----

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da sociedade lucense da Liga Santaballesa

Un grupo de emigrantes naturais da comarca lucense da Terra Chá, naturais dos concellos de Vilalba, Trasparga, Xermade, Muras, Cospeito e Abadín crearon o 7 de outubro de 1907 na Habana a "Liga Santaballesa de Educación e Instrucción", que aínda segue activa. Libros de actas, de rexistro de socios, documentación sobre xuntas xerais, entre outros materiais, súbense hoxe á rede no marco do proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”, que promove o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Parte do material dixitalizado foi cedido pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, herdeira da antiga delegación desta entidade na parroquia de San Pedro de Santabaia en Vilalba (Lugo).

Son documentos de diferente tipo que permiten reconstruír o nacemento e evolución desta sociedade de emigrantes fundada en 1907 coa intención de “fundar en Santaballa un colegio de instrucción elemental y superior para niños y adultos de ambos sexos, sostenido por los recursos que entre todos se pudieran allegar por medio de cuotas voluntarias y permanentes” tal e como se pode ler na acta fundacional. Tiveron que psaar cinco anos ata que a asamblea aprobou o inicio das xestións para a edificar unha escola no lugar de Feiranova para todos os nenos e nenas da parroquia de San Pedro de Santaballa. En 1914 envía, por medio de Agustín López, –presidente da sociedade Unión Villalbesa, que estaba de viaxe por Galicia–, a cantidade de 5500 pesetas para iniciar e vixiar os traballos de construción do edificio escolar. Coa intención de axilizar as obras, creouse en Santaballa, a Junta Administrativa, que aínda segue activa baixo o nome de "Amigos da Liga Santaballesa”. No edificio, hoxe centro sociocultural da parroquia e Museo Pedagóxico, organízanse numerosas actividades culturais para a veciñanza.

O Colexio da Liga Santaballesa inaugurouse en 1916 como centro de ensino primario e casa do mestre. “Anos despois, a sociedade habaneira mandou cartos para a construción dunha nova escola no lugar de Fontepisón. Os edificios da súa propiedade foron sostidos economicamente dende a Habana ata a chegada da República, cando son alugados polo Concello de Vilalba que os mantén como escolas nacionais” explica o especial.
En setembro de 1938, como moitas sociedades da emigración, a entidade marcou un cambio de rumbo para centrarse na protección dos seus asociados e na organización de actividades recreativas.

O proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”
O AEG puxo en marcha en 2024 o proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”. A iniciativa promove a divulgación dos fondos documentais que se custodian neste Arquivo do CCG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega. A divulgación desta selección dos fondos é de periodicidade mensual, en cada entrega cólganse na Rede os documentos xerados por estas institucións, nos cales constan libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ou imaxes. A meta desta iniciativa é a de contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.
Entre os últimos números subiuse documentación das sociedades Progreso de Lanzós, El valle del oro, do Centro Galego de Lisboa, da sociedades Calo y Biduido, Hijos del Ayuntamiento de Boiro, Casa de Galicia ou Hermandad gallega de Venezuela, entre outros.