaturga e novelista; Cristina López Villar, profesora e investigadora en igualdade; Mariám Mariño Costales, técnica de igualdade; Ana Belén Puñal Rama, docente e especialista en comunicación con perspectiva de xénero; e Rexina Rodríguez Vega, escritora e investigadora feminista.

O CDIF leva desde o ano 2017 analizando as diferentes formas de violencia de xénero. En edicións pasadas abordouse o ciberacoso, o patriarcado na xustiza, a violencia sexual, o consentimento, a importancia de contabilizar os casos de acoso e o machismo.