NOTICIA

----

As conclusións dos XXVII Encontros para a Normalización Lingüística demandan recursos para os SNL e os EDLG

Os Servizos de Normalización Lingüística (SNL) e os Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) son dous colectivos que contan con máis de tres décadas de traxectoria e que resultan esenciais para a revitalización e o uso social do galego. Teñen un gran potencial humano pero necesitan dun cambio estrutural e de apoio económico para poder desenvolvelo. Reforzalos, incrementar os orzamentos e aproveitar as experiencias e os recursos que xestionan son algunhas das propostas que figuran nas conclusións dos XXVII Encontros para a Normalización Lingüística que se desenvolveron en outubro pasado. O documento de conclusións propón a derrogación do Decreto para o plurilingüismo, que a inspección educativa vele polo cumprimento dos Proxectos Lingüísticos de Centro, a aprobación urxente dunha normativa de ámbito supramunicipal que regule os SNL, ademais dun cambio de actitude das administracións públicas e un maior compromiso a todos os niveis. O documento, así como os vídeos das sesións, están dispoñibles para consulta.

En outubro pasado unha vintena de especialistas reuníronse no marco dos XXII Encontros para a Normalización Lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CCG). Daquel encontro sae un documento sobre a análise e propostas para os Servizos de Normalización Lingüística (SNL) e os Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG).

Con respecto aos SNL, alértase dunha distribución territorial profundamente desigual e un estancamento na súa creación nas últimas décadas, cunha implantación irregular nos organigramas institucionais, con precariedade orzamentaria, infradotación de persoal e sobrecarga de traballo. Propóñense unha serie de medidas, entre as que figuran aumentar o número de SNL e promover agrupamentos comarcais que garantan cobertura nas zonas rurais. "O obxectivo é consolidar unha rede estable, equilibrada e equitativa que cubra todo o territorio e chegue a toda a cidadanía" afirma o documento. “É urxente aprobar unha normativa de ámbito supramunicipal que regule a existencia, funcións e integración institucional dos SNL, garantindo a coherencia das políticas lingüísticas no conxunto do territorio” indica o texto, que tamén urxe un reforzo de persoal, a creación de espazos de innovación, un incremento orzamentario e “un cambio de actitude das administracións públicas e un maior compromiso político a todos os niveis”.

No que atinxe aos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, o documento destaca numerosas debilidades estruturais e operativas, entre outras a falta de persoal, carencias formativas e desaxuste entre o tempo asignado —1,6 horas— e o tempo de dedicación —3,9 horas—. Entre as súas propostas incídese nunha mellora da oferta a través do CAFI, un incremento do número de horas asignadas ao labor de coordinación dos Equipos, un aumento do orzamento e a modificación da forma de traballar, de xeito que sexa colaborativa (creación dunha rede de equipos que siga o modelo da Rede de bibliotecas escolares). Ademais, o documento afirma que “a aprobación do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo non contribuíu ao proceso de normalización lingüística, polo que se propón a súa derrogación”. Por outra banda, lamenta que a elevada implicación do profesorado contraste coa falta de “formación específica”, o “reducido tempo” e o “escaso orzamento” do que dispoñen para cumprir as súas funcións.

Nas conclusións saliéntase moi positivamente que ao longo dos Encontro se deu voz a unha nova xeración de mozos e mozas formados en proxectos de dinamización lingüística que hoxe empregan o galego de maneira consciente e habitual nas súas vidas persoais e profesionais. As súas intervencións evidenciaron que as accións normalizadoras funcionan, rompen prexuízos e crean espazos seguros para o uso da lingua, mais tamén que estes logros dependen en exceso do voluntarismo e da entrega persoal do profesorado e do persoal técnico.

Unha cita estable no calendario
Os Encontros para a Normalización Lingüística, que o CCG organiza desde 1993, consolidáronse como un espazo de reflexión, diálogo e propostas arredor da lingua galega, coa vontade de analizar a súa situación e promover accións que impulsen o seu uso social. En edicións anteriores abordáronse temas como a lingua nas exequias, na economía, na sustentabilidade lingüística, na arte como ferramenta de construción social, ou a transmisión interxeracional do galego, entre outros.

A actividade está coordinada por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, xunto con Luz Castro Pena, David Cobas Medín, Mónica Fernández Valencia, Ana Iglesias Álvarez, Manuel Maseda Deán, Rosa Moreiras Cuñarro, Bernardo Penabade Rei, Rosario Pérez Magdalena, Bieito Silva Valdivia e Xaime Varela Sieiro.