Daniel Turienzo ten unha ampla traxectoria que combina experiencia profesional, académica e divulgativa que o converte nunha referencia para comprender a equidade educativa hoxe. É xefe de servizo no Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, coordina programas orientados á equidade e convértese nunha figura clave dentro das políticas que buscan reducir desigualdades e mellorar o acceso a oportunidades educativas en todo o territorio. Ademais, colabora habitualmente con medios como El País, The Conversation, Agenda Pública ou El Diario de la Educación.
A súa investigación céntrase en privatización, segregación escolar, escolarización temperá e, especialmente, equidade, un campo no que se consolidou como referente estatal e internacional. Na conferencia, Turienzo analizará os desafíos reais que afronta o sistema educativo explicando como as decisións políticas, os modelos de gobernanza, a estratificación social e certos procesos de mercado condicionan a igualdade de oportunidades. A súa intervención estará marcada polo rigor académico, a visión comparada e a capacidade de traducir datos complexos a propostas concretas de mellora.
A súa intervención terá formato dialogado co inspector de Educación Rubén Veloso Carnero, quen achegará unha mirada práctica, vinculada ao funcionamento real dos centros educativos, contribuíndo a conectar o marco teórico coa realidade cotiá das aulas.
O ciclo Pensarmos
A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo Pensarmos en xaneiro de 2019 co obxectivo de abordar os problemas da actualidade. Por este foro pasaron xa máis dunha vintena de conferenciantes como, por exemplo, María Dolors Comars, Margot Rot, Eva Veiga, Victoria Quintero ou Mar García Puig por citar só algúns dos máis recentes. Todas as intervencións están gravadas e, salvo desexo expreso dos autores, pódense consultar tanto desde o sitio web institucional como dende a nosa canle de YouTube.
Sección de Pensamento
Este ciclo está organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega que coordina Celia Pereira Porto e que ten como membros a Mariló Candedo Gunturiz, Francisco Castro Veloso, Ricardo Fandiño Pascual, Francisco Xose Fernandez Naval, Antonio Fernández Seoane, Ana Isabel García Arias, Nieves Herrero, Xoán Antonio Pérez Lema e Ana Gloria Rodríguez Alonso. Ademais do ciclo Pensarmos, a Sección organiza periodicamente outras actividades, entre as que destacan a revisión de figuras relevantes no mundo do pensamento e a análise da conexión que tiveron con Galicia persoeiros como Martin Heidegger, Simone Weil, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx.



