----

Unha xornada e unha monografía documental, entre as actividades para conmemorar o 25N

Este martes, 25 de novembro, é o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. O Consello da Cultura Galega (CCG) conmemora esta data con varias actividades. O propio día, o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) pon en rede a monografía “Ecofeminismos” que inclúe materiais de diferente tipo que sitúa o movemento dentro e fóra de Galicia. E o mércores terá lugar a xornada “Fotografía e feminismo” comisariada por Paula Cabaleiro e Rosario Sarmiento que reflexionará arredor da fotografía e do feminismo. As actividades arrincaron o pasado 5 de novembro coa xornada "Violencia económica".

“Ecofeminismos” é o título da monografía elaborada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDF) que achega en cinco apartados unha selección do moito que xa se ten feito ao respecto dentro e fóra de Galicia. Inclúense diferentes reflexións e materiais que dan conta da súa xenealoxía, da súa pluralidade, da súa vitalidade no activismo e no pensamento, dos debates e das propostas e alternativas antipatriarcais e anticoloniais de transformación. En “Achegas das expertas” inclúense catro artigos a cargo de María Xosé Agra, Xabier Arakistain, Aimé Tapia, Abya Yala e Manuela Palacios elaborados expresamente para a ocasión e que nos falan da relación entre arte feminista e ecofeminismo, ou dos ecofeminismos na literatura, entre outros asuntos. No apartado “Instantáneas” incorpóranse tres galerías de imaxes: “Fotobibliografía”, mostra obras ecofeministas publicadas entre 1962 e 2025; “Loitadoras”, amosa imaxes que dan conta da implicación das mulleres no activismo e defensa da auga, da terra e do ar datadas entre 1973 e 2021; mentres que “Carteis e pancartas”, inclúe imaxes de propostas, accións e debates ocorridos entre 1982 e 2025. En “Escritas no tempo” xúntase documentación histórica que vai de 1988 ata o presente que recupera publicacións, do ámbito académico así como do pensamento, a sociedade, a cultura, o activismo e propostas para o ensino. Inclúe ademais ligazóns e vídeos que complementan os contidos.

A xornada
A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas que dirixe Paula Cabaleiro, promoveu a xornada “Fotografía e feminismos” na que profesionais da historia, do comisariado, da crítica e da fotografía acheguen os seus coñecementos e reflexións arredor da fotografía e do feminismo. A sesión busca atender tanto á historia da arte desde unha ollada feminina e feminista como lembrar que a fotografía rexistrou e acompañou o movemento feminista e as súas reivindicacións nas rúas, gravando moitas imaxes xa icónicas na nosa memoria colectiva. A primeira parte da xornada conta coa presenza da historiadora Carmen Dalmau que pasará revista ás grandes mulleres fotógrafas españolas. Tamén con Anxela Caramés, Carlos Castelao e Olaia Sendón que reflexionarán nunha mesa redonda e desde a súa experiencia máis próxima sobre o protagonismo das mulleres fotógrafas en Galicia. Na segunda parte, Silvia Omedes achegará os seus grandes coñecementos sobre a fotografía documental realizada por mulleres, e a continuación haberá unha mesa de relatorios na que Andrea Costas, Alba Díaz e Margarita Ledo Andión compartirán reflexións dende a súa mirada como creadoras. Pecharase co documental “Altas Luces”, un proxecto sobre fotografía, mirada e xénero da produtora Illa Bufarda.

Antesala
Como vén sendo habitual, a institución adiantouse á celebración coa xornada “A violencia económica” que se encaixa dentro do ciclo que o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) organiza para analizar as diferentes formas de violencia contra as mulleres. Nesta ocasión, en colaboración co Consello Galego de Relacións Laborais, achegouse a unha reivindicación histórica do feminismo e da loita das mulleres como era a independencia económica. Profesionais do ámbito da maxistratura, da avogacía, da inspección de traballo e dos sindicatos laborais achegaron o seu punto de vista sobre ese asunto.