----

Súbese ao proxecto “Sextina” unha investigación sobre os usos lingüísticos das familias de Pontevedra en 1974

O proxecto “Sextina”, que inclúe rarezas e documentos pouco coñecidos do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), inclúe hoxe un novo recurso no seu repositorio. Trátase de Las familias de la provincia de Pontevedra en 1974 unha publicación que recolle unha investigación promovida polo Instituto de Ciencias da Familia (INCIFA) e a Universidade de Notre Dame (Indiana) que fala sobre os usos lingüísticos das familias pontevedresas, nomeadamente sobre o lugar que ocuparon as mulleres na transmisión.

O estudo foi dirixido por Margarita Ayestaran Aranaz e Justo de la Cueva Alonso e atende á perda de galegofalantes coa intención de facer unha diagnose que permita reverter a situación ao inicio da década dos setenta. O estudo, centrado na familias da provincia de Pontevedra, presenta unha visión nesgada sobre o papel das mulleres na transmisión e conservación do idioma. A investigación contou con seiscentas entrevistadas e nomea ás mulleres como “amas de casa” e fai recaer, de xeito acrítico, un alto grado de responsabilidade sobre elas. É unha fonte de datos significativa sobre as formas de uso do galego como lingua vehicular por parte de nais de familias da Provincia de Pontevedra en 1974. Unha achega ás formas nas que articulan os seus procesos identitarios atendendo a lingua como elemento diferencial na construción da identidade galega.

Justo de la Cueva Alonso (1937 – 2017) e Margarita Ayestarán Aranaz (1934 – 2011) foron intelectuais e activistas da esquerda, con aportacións tanto teóricas (en socioloxía e ciencias sociais) como prácticas (militancia política), e hoxe son obxecto de estudo e preservación documental. Nesta investigación participaron Daniel Parrilla Casaleiro e a Guillermina Ayestaran Aranaz. Manuel Rodríguez Reguera foi o director do traballo de campo e contou cun equipo de entrevistadores formado por Manuel Álvarez Martínez, Francisco Ramón Armán Barcia, Manuel Costas Reyau, Jose Manuel Cotelo Amado, José Manuel Faro de Cela, Antonio Gude Rivas, José Luis Martínez Souto, Luciano Sánchez Calvo, José Antonio Santiago Villar e Alberto Suárez Villar, sendo María del Carmen Flores Sánchez a única muller.


Sextina
Sextina é un proxecto do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF). Ten como obxectivo dar visibilidade a aqueles libros, folletos ou documentos que compoñen os fondos do CDIF e que se consideran de especial interese, ben pola súa rareza, ben por seren pouco coñecidos debido á súa antigüidade, tipoloxía, forma de produción, procedencia ou xeito de difusión. Cada seis meses, e dende novembro de 2020, a Sextina incorpora unha nova publicación. A mulher hoje (1983), considerado como un dos primeiros documentos sobre educación non sexista publicados en Galicia; a Carta dos dereitos da muller traballadora (1983), folleto para reclamar a eliminación das discriminacións legais e a igualdade de oportunidades entre sexos, ou As mulleres tamén temos algo que decir sobre as eleccións (1982), no que se recollen unha serie de esixencias destinadas a erradicar a discriminación das mulleres, son algunhas das obras que conforman o proxecto. Entre os máis recentes destaca un número de As follas de Sísifo, revista literaria promovida polo Café Uff de Vigo na primeira metade da década dos oitenta, que falaba, entre moitos temas, do sexismo, patriarcado, o franquismo nos anos oitenta. A publicación daba voz ao activismo de colectivos minoritarios vencellados á cultura alternativa da cidade de Vigo.