En liña coa celebración da poesía popular oral no ano das Letras Galegas, O Consello da Cultura Galega achega unha iniciativa que pretende por en valor o labor de mestres artesáns, músicos e estudosos da pandeireta. O proxecto comeza cunha xornada divulgativa que serve de antesala a unha exposición que achega a singularidade deste instrumento no noso país.
A xornada
O proxecto comeza cunha xornada que dará voz aos estudosos deste instrumento e na que se cederán documentos, material histórico e de nova creación aos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia do CCG. Comeza coa intervención titulada “O instrumento hoxe”, impartida por Suso Vaamonde, centrada no método e nas novas técnicas de interpretación, uso e enfoque dos toques tradicionais. Durante a sesión amosaranse tamén os primeiros estudos acústicos do instrumento, que pasarán a formar parte dos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia. Ademais, presentarase o método “Nova técnica de pandeireta galega”. A continuación, Xosé Maceda encargarase do bloque “A transmisión dos coñecementos”, no que abordará os arquetipos e as técnicas construtivas vinculadas á tradición.
Seguiralle outra sesión de “A transmisión dos coñecementos”, nesta ocasión impartida por Mercedes Autrán, que exporá o caso das pandeireteiras de Rois. Relatará a ilusión transmitida a unhas nenas hai corenta anos por unhas avoas cantareiras e por unha mestra implicada na preservación desta herdanza cultural. Presentaranse tamén gravacións orixinais que serán doadas aos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia.
A mostra
Baixo o mesmo título “A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral”, a mostra pretende “achegar a diferentes públicos (estudantes do instrumento, infantil pero tamén a profesionais…) o estado actual da pandeireta en Galicia. Así o afirma Luciano Pérez, comisario da mostra, que considera que, malia ser un instrumento moi popular “é un gran descoñecido por todas as innovación elaboradas polos diferentes mestres artesáns”.
A exposición reúne máis de vinte instrumentos históricos e contemporáneos, procedentes de coleccións privadas, fondos etnográficos e de recoñecidos grupos musicais galegos. As pezas distribúense en sete vitrinas temáticas —instrumentos históricos, tratamento do parche, sistemas de tensión, tratamento do marco, tradición e vangarda e entronque— que permiten comprender a evolución técnica e estética da pandeireta ao longo de máis dun século. Comeza cunha seleccións de instrumentos históricos como a pandeireta do artesán Manuel Fernández Martínez, o vello Barranco - que custou 20 pesetas no ano 1947- ou unha pandeira da colección do Real Coro Toxos e Froles de Ferrol de artesán descoñecido. Nesta vitrina inclúese tamén a pandeireta de Gonzalo Álvarez Martínez. primeiro artesán do que se ten noticia porque gravou o seu nome no instrumento.
“Imos amosar o que son fontes documentais, técnicas de construción, podemos ver o despece do instrumento e logo podemos escoitar audios sobre o son particular de cada un destes instrumentos” apunta Luciano Pérez.
A mostra tamén abordará a evolución dos parches, tradicionalmente feitos coa pel de ovellas e cabras que foron evolucionando. Primeiro co uso das mesmas peles pero con outros tratamentos (estabilizantes, curtidos, tinguidos, encolados...), ata simular de forma sintética (plásticos, vinilos e outros materiais) eses mesmos parches naturais, pero con vantaxes tecnolóxicas para mellorar a súa estabilidade e afinación. Ou tamén a evolución da ferreñas. Orixinariamente de ferro, hoxe en día son de folla de lata cun baño de estano de distintos grosores e formas (lisas, feitas con matriz, rizadas ou simplemente dobradas á man). Cada artesán ten a súa técnica e isto condiciona a intensidade do son.
Tamén se amosa un conxunto de prendas orixinais da cantareira da Chisca, nada no ano 1926, de Josefina Caeiro Freire e recreacións do ano 1986 pola cantareira de Rois, Mercedes Autrán Romero. A exposición, que se pode ver ata o 9 de xaneiro na Capela de Santa María en Lugo, ten prevista a súa itinerancia por Ferrol, Ourense e Pontevedra.



